luns, 11 de xaneiro de 2016

Focalización

A focalización é un procedemento polo cal unha parte da oración é posta en destaque, de modo que responde na maioría dos casos á estrutura X e non Y. Neses casos, fálase dunha estrutura marcada (isto é, unha estrutura que non é a máis frecuente).

Obsérvese o seguinte exemplo
  • Non coñezo o Pedro
Se quixermos insistir no obxecto o Pedro, hai varios modos de topicalizalo:
  1. A través dunha elevación prosódica do elemento focalizado: Non coñezo o Pedro (↑)
  2. A través dun movemento á esquerda, semellante coa topicalización: O Pedro (↑) non coñezo.
  3. A través da clivaxe: Quen non coñezo é o Pedro
  4. Coa axuda de determinados adverbios que poñen en destaque: Non coñezo mesmo/ sequera/ nin o Pedro.




domingo, 10 de xaneiro de 2016

'Vós' e 'vosoutros/as'

Á diferenza do que acontece con nós~nosoutros, a distinción entre estas dúas formas pronominais non se refire aos conceptos de inclusivo e exclusivo, porque vosoutros non pode ser tomado como a suma de eu + vós, como si é nós.

A diferenza entre vós e vosoutros/as limítase, xa que logo, a que vosoutros ten un valor excluente, mais ou menos como ti e mais esoutros:
  • Eu non sabía nada disto, mais si vosoutros

O VOLG di sobre isto:

Existe unha diferenza de significado entre vosoutros e vós. Mentres o primeiro delimita un grupo concreto, deixando fóra dese grupo todos os que non pertenzan a el, o segundo non marca esa fronteira



'Nós' e 'nosoutros/as'

Unha das diferenzas máis interesantes do galego é a distinción entre nós e nosoutros/as.

Nós ten un uso xeral, de referencia á primeira persoa do plural sen máis, que se acostuma dicir  de uso exclusivo.

Porén, para nosoutros/as o uso é moito máis restrito, pois refírsese a eu+ti. Por iso, fálase dun uso inclusivo.

O seguinte gráfico pode representar a diferenza:

nós
nosoutros/as

eu
tu
el
ela
(…)



eu
ti ~ vós


Por tanto, nós ten un uso xeral, válido para todos os casos, mentres nosoutros teno moito máis restritivo, porque de facto é tu e mais eu ou vós e mais eu.
  • Nós faremos a tradución (non inclúe forzosamente ti nin vós)
  • Nosoutros faremos a tradución (inclúe ti e/ou vós).



xoves, 7 de xaneiro de 2016

A clivaxe

A clivaxe é un procedemento para pór en destaque unha función dunha frase simple a través dun proceso en que a frase se torna composta coa axuda dunha estrutura de relativo e o verbo copulativo ser. Desta maneira, unha frase simple como:

(1)   A Maruxa comprou sardiñas no mercado

pode ser enfatizada grazas á clivaxe nos seus tres elementos principais: o suxeito, o obxecto e o adxunto (neste caso un locativo). Deste xeito, poderíamos clivar o suxeito así:

(2)   Foi/é a Maruxa que(n) comprou sardiñas no mercado
(3)   A Maruxa é/foi que(n) comprou sardiñas no mercado
(4)   Quen comprou sardiñas no mercado foi/é a Maruxa

Por outro lado, se o que queremos é clivar o obxecto:

(5)   Foron/son sardiñas o que a Maruxa comprou no mercado
(6)   Sardiñas é/foi o que a Maruxa comprou no mercado
(7)   O que a Maruxa comprou no mercado foron/son sardiñas

Finalmente, a clivaxe do adxunto sería:

(8)   Foi/é no mercado que/onde a Maruxa comprou o peixe.
(9)   No mercado foi/é onde/que a Maruxa comprou o peixe.
(10)    Onde a Maruxa comprou o peixe é/foi no mercado

Con todo, como se observou anteriormente, existe máis dun modo de clivar oracións, hai varios modelos, que son as que tentaremos desenvolver aquí. 

Se aplicarmos ao galego as normas portuguesas de clivaxe, cando este proceso afecta ao obxecto e ao adxunto (mais nunca ao suxeito, encontraríamos aínda dúas hipóteses):

(11)   A Maruxa comprou na feira é sardiñas (feita sobre 7.)
(12)     A Maruxa comprou o peixe é no mercado (feita sobre 10.)

Nestes dous últimos exemplos, o que se fixo foi omitir os relatores. Trátase de construcións comúns en portugués que non se escoitan no galego falado.