xoves, 7 de xaneiro de 2016

A clivaxe

A clivaxe é un procedemento para pór en destaque unha función dunha frase simple a través dun proceso en que a frase se torna composta coa axuda dunha estrutura de relativo e o verbo copulativo serDesta maneira, unha frase simple como:

(1)   A Maruxa comprou sardiñas no mercado

pode ser enfatizada grazas á clivaxe nos seus tres elementos principais: o suxeito, o obxecto e o adxunto (neste caso un locativo). Deste xeito, poderíamos clivar o suxeito así:

(2)   Foi/é a Maruxa que(n) comprou sardiñas no mercado
(3)   A Maruxa é/foi que(n) comprou sardiñas no mercado
(4)   Quen comprou sardiñas no mercado foi/é a Maruxa

Por outro lado, se o que queremos é clivar o obxecto:

(5)   Foron/son sardiñas o que a Maruxa comprou no mercado
(6)   Sardiñas é/foi o que a Maruxa comprou no mercado
(7)   O que a Maruxa comprou no mercado foron/son sardiñas

Finalmente, a clivaxe do adxunto sería:

(8)   Foi/é no mercado que/onde a Maruxa comprou o peixe.
(9)   No mercado foi/é onde/que a Maruxa comprou o peixe.
(10)    Onde a Maruxa comprou o peixe é/foi no mercado

Con todo, como se observou anteriormente, existe máis dun modo de clivar oracións, hai varios modelos, que son as que tentaremos desenvolver aquí. Se aplicarmos ao galego as normas portuguesas de clivaxe, cando este proceso afecta ao obxecto e ao adxunto (mais nunca ao suxeito, encontraríamos aínda dúas hipóteses):

(11)   A Maruxa comprou na feira é sardiñas (feita sobre 7.)
(12)     A Maruxa comprou o peixe é no mercado (feita sobre 10.)

Nestes dous últimos exemplos, o que se fixo foi omitir os relatores. Trátase de construcións comúns en portugués que non se escoitan no galego falado.

A clivagem é un procedimento para pôr em destaque uma funçom duma frase simples através dum processo em que a frase se torna composta com a ajuda duma estrutura de relativo e o verbo copulativo serDesta maneira, uma frase simples como:

(1)   A Maruja comprou sardinhas no mercado

pode ser enfatizada graças à clivagem nos seus tres elementos principais: o sujeito, o objeto e o adjunto (neste caso um locativo). Deste jeito, poderíamos clivar o sujeito assim:

(2)   Foi/é a Maruja que(m) comprou sardinhas no mercado
(3)   A Maruja é/foi que(m) comprou sardinhas no mercado
(4)   Quem comprou sardinhas no mercado foi/é a Maruxa

Por outro lado, se o que queremos é clivar o objeto:

(5)   Fôrom/é/som/foi sardinhas o que a Maruja comprou no mercado
(6)   Sardinhas é/foi o que a Maruja comprou no mercado
(7)   O que a Maruxa comprou no mercado fôrom/som/é/foi sardiñas

Finalmente, a clivagem do adjunto seria:

(8)   Foi/é no mercado que/onde a Maruja comprou o peixe.
(9)   No mercado foi/é onde/que a Maruja comprou o peixe.
(10)    Onde a Maruja comprou o peixe é/foi no mercado

Contudo, como se observou anteriormente, existe mais dum modo de clivar orações, há vários modelos, que som os que tentaremos desenvolver aqui. Se aplicarmos ao galego as normas portuguesas de clivagem, quando este processo afeta ao objeto e ao adjunto (mas nunca ao sujeito), encontraríamos ainda duas hipóteses:

(11)   A Maruja comprou na feira é sardinhas (feita sobre 7.)
(12)    A Maruja comprou o peixe é no mercado (feita sobre 10.)

     Nestes dous últimos exemplos, o que se fezo foi omitir os relatores. Trata-se de construções comuns em português que nom se escuitam no galego falado. 

Ningún comentario: