sábado, 30 de xaneiro de 2010

Prosodia: casos de acentuación distinta en galego e castelán

Hai abondos casos en que a sílaba tónica en galego cae nunha sílaba diferente do castelán. Estes son os casos principais:
  •  Acne.
  •  Aerólito.
  •  Aeromancia.
  •  Aeróstato.
  •  Afrodisíaco.
  •  Ágar-ágar.
  •  Albumina.
  •  Áloe.
  •  Alumina.
  •  Alvéolo.
  •  Amálgama.
  •  Ambrosía.
  •  Amoníaco.
  •  Anáglifo.
  •  Anemone.
  •  Anódino.
  •  Antófito.
  •  Apoplexía.
  •  Aréola.
  •  Argon.
  •  Arquidiocese.
  •  Ascaridíase.
  •  Atmosfera.
  •  Auréola.
  •  Austríaco.
  •  Autólise.
  •  Avaro.
  •  Bálano.
  •  Bérber.
  •  Biosfera.
  •  Biotipo.
  •  Bosníaco.
  •  Bractéola.
  •  Bronquíolo.
  •  Capnomancia.
  •  Cardíaco.
  •  Cartilaxe.
  •  Cataplexía.
  •  Celíaco.
  •  Celtibero.
  •  Cénit.
  •  Centríolo.
  •  Cepelín.
  •  Ceraunomancia.
  •  Chofer.
  •  Ciclope.
  •  Citólise.
  •  Cleptomaníaco.
  •  Cóctel.
  •  Cóengo.
  •  Conclave.
  •  Coprólito.
  •  Cripton.
  •  Crisólito.
  •  Cromosfera.
  •  Cuadriga.
  •  Daguerrotipo.
  •  Décatlon.
  •  Demoníaco.
  •  Diáclase.
  •  Dínamo.
  •  Diocese.
  •  Dionisíaco.
  •  Ecotipo.
  •  Eléctrodo.
  •  Electrólise.
  •  Electrólito.
  •  Elefantíase.
  •  Elexíaco.
  •  Elite.
  •  Énclise.
  •  Endócrino.
  •  Endosfera.
  •  Endosmose.
  •  Epizootia.
  •  Eritrocito.
  •  Esexese.
  •  Esexeta.
  •  Espécime.
  •  Esporófito.
  •  Estereotipo.
  •  Estratosfera.
  •  Exoftalmía.
  •  Exosmose.
  •  Fagocito.
  •  Fenotipo.
  •  Flúor.
  •  Folíolo.
  •  Fotólise.
  •  Fotolito, de fotolitografía.
  •  Fotosfera.
  •  Ftiríase.
  •  Fútbol.
  •  Gametófito.
  •  Gladíolo.
  •  Glicólise.
  •  Granulocito
  •  Halófito.
  •  Helióstato.
  •  Hemacia.
  •  Hemiplexía.
  •  Hemólise.
  •  Heroe.
  •  Hidrólise.
  •  Hidrosfera.
  •  Hieróglifo.
  •  Hipermetrope.
  •  Hipocondríaco.
  •  Histólise.
  •  Ibero.
  •  Ilíaco.
  •  Ionosfera.
  •  Isóbara.
  •  Isóscele.
  •  Lauréola.
  •  Leontíase.
  •  Leucocito.
  •  Lígur.
  •  Linfocito.
  •  Linotipo.
  •  Lipólise.
  •  Litíase.
  •  Litóclase.
  •  Litosfera.
  •  Logotipo.
  •  Macrocito.
  •  Magnestosfera
  •  Magnetosfera.
  •  Maléolo.
  •  Maníaco.
  •  Medula.
  •  Megálito.
  •  Melanocito.
  •  Mesóclise.
  •  Mesosfera.
  •  Meteoro.
  •  Míase.
  •  Micrólito.
  •  Midríase.
  •  Mielocito.
  •  Mísil.
  •  Molibdeno.
  •  Monocito.
  •  Monólito.
  •  Monoplexía.
  •  Monotipo.
  •  Nefrolitíase.
  •  Nefrólito.
  •  Neófito.
  •  Neon.
  •  Nigromancia.
  •  Nucléolo.
  •  Oboe.
  •  Oftalmía.
  •  Olimpíada.
  •  Omoplata.
  •  Oniromancia.
  •  Onomancia.
  •  Oocito.
  •  Oólito.
  •  Oosfera.
  •  Ornitomancia.
  •  Osmose.
  •  Osteófito.
  •  Osteófitos.
  •  Osteomalacía.
  •  Ostíolo.
  •  Otólito.
  •  Ozonosfera.
  •  Paraplexía.
  •  Parasito.
  •  Paxaro.
  •  Pecíolo.
  •  Pelicano.
  •  Pénsil.
  •  Pentagrama.
  •  Péntatlon.
  •  Períclase.
  •  Período.
  •  Perístilo.
  •  Petróglifo.
  •  Pexego.
  •  Pirólise.
  •  Piromancia.
  •  Pirosfera.
  •  Pitiríase.
  •  Plasmólise.
  •  Plaxióclase.
  •  Políglota.
  •  Prénsil.
  •  Próclise.
  •  Proteólise.
  •  Prototipo.
  •  Psoríase.
  •  Quefir.
  •  Quiromancia.
  •  Rabdomancia.
  •  Radiólise.
  •  Radon.
  •  Raíl.
  •  Ránking.
  •  Reóstato.
  •  Réptil.
  •  Reticulocito.
  •  Reuma.
  •  Réxime.
  •  Rícino.
  •  Rizosfera.
  •  Rodófito.
  •  Roséola.
  •  Rubéola.
  •  Rubéola.
  •  Saprófito.
  •  Satiríase.
  •  Siderólito.
  •  Sideróstato.
  •  Simoníaco.
  •  Solvólise.
  •  Támil.
  •  Taxon.
  •  Térmite.
  •  Termólise.
  •  Termosfera.
  •  Termóstato.
  •  Tetraplexía.
  •  Téxtil.
  •  Traquea.
  •  Tríatlon.
  •  Tricófito.
  •  Tríglifo.
  •  Trílito.
  •  Triquíase.
  •  Trocomoníase.
  •  Trombocito.
  •  Troposfera.
  •  Varíola.
  •  Vertixe.
  •  Vitríolo.
  •  Xenon.
  •  Xenotipo.
  •  Xeomancia.
  •  Xermolo.
  •  Xeroftalmía.
  •  Xeróglifo.
  •  Xílgaro.
  •  Xilin.
  •  Xiróstato.
  •  Zodíaco.
  •  Zoófito.
  •  Zoólito.
  •  Zóster.

Énclise e próclise con verbos finitos simples

A posición natural dos clíticos é a énclise, isto é, despois do verbo.

Aos efectos da acentuación, o clítico forma unha unidade co verbo:
  • dixen, mais díxenlle
  • falas, mais fálalo
  • partín, mais partino
  • falou, faloume, mais falóuseme
  • entendo, mais enténdoo
 Algunhas formas acentuadas por teren un diacrítico manteñen o dito diacrítico:
  • éévos
  • pór pórlle
A próclise, isto é, a colocación do clítico diante do verbo, prodúcese en varias circunstancias. Este movemento vén provocado pola presenza de certos elementos na frase:

1. Cunha partícula negativa (non, nunca, xamais):
  •  Non me dixeron a verdade.
  • Eles nunca nos confían os seus segredos. 
2. En cláusulas dependentes introducidas por calquer complementador (que, como, se, cando, onde, mentres...)
  • Espero que nos deixen entrar.
  • Mentres vos acuriosades un pouco, nós imos tomar algo por aí fóra.
  • Non esquezades chamarnos cando vos lembredes.
3. Con certos adverbios como tamén, xa, si
  • Si nos deron o seu número de telemóbil
  • Xa te recordo, ho. 
4. Con determinados elementos focalizados (adverbios, pronomes)

  • Ben o coñezo
  • Todo mo deu el
  • Axiña cho digo (mais tamén: axiña dígocho)

Contraccións

En galego existen ducias de contraccións entre preposicións e outros elementos tales que artigos, demostrativos, etc., aínda que non son as únicas opcións.

Estas son as posibilidades de contraccións ortográficas:

A
  1. o:  ao, á, aos, ás
CON
  1. o: co, coa, cos, coas
  2. un: cun, cunha, cuns, cunhas
DE
  1. o: do, da, dos, das
  2. un: dun, dunha, duns, dunhas
  3. algún: dalgún, dalgunha, dalgúns, dalgunhas
  4. este: deste, desta, disto, destes, destas
  5. ese: dese, desa, diso, deses, desas
  6. aquel: daquel, daquela, daquilo, daqueles, daquelas
  7. outro: doutro, doutra, doutros, doutras
EN
  1. o: no, na, nos, nas
  2. un: nun, nunha, nuns, nunhas
  3. algún: nalgún, nalgunha, nalgúns, nalgunhas
  4. este: neste, nesta, nisto, nestes, nestas
  5. ese: nese, nesa, niso, neses, nesas
  6. aquel: naquel, naquela, naquilo, naqueles, naquelas
  7. outro: noutro, noutra, noutros, noutras
POR
  1. o: polo, pola, polos, polas
Tamén é posíbel achar:

CADA
  •  cadanseu, candansúa, cadanseus, cadansúas (formados a partir de cada un seu/súa)
ESTE
  • estoutro, estoutra, estoutros, estoutras
ESE
  • esoutro, esoutra, esoutros, esoutras
AQUEL
  • aqueloutro, aqueloutra, aqueloutros, aqueloutras

NOTA: É moi importante salientar que non hai contracción con un/unha cando se tratan de pronomes e, por tanto, aparecen sós:
  • Faleiche de un que non ten vergoña
  • Ven con unha que coñezamos todos.

venres, 29 de xaneiro de 2010

"cantara" ~ "cantase"

En galego estas dúas formas non son alternativas como acontece en castelán.

CANTARA corresponde ao prepretérito de indicativo, un tempo que en galego é simple, equivalente en castelán a había cantado e en portugués a tinha cantado (cantara en portugués é arcaico).

CANTASE corresponde ao pretérito de subxuntivo ou conxuntivo e ten a mesma forma en portugués (alén da mudanza ortográfica: cantasse), mais en castelán admite dúas formas: cantara ou cantase. Esta alternancia castelá aplícase incorrectamente ao galego, de modo que se di:
  • *Sería mellor que compraras uns doces para os convidados.
En troques, o correcto é:
  • Sería mellor que comprases uns doces para os convidados.
Convén por tanto ter presente as equivalencias:

 

"Anaco", "bocado" e outras palabras da familia

Existen unha serie de palabras en galego que fan referencias a cantidades ou calidades pequenas, tanto de substantivos contábeis como incontábeis. Estas son as máis comúns:

ANACO

Úsase para o tempo e para calquera obxecto incontábel:
  • Vas quedar aquí un anaco?
  • Queres pan? Si, dáme un anaco, fai o favor.
BOCADO / BOCADIÑO 

Úsase igual que anaco. É típico úsalo tamén como cuantificador valorativo.
  • A túa moza é un bocadiño timida, non?
CHISCO

Normalmente úsase como un chisco (de).
  • Ando un chisco apurado
INTRE

Úsase exclusivamente como un substantivo de medición de tempo, sinónimo de instante.
  • Agarda aquí un intre, queres?
NOTA: Neste contexto é preciso non usar nunca rato, castelanismo totalmente incorrecto, porque rato en galego é ratón en castelán. Daquela unha expresión como espera un rato significa algo así como estou á espera dun rato.

Existen, ademais, dúas palabras que a normativa non acepta, aínda que algunha delas se usa en portugués e ambas son comúns na fala:

CACHO

Del deriva escachar. Úsase tamén como partitivo e para expresións de tempo:
  • Véxote deica un cacho, eh?
  • Non collas ese cacho de carne que é moi ruín.
PEDAZO 

Como partitivo e tamén para expresións de tempo:
  •  Pilla este pedazo (de tarta) e cala a boca
  • Virá deica un pedazo.

Uso de "x"

Este grafema ten dous valores principais. O primeiro é /S/:
  • xente
  • xurdir
  • teoloxía
  • cirurxián
  • baixo
O segundo é /ks/. Aparece nalgúns casos que non coinciden co castelán (mais si co portugués) como:
  • taxa
  • Bruxelas
Cando se dá o encontro de dous xis nunha mesma palabra, onde teñen cadansúa pronunciación, o que debía soar /ks/ escríbese como (así e todo, é posíbel usar dous "x" en moitas destas palabras)
  • esixir (exixir)
  • osíxeno (oxíxeno)
  • esaxerar
  • esexese
Non é o caso do verbo expor/expoñer no pasado, onde ambos os xis se manteñen:
  • expuxen, expuxeches, expuxo, etc.
Non hai "x" senón "s" en:
  • estraño
  • estranxeiro
  • escusa
  • escusado
  • estender (mais extensión, extenso)
  • Estremadura
  • escavar
Obsérvese a diferenza entre esperto ('que espertou') e experto ('con experiencia')

Polo demais, o uso de "x" culto adoita coincidir co castelán e o portugués.

É importante facer notar que a equivalencia do /S/ galego co /x/ non é sempre automática. Eis algúns exemplos en que o galego presenta /S/ onde o castelán presenta /dZ/:
  • xa
  • cónxuxe
  • proxecto
  • traxecto
  • inxección, inxectar
  • abxecto
  • exección

Uso de "h"

Este grafema, en xeral mudo, ven sendo utilizado conforme criterios etimolóxicos.

Non levan nunca palabras como:
  • orfo
  • ovo
  • irmán
  • ombro, ombreiro
  • oco
  • óso
  • baía
  • ola (saúdo)
  • ala (exclamación)
En troques, levan sempre <-h-> inicial ou interior:
  • subhasta
  • filharmónica
  • harmonía (e derivados)

Usos de "b" ~ "v"

Aínda que o sistema ortográfico do galego sexa unha adaptación do castelán, existen algúns casos en que o uso dos dous grafemas que representan o fonema /b/ son diferentes en certos casos que convén coñecer para evitar grallas ao escribir.

-B-

Estas son algunhas das palabras que se escriben con en galego, mais con en castelán:

  •  marabilla
  •  beira
  •  baleiro
  •  móbil (e derivados: mobilidade, mobilización, mais mover)
  •  abeiro
  •  rebentar
  •  abelá
  •  nobelo
  •  bolboreta
  •  balor (castelán 'moho', distinto daquela de valor).

-V-

Estas son algunhas das palabras que se escriben con en galego, mais con en castelán:

  • varrer
  • vasoira (relacionada etimoloxicamente con basura)
  • vermello
  • voda
  • acivo e acivro
  • vulto
  • avogado
  • gravar (para as dúas formas do castelán: grabar e gravar).
  • avó, avoa
  • voitre
  • acivro
  • verniz,
  • garavanzo
  • verza
  • covarde
  • esvarar
  • visgo
  • pavillón
  • esvelto
  • ravo (castelán rábano e diferente daquela de rabo).
Hai algúns casos de ortografía dubidosa:
  • viúva
  • dúbida (port. dúvida)
  • débeda (port. dívida). 

Uso de "haber" e "ter" como auxiliares

HABER (1)
 
O verbo haber ten un uso moi limitado en galego, ao contrario do que acontece noutras linguas románicas.

En primeiro lugar, non é verbo auxiliar de formación de tempos compostos como en castelán. Non se di por tanto *hei visto, *has cantado.

En segundo lugar, haber emprégase para construír dous tipos de estruturas:

1. Para expresar consellos  (en tempo condicional):
  • Haberías lavar o auto máis a miúdo, porque xa nin se sabe de que cor é.
2. Para expresar obrigas leves (normalmente en presente de indicativo)
  • Heiche dar o enderezo do meu curmán
  • Has ler o último artigo dese xornalista, non ten desperdicio.

HABER (2)

O haber impersoal só se usa, como nas máis das linguas románicas, na terceira persoa do singular e é invariábel, sendo a súa forma no presente de indicativo: hai.

O haber impersoal úsase en galego para indicar:

1. A existencia, presenza ou estadía:
  • Hai catro ovos no frigo aínda.
  • Había vinte persoas na fila diante de min.
  • Houbo un tempo en que estas cousas non pasaban.
2. En expresións temporais (no canto de *fai) que é unha forma tomada do castelán:
  • Hai anos que non sei nada del.
  • Non as vexo desde hai cinco meses.

TER

Como verbo ordinario, é o verbo normal de posesión. Alén diso, ten uns usos auxiliares que imos enumerar a seguir:

1. Como parte dunha locución que adoita expresar hábitos pasados ou accións moi repetidos no pasado.
  • Meu pai ten pescado neste peirao toda a súa vida até que xa non puido vir a pé.
  • Téñoche dito mil veces que non berres.
2. Como modal temporal, úsase normalmente na forma non finita (infinitivo)
  •  Despois de ter casado cinco veces, aínda quere repetir (porén tamén é correcto: despois de casar cinco veces...)
3. Nas chamadas cláusulas condicionais imposíbeis (tipo III):
  • Se eu tivese esmagado o auto, non estaría agora aquí.
  • Se os turcos non tivesen ocupado Istambul, hoxe falaríase grego alí.
O galego, porén, prefire o uso das formas simples. En moitos casos onde outras linguas usarían formas compostas, o galego preferirá as simples. Aínda así, si existe un uso de ter como verbo auxiliar dos tempos compostos..


Obxecto directo de persoa con "a"

Unha das cuestións máis complicadas na lingua galega é o uso da preposición a co obxecto directo (OD) referido a persoa. En xeral, os falantes comúns tenden a usala igual que se fai en Castelán, cando isto non é correcto. Doutra banda, non se usa igual que noutras linguas, como francés ou catalán, mais tampouco como en portugués, que prescinde da preposición nos máis dos casos.

Véxase o relativo á estrutura dos sintagmas proxección dun nome para unha mellor comprensión do que vén a seguir.

Por tanto, trataremos de estabelecer as normas que rexen o uso desta preposición co obxecto directo.

1. Úsase a preposición

a. Cando o OD é un nome propio
  • Saúda a María, ho.
      Mais se o nome propio leva artigo definido (SD), daquela non se engade preposición (vid. abaixo 2.c):
  • Coñeces o Pedro? e non *Coñeces ao Pedro?
b. Cando o OD é un pronome
  • Non coñecín a ninguén pola rúa
  • Viches a alguén na praza
  • Saudeivos a vós, non recordas?
  • Respecta a quen che axuda.
  • Atende primeiro a estes, que teñen présa. 
c. Cos nomes de parentesco cando van introducidos só polo posesivo, sen artigo:
  • Coñecín a teu pai o outro día, mais: Coñecín o teu pai o outro día.
 2. Omítese a preposición

a. Cun SN
  •  Coñezo xente que é moi hábil para estas cousas.
  • Contratei traballadores da aldea veciña.
b. Cun SQ
  • Vin uns nenos aí fora
 c. Cun SD (excepto se se tratar dun pronome,vid.1.b)
  • Vouche presentar o meu socio.



Tipos de sintagmas como proxección dos nomes

En galego, como en todas linguas románicas, existen distintos tipos de sintagmas que son proxección dun nome.

Esquematicamente, podemos establecer os tipos de sintagmas paranominais da seguinte forma (atendendo para o facto de que a súa ampliación é sempre para a esquerda):

1. Sintagmas só co nome (xeralmente obxectos), aínda que poden ir acompañados dun Sintagma Adxectivo.
  • Merquei [SN [ N azucre [SA[A integral]]]]
2. Sintagmas cun determinante (artigo definido, posesivo, demostrativo) antes do nome.
  • [ SD[D O meu [SN[ N auto [SA [A novo]]]]]] é unha marabilla.
3. Sintagmas cun cuantificador (artigo indefinido, cuantificador propiamente dito):
  • [SQ [Q Moita [SN [N xente]]]] non quere esa estrada aquí.
  • Dáme [SQ [Q unha [SN [N caixa]]]], por favor.
    4. Sintagmas con preposición (poden ter determinante ou non).
    •  A señora marchou [SP [P para [SD [D a [SN [N casa]
    • Merquei [SD [D estas [SN [N camisolas ]]]] [SP [P para [SD ti]]]]
    É fundamental aclarar que un Sintagma Determinante pode ter tamén como núcleo un Pronome Persoal (véxase o exemplo anterior).

    Isto quer dicir que arredor dun nome, sen atender que haxa un Sintagma Adxectivo, poden existir tres proxeccións:

    SN > N
    SD > D + SN
    SQ > Q + SN
    SP > P + SD/SQ
              P + SN

    martes, 26 de xaneiro de 2010

    "Lavei a cabeza"

    En Galego non se usan como reflexivos aqueles verbos cuxa parte reflexiva corresponde ao obxecto indirecto. En Castelán úsase un pronome reflexivo, mentres que noutras linguas, como o francés, prefírese un posesivo:

    GL:
    • Onte lavei a cabeza e non: *onte laveime a cabeza
    • Cando vas pentear eses pelos?
    • Quitou a barba hai un par de días.
    • Levamos un par de litros de viño para a casa.
     ES:
    • Ayer me lavé la cabeza
    • ¿Cuándo te vas a peinar ese pelo? 
    • Se quitó la barba hace un par de días 
    • Nos llevamos un par de litros de vino para casa 
     É moi importante ter en conta estras construcións, enxebremente galegas, evitando utilizar as castelás no seu lugar.

    "Estou a falar" ou "estou falando"

    Conforme a norma galega, ambas as estruturas son correctas.

    De facto, dentro do noso ámbito galego-portugués, en Portugal úsase a primeira fórmula, mentres que no Brasil prefiren a segunda.

    En Galego sería recomendábel servirse da primeira. Hai diversos verbos que rexen estas estruturas de a + INF, entre os cales son os máis comúns:
    1. estar: estamos a atravesar unha zona de turbulencias
    2. seguir: espero que non sigas a dicir tanta baballada
    3. continuar: os veciños continuaron a meter máis e máis ferralla na casa.
    4. levar: levamos tres meses a traballar sen calefacción.

    "Cando neno"

    En Galego, para se referir a un período da vida, é un castelanismo usar a preposición de, copiando estruturas do Castelán como: *de pequeno, *de maior, *de adolescente.

    No seu lugar pódense empregar as seguintes opcións:


    CANDO
    • cando neno, cando mozo, cando vello, cando maior
     DA QUE ERA
    • da que era neno, da que era mozo...
    SENDO
    • sendo neno, sendo mozo...
     En Portugués, neste caso, úsase em:
    • em criança, em velho...

    "Aprender": o seu uso en Galego

    O verbo aprender ten un uso de seu en galego que non se corresponde co castelán nin co portugués, mais si co francés, porque ten dous significados.

    1. En primeiro lugar, aprender  significa 'adquirir coñecementos':
    • O meu irmán está a aprender francés na escola.
    • Cando neno aprendín a traballar a madeira co meu avó.
    2. En segundo lugar, é sinónimo de 'ensinar', co cal é un verbo que se separa como diciamos antes do castelán e abéirase ao francés:
    • Aprendéronme a conducir cando xa tiña corenta anos.
    • Por que non vas a algures para que che aprendan a falar en público?
    Por tanto, no segundo caso, o uso de aprender en galego é correcto de todo.

    "Te" e "che"

    O galego é a única lingua románica que distingue, ao nivel dos clíticos, entre acusativo e dativo na segunda persoa do singular xunto co romeno ou romanés.

    A distinción de acusativo e dativo correspóndese coa diferenza entre obxecto directo e indirecto respectivamente.

    Nas linguas románicas a distinción entre acusativo e dativo faise na terceira persoa. Obsérvense os seguintes exemplos de diversas linguas románicas:

    FR:  
    • Est-ce que tu vois Pierre? Oui, je le vois. (acusativo)
    • Est-ce que tu vois Piere? Oui je lui vois la tête. (dativo)
     IT:
    •  Vedi Piero? Non, no lo vedo. (acusativo)
    • Vedi Piero? Sí, gli vedo la testa. (dativo)
    ES:
    • ¿Ves a Pedro? No, no lo veo. (acusativo)
    • ¿Ves a Pedro? Sí, le veo la cabeza. (dativo)
    GL:
    • ¿Ves a Pedro? No, no o vexo. (acusativo)
    • ¿Ves a Pedro? Si, véxolle la cabeza. (dativo)
    Ben, esta mesma distinción faise coa segunda persoa ademais en Galego:
    • Vesme? Si, véxote
    • Vesme? Si, véxoche a cabeza
     Obsérvese como moitos verbos admiten dous obxectos, un directo e outro indirecto. Normalmente, cando se pode engadir a palabra 'algo' estamos perante un obxecto directo, polo que poderíamos aplicar unha norma que serve en moitos casos (non en todos):
    • facerche algo fágoche algo
    • dicirche algo dígoche algo
    • darche algo douche algo
    • pedirche algo pídoche algo
    En troques, outros non admiten ese che con 'algo' ou 'alguén':
    • entender algo/alguén enténdote (mais: enténdo·che as ideas)
    • coñecer algo/alguén coñézote (mais: coñézo·che as debilidades)
    • aprezar algo/alguén aprézote moito
     Os verbos de 'gusto' sempre levan dativo:
    •  Gústache a crema de chocolate?
    • Préstache o café tan forte?
    Tamén outros verbos como doer rexen dativo:
    • Dóeche a cabeza?
    E o dativo de solidariedade constrúese sempre con che:
    • Éche a cousa máis fata que nunca ouvín
    • O tipo fálache cinco idiomas perfectamente
    • Vaiche boa. 
    En troques, as construcións reflexivas requiren te:
    • Lávaste hoxe ou non che toca?
    • Explícaste coma un libro fechado, meu.
    E o mesmo acontece cos verbos pronominais:
    • Non te queixes tanto
    • Non te preocupes que todo irá ben. 
    A forma che contrae con o(s)/a(s):
    • As noces, tróuxenchas todas.
    • Non cho vou repetir máis veces.

    Algúns conectores temáticos

    Estes son algúns conectores temáticos en Galego, que serven para introducir un tema xa coñecido ou mencionado nun discurso:

    CANTO A 

    Evítese en canto a.
    • Canto á túa proposta, imos examinala atentamente.

    A RESPECTO DE / RESPECTO A
    • A respecto da redución das emisións, o relatorio é moi concreto.

    A TEOR DE

    É moi culto, propio da lingua escrita en niveis moi formais.
    • Quero facer algúns comentarios a teor dos artigos publicados recentemente.

    NO RELATIVO A
    • No relativo ás pensións, o goberno tenta transmitir calma.

    NO TOCANTE A
    • No tocante ás miñas cousas, espero que as respectes.

    EN RELACIÓN A
    • Quero facer un  par de apuntamentos en relación aos comentarios que ouvín.
    SOBRE ISTO / SOBRE ESTA CUESTIÓN

    Moi empregado na fala
    • Sobre isto, eu quería dicir un par de cousas antes de comezarmos a discusión.

    Regras de acentuación dos ditongos decrecentes

    As palabras agudas rematadas en ditongo decrecente (aqueles ditongos que rematan en -i- ou -u-) non se acentúan en galego, á diferenza do castelán, onde si se acentúan. É importante estar atentos a esta norma. Obsérvense os casos seguintes onde NON hai acentuación en galego:
    • ademais
    • xamais
    • fatais
    • vicerrei
    • papeis
    • españois
    • azuis
    • bonsai
    • falei
    • roubou
    • xudeu / xudeus
    • bacallau / bacallaus
    Si se acentúa, porén, a combinación -uí-:
    • xesuíta
    • posuír
    • circuíto

    Os grupos -cc- e -ct- tras -i- e -u-. O grupo -scrición

    A normativa galega actual (2003) indica que as palabras que anteriormente se escribían con -cc- e -ct-  pasan a reducir o primeiro -c- cando diante vén -i- ou -u-. Deste xeito, agora hase escribir:
    • dición, dicionario
    • produción, produto
    • estrutura etc.
    Existen excepcións a esta norma, nomeadamente cando se trata de termos moi cultos, en cuxo caso se manteñen as dúas consoantes:
    • ficción
    Véxase ademais o verbo reflectir, que mantén o grupo en todo o paradigma:
    • reflectir (e todo o seu paradigma: reflicto, reflictes, reflicte, reflectimos, reflectides, reflicten (...), reflicta, reflictas...
    Ademais, os derivados cultos de escribir presentan a forma -scrición (fronte ao castelán -scripción):
    • inscrición, 
    • descrición
    • adscrición

    "Máis" ~ "mais"

    MÁIS

    É un adverbio de cantidade, o contrario de menos.
    • Espero que che aprendan máis cousas na escola, fillo...

    MAIS

    É unha conxunción adversativa equivalente a pero.
    • Podes quedar esta noite, mais mañá haberás buscar outro sitio onde durmir

    E MAIS

    É unha forma reforzada da conxunción e. Neste caso mais non leva acento:

    • Has mercar os tixolos e mais o cemento

    Sobre "gañar", "gaña" e outros termos relacionados.

    Existen unha serie de formas que dan lugar á confusión, nomeadamente no confronto co español:

    GAÑAR

    O verbo galego gañar é o equivalente ao castelán "ganar".

    GAÑO

    Aínda que o dicionario recolle ganancia como derivado postverbal, existe ademais unha forma moito máis enxebre coincidente coa portuguesa: gaño, mais nunca *gañancia que é unha aberración.

    GANAS/GAÑAS

    Ora ben, xorde a dúbida sobre "ganas", da expresión castelá "tener ganas". Esta expresión en galego pode ser traducida igual: ter ganas de, mais na lingua escrita e na tradición literaria aparece tamén ter gañas de.

    GA(N)DO

    É a forma galega enxebre para o castelán "ganado".

    Femininos en -oa / -ona

    A regra xeral é que o feminino das palabras rematadas en -ón sexa -oa:
    • patrón > patroa
    • anfitrión > anfitrioa
    • campeón > campeoa

    Ora ben, cando se trata de termos pexorativos ou despectivos, mantense -ona:
    • zoupón > zoupona
    • lambón > lambona
    Isto é así na lingua estándar, mais pode acontecer que nas falas se utilice tamén no segundo caso -oa. Porén, este trazo non pode ser reflectido na lingua escrita.

    Colocación do clítico diante do infinitivo

    En galego é moi correcto, mesmo recomendábel, colocar o clítico diante do infinitivo en determinadas circunstancias:

    1. Cando antes veña unha preoposición
    • Xa son horas de me devolveres os apuntamentos
    • Trouxérono para o examinares con calma
    Obsérvese como, ademais, é ben frecuente empregar o infinitivo conxugado nestes casos.
     
    2. Detrás de certas conxuncións
    • Teñen que se pór de acordo de vez
    • Eu non sei como llo dicir
     3. Detrás das negacións
    • É mellor non lle dicir(mos) nada
     Obviamente, nestes casos tamén o clítico pode ir despois do infintivo.

    Benvida



    Este blogue foi creado para a resolución de dúbidas lingüísticas dos estudantes de lingua galega da UNED, mais fica aberto a todo o público en xeral.

    Sede benvidos. Se queredes facerme chegar as vosas preguntas, podedes enviádeme un emilio.

    Xavier Frías Conde