xoves, 20 de outubro de 2011

Uso predicativo e uso atributivo

É moi importante ter en conta estes dous usos de determinadas palabras, pois ás veces poden mudar a súa forma ou a súa tonicidade segundo sexan dun tipo ou do outro.

O uso atributivo é aquel en que unha palabra vai acompañada doutra da que depende. O caso máis común é o adxectivo. Un adxectivo é atributivo cando acompaña un nome: 
  •  O vello can é un compañeiro fiel

Porén, cando vai só, sen a compaña do nome, o adxectivo é predicativo: 
  •  O can é moi fiel

Non só acontece cos adxectivos. Outros elementos poden funcionar tamén atributiva ou predicativamente. Por exemplo, os cuantificadores fan esa distinción: 
  •   Coñeces algún bo restaurante por aquí? (=atributivo)
  •   Non, non coñezo ningún (=predicativo)


Determinados elementos só admiten un uso predicativo, como certos interrogativos (quen, cando, como), algúns indefinidos (ninguén, nada, alguén, algo). 
  •   Quen che dixo iso?
  •   Non coñezo ninguén aquí


En troques, outros só admiten un uso só atributivo (os artigos definidos, mais non os indefinidos), algúns cuantitativos (cada) 
  •    Cada día es máis parvo


O normal é que os cuantitativos admitan ambos os usos, mais no uso predicativo poden tomar unha forma invariábel dita neutra. Obsérvense os seguintes exemplos: 
  •    Preciso toda a información que teñas (=atributivo)
  •    Preciso esa información, daquela recompílaa toda (=predicativo)
  •    Preciso esa información, quero saber todo (=predicativo neutro)


 O uso atributivo ou predicativo inflúe en que un admita ou non contraccións. Cando é atributivo é átono, mais cando é predicativo é tónico:
  • Eu falei cun italiano sobre cinema.
  • Eu tamén falei con un.