venres, 30 de outubro de 2020

Cláusulas relativas

As cláusulas relativas en galego son formadas como no resto de linguas románicas. 

Consiste na inserción dunha cláusula dentro doutra por medio dun relator.

Exemplo:

  • Xoán tivo un fillo. O fillo de Xoán é louro

Nas dúas cláusulas, o elemento común é fillo. A cláusula relativa fai referencia a el grazas a un relator:

  • Xoán tivo un fillo que é louro

Desta maneira, que ten como referente fillo.

Mais nin sempre existe un referente, ou este é fóra, ou até é extralingüístico:

  • Quen non traballa non gaña cartos
  • O que dis non fai sentido ningún

As cláusulas relativas sen referente poden cumprir todas as funcións sintácticas:

1. Suxeito

  • [Quen gañou o campionato] venceu limpamente
2. Obxectos
  • Botaron ao lixo todo [o que sobrou]
  • Referíame [ao que me aconteceu]
  • O can ladraba [aos que pasaban preto da casa]
3. Adxunto
  • Esta xente é moi probre, ergueu a casa [onde puido]

Os relatores son de natureza pronominal e, por súa vez, á diferenza dos complementadores, teñen unha función sintáctica a respecto do verbo da cláusula dependente.

Obsérvese:

  1. Complementador: Espero que desfrutes moito || dixo que estaba doente
  2. Relator: Estrangallou un aparello que custaba moito diñeiro
Daquela, os relatores poden cumprir todas as funcións sintácticas que emanan do predicado:

1. Suxeito

  • O rapaz que mercou a casa chámase Pedro

2. Obxecto directo

  • A casa que mercamos saíu moi barata



3. Obxecto indirecto

  • A muller a quen deron á má noticia é a miña veciña


4. Obxecto oblicuo

  • O billete [con que pro pagaches cun billete] era falso

5. Adxunto

  • A casa [onde PRO rodaron o filme nunha casa] era toda dixital

Para o uso de onde, véxase aquí.

Doutra parte, as cláusulas relativas, segundo criterios semánticos, son de dous tipos: especificativas e explicativas.

Obsérvese a diferenza entre estes dous exemplos e tamén os signos de puntuación (vírgulas):

  • Os rapaces que están doentes non poden acudir hoxe á escola >> reférese só aos rapaces donetes, non a todos.
  • Os rapaces, que están doentes, non poden acudir hoxe á escola >> non especifica, só esclarece.
Ademais, no primeiro caso, cabe a posibilidade de usar indicativo ou conxuntivo:
  • Os rapaces que están doentes non poden acudir hoxe á escola >> o falante sabe que hai rapaces doentes.
  • Os rapaces que estean | estiveren doentes non poden acudir hoxe á escola >> o falante sospeita que hai rapaces doentes, mais non ten certeza absoluta. A forma en futuro de conxuntivo é só propia dun galego moi formal, non se dá no galego común, que prefire a forma con presente de conxuntivo.
Canto aos relatores:
Todos estes relatores tamén son interrogativos.

Canto a quen, é invariábel, aínda que se refira ao plural:
  • Os rapaces a quen deches as boas vindas veñen de moi lonxe?
Cómpre ter en conta unha gralla moi común, por influencia do castelán, mais que practicamente ningunha gramática se fai eco: as construcións de relativo non acostuman ter artigo cando van antecedidas de preposición:
  • A casa en que vivo e non *A casa na que vivo.
  • As persoas de que che estou a falar e non *As persoas das que che estou a falar.
  • A estrada por que viaxamos e non *A estrada pola que viaxamos.