Portugalego e Galego Converxente

O Portugalego é un diasistema lingüístico, onde o Portugués é a quinta lingua máis falada no mundo. 

A forma propia do galego-portugués falada en Galiza, occidente de Asturias (Comarca do Eo-Navia), occidente de Castela e León (Baixo Bierzo e As Portelas) é o galego. É moi discutida a relación entre galego e portugués, se son dous idiomas independentes ou non. En calquera caso, o galego, ten unha norma autónoma estabelecida en 1982 e revista pola última vez en 2003. Os contidos que ofrecemos neste blogue baséanse na dita norma.

A distribución dos falares galegos pode verse no seguinte mapa. Non están incluídos nel os falares da Estremadura española, cuxa filiación é moi discutida canto á súa pertenza á rama galega ou á portuguesa (ou ben como rama independente, segundo algúns estudosos).

A fixación morfosintáctica e lexical do galego padrón non se pode facer sen atender para a relación entre galego e portugués, embora a norma oficial actual do galego parta dunha base ortográfica castelá. Mesmo desde a norma actual é necesario procurar sempre as formas máis próximas do portugués, como moi ben defende Carlos Callón no seu blogue:
Cando a normativa do galego ofreza dúas solucións, usa para o estándar aquela que se aproxime máis ao sistema lingüístico ao que pertence: o galego-portugués (posíbel, Galiza, até…). A existencia do portugués como idioma normalizado foi e é un fecundo recurso para que o galego non perda a súa personalidade pola influencia omnímoda do español. Que a lusofobia tan presente no noso país (e que non deixa de ser outra cara da galegofobia) non nos confunda: o portugués é unha fonte limpa da que bebermos.
O galego padrón non é en si mesmo o galego falado en ningunha zona da Galiza, mas unha forma supradialectal que prentede servir de base para alcanzar unha lingua escrita unificada.

Neste blogue, con todo, imos seguir a proposta do galego converxente para a escrita do galego segundo a norma oficial. Con todo, damos algúns pasos avante e utilizaremos formas que non están consagradas na norma, para nos achegarmos aínda máis do portugués.

Na realidade, trátase de facer que un texto escrito en galego na norma RAG_ILG sexa perfectamente coprensíbel para un falante de portugués, apesar da barreira ortográfica. Iso tamén implica introducir léxico portugués (e a miúdo panrománico) que a normativa oficial rexeita, como embora (=aínda que), mas tamén ir embora, encanto (=mentres) hesitar, axir, reaxir, redixir, ferias, greve, etc.