xoves, 16 de setembro de 2010

'Dar feito'

Esta é unha perífrase exclusiva do galego, co verbo dar e un participio que fica inalterábel.

Significa conseguir / lograr facer algo.

Eis algúns exemplos:
  • Quixen ter unhas palabras con el mais non o dei visto.
  • Ando a procurar as tesoiras mais non as dou atopado.
  • Loitou e loitou co inglés até que o deu dominado.

Clíticos e pronomes

Na gramática tradicional, clíticos e pronomes son considerados o mesmo tipo de palabras. Na realidade, non é así. Nos idiomas románicos, convén distinguir entre clíticos e pronomes, dado que teñen trazos diferentes.

Fonoloxicamente, os clíticos son átonos, mentres os pronomes son tónicos.

Morfoloxicamente, os clíticos son monosílabos, mentres os pronomes poden ser polisílabos.

Sintacticamente, os clíticos fan referencia a funcións sintácticas, porén os pronomes son operadores sintácticos (véxase respecto disto Pleonasmo dos clíticos, onde se mostra como os clíticos aparecen pleonasticamente). Ademais, un clítico non pode ser o primeiro elemento dunha oración, mentres que o pronome si pode abrila.

Segundo as regras do pleonasmo, clíticos e pronomes poden aparecer xuntos:
  • A min non me dixeron nada.
  • A el vímolo onte pola rúa.

En galego, como en todas as linguas iberorrománicas, os clíticos son só de obxecto, mais noutras linguas románicas (francés, grupo galorrománico) hai tamén clíticos de suxeito, chamados funtores.

Os pronomes en galego teñen as seguintes formas:
                             
Notas:
* Son formas con flexión, vgr.: meu, miña, meus, miñas.
** Tu é usado ao menos na metade do territorio e é a forma común co portugués, considerada dialectal, mais correcta no galego padrón.
*** Úsanse tamén as formas con nós e con vós.

Cómpre citar a respecto do cadro anterior que as formas marcadas como [+ref], reflexivas, tenden a ser substituídas polas [-ref].
                                         
O cadro non inclúe as formas de cortesía que son tratadas noutra postaxe.

Pola súa banda, os clíticos presentan as seguintes formas:

Notas:
* Con alomorfos: o, lo, no || a, la, na.

Os clíticos son, na realidade, un tipo de morfemas verbais flotantes, isto é, a súa posición na oración vén dada por unha serie de regras (vid. colocación dos clíticos con infinitivo e coas formas finitas simples).

Como se aprecia, os clíticos marcan caso como ningún outro elemento en galego (eis o caso de te–che, que se pode ver noutra postaxe).

Alomorfos da 3P: 'o, a, os, as'

En galego, os clíticos da terceira persoa acusativo presentan diver-sas formas segundo o contexto en que se atopen.

Falamos daquela dun mesmo morfema que toma diferentes formas, o cal é coñecido co nome de alomorfo.

Obsérvense as formas que toma o nos seguintes exemplos:
  • O pan véndeo na praza.
  • O pan vendeuno na praza.
  • O pan véndelo na praza

As regras para o uso destes tres alomorfos son máis sinxelas do que parece:

1. Próclise:

– Úsase sempre a primeira forma: o, a, os, as. 
  • O pan xa o venderon todo

2. Énclise:

– Detrás de vogal e nasal: forma simple
  • Véndea
  • Cómpraas
  • Véxoos
  • Cómprano

– Detrás de ditongo: forma con nasal
  • Vendeuna
  • Comprounas

– Detrás de /-r/ ou /-s/, forma con lateral, mais os fonemas anteriores fican absorbidos, isto é:
  • Cantas o > cántalo
  • Entender o > enténdelo
Isto hase entender a través de formas arcaicas, algunha delas aínda conservadas no galego eonaviego, que representan estadios anteriores da lingua:
  • Entendes-lo (eon.) > enténdelo
  • Entender-lo > entendelo

mércores, 15 de setembro de 2010

O pleonasmo dos clíticos


Un dos trazos característicos non só do galego, mais de case todas as linguas románicas é a aparente redundancia dos clíticos na oración.
  
En cada lingua funciona dun xeito diferente, mais en virtualmente todas elas é normal o seu uso, como indicamos, aparentemente redundante.
  
Os clíticos fan referencia a un obxecto (directo ou indirecto), polo que en principio, substitúen o obxecto omitido:

A: Mercaches uns lentes novos?
B: Merqueinos.
  
Ora ben, aparece a aparente redundancia nestoutro exemplo:
  • O Lois detivérono onte.
  
Na realidade, son casos non de redundancia, senón de pleonasmo, que trata tamén dunha repetición mais non desnecesaria.
  
Podemos distinguir entre os usos opcionais e obrigatorios en galego.

1. É opcional nas oracións que manteñen o obxecto no seu posto normal. En tales circunstancias, o clítico acostuma non aparecer, embora, é posíbel que cando se trate do dativo si se faga presente. Responde á estrutura seguinte:

 * O pro indica elemento omitido.

2.  É obrigatorio cando se dea unha focalización (=movemento do obxecto para a posición inicial). Daquela o clítico ten que aparecer:


O uso do galego varía respecto doutras linguas románicas, mais en xeral existe a tendencia ao pleonasmo en todas elas.

Uso de 'estar a piques de' ou 'estar para'

Dentro das perífrases galegas, estar para + VINF ou estar a piques de + VINF son as normais para expresaren algo que ten ou terá lugar na veciñanza do momento da fala ou do momento de referencia.

Equivalen ao español estar a punto de; en portugués úsase máis ben estar para, o mesmo que en italiano: stare per.
  • O depósito de auga, por mor da chuvia, estaba para / a piques de rebentar.
  • Despois de ouvir tanta estupidez xunta, o Pedro estaba a piques de / para perder o control.
  • Xa estamos para/ a piques de atravesar a fronteira.


Uso de 'ir en'

O galego expresa a dirección coas preposicións a ou para, do modo máis habitual.

Existe, porén, un uso de en co verbo ir que ten un grande interese, pois é exclusivo do galego.

Dise ir en cando se está nun lugar perfectamente localizado, moi habitualmente un local fechado, non unha poboación, coa idea de que quen vai tornará despois.
  • O Francisco vai na biblioteca. Reservara uns libros alí.
  • A Matilde foi na escola para falar cos mestres do fillo.
  • Espera un chisquiño, o Pedro foi na corte e agora vén.
  • O tipo vai na rua e cáelle un tixolo. Coitado

Formas de cortesía


As formas de cortesía do galego padrón son vostede para o singular e vostedes para o plural, en portugués você e vocês respectivamente.

Réxense pola terceira persoa canto ao verbo e por tanto requiren dos clíticos da terceira persoa: o, a, os, as, lle, lles.
  • Eu a vostedes non os coñezo
  • Ordenamos que lles trouxesen as toallas limpas a vostedes

E por esa mesma lóxica, os posesivos son tamén os da terceira persoa: seu, súa, seus, súas. Caso se quixer distinguir entre a terceira persoa propiamente e a persoa de cortesía, pódense usar as formas analíticas con de:
  • Ese saio é seu (ambiguo)
  • Ese saio é del
  • Ese saio é de vostede

É parte do uso galego –embora non se recolla na lingua padrón– o emprego das formas reflexivas co posesivo, que, doutra banda, é normal en portugués:
  • Eu quería falar consigo(= con vostede)
  • Hai moito tempo que non sei nada de si (=de vostede)

É interesante observar, canto ao seu uso, que as formas de cortesía galega son relativamente simples. O galego non ten tres graos como ten o portugués, senón dous, como o español. Obsérvese o seguinte cadro que recolle as formas de cortesía e a segunda persoa nas dúas variantes do portugués e o galego:
* Ten un uso moi limitado no Brasil. Xeralmente foi substituído por você
** Non é portugués padrón, úsase nas áreas nor-orientais do país e aínda con valor arcaizante na literatura.
*** É forma considerada dialectal mais correcta en galego, que se usa en máis da metade do territorio.

De 'deica' ~ 'até'

Estas dúas preposicións adoitan causar certa confusión por seren a miúdo confundidas.

Digamos de entrada que até pode substituír a deica en todos os contextos, mais non ao contrario.

ATÉ

Pode tamén presentar a forma ata e significa exactamente o mesmo que o español hasta, tendo en portugués a mesma forma. Ten usos de lugar e tempo, podendo ser usada en dirección cara adiante ou cara atrás na raia cronolóxica. Ademais, até non precisa ter un punto de partida como referente.
  • Acompañámolos até a metade do camiño (non importan desde onde)
  • Até o ano que vén non haberá máis oportunidades (non importa desde cando deixa de haber oportunidades)


DEICA

Equivale ao español de aquí a ou ao portugués daquí a, porque de feito, a súa orixe é esa: de aquí a até se formar deica. Á diferenza da outra preposición, embora tamén teña valor temporal e locativo, apenas serve para ser usada cara adiante, nunca cara atrás na raia cronolóxica. Porén, deica si precisa ter un punto de partida como referente.              
  • Acompañámolos deica a metade do camiño (desde aquí)
  • Deica o ano que vén non haberá máis oportunidades (a partir deste momento e até o ano que vén)

Caso se teñan dúbidas, úsese até porque serve para todos as circunstancias.

Porén, existe un caso en que deica non pode ser substituído por até. Trátase da equivalencia a dentro de temporal:             
  • Deica dous meses imos estar todos cheos de débedas.
  • Xa verás o teu mozo deica tres meses.


A ausencia de contracción entre preposición e artigo ou pronome (2)

Este segundo caso de ausencia de contraccións é moito máis complexo.

Obsérvense os seguintes casos:
  • Xa eran horas de os nenos iren para a cama.
  • Suspiraban por a hora do recreo chegar.
  • Chegou o momento de elas diciren a verdade.

Sería absolutamente incorrecto nestes casos realizar a contracción:
  • *Xa eran horas dos nenos iren para a cama
  • *Suspiraban pola hora do recreo chegar.
  • *Chegou o momento delas diciren a verdade.

Trátase da presenza dunha barreira que pode ser visíbel (ou audíbel) ou non: o complementador.

Toda cláusula dependente é introducida por un Sintagma Complementador (SC). Ao tratarmos dos conectores ou complementadores, vimos que as cláusulas de infinitivo non mostran SC, mais iso non significa que non estea SC.

Vexamos os exemplos de enriba agora con complementador visíbel:
  • Xa eran horas de [sc que] os nenos fosen para a cama.
  • Suspiraban por [sc que] a hora do recreo chegase.
  • Chegou o momento de [sc que] elas dixesen a verdade.

A presenza do SC, ademais de impor o pretérito de conxuntivo, permite ver que entre a preposición e o artigo ou pronome hai unha barreira, por tanto non poden contraer.

Cando se emprega  o infinitivo, a dita barreira segue a estar presente, embora sexa invisíbel. Podemos representala así:
  • Xa eran horas de [sc Ø] os nenos iren para a cama.
  • Suspiraban por [sc Ø] a hora do recreo chegar.
  • Chegou o momento de [sc Ø] elas diciren a verdade.

En definitiva, o complementador sempre está presente. Cando é visíbel, o verbo conxúgase, cando é invisíbel, úsase o infinitivo, mais o dito complementador evita a contracción porque de feito non hai contacto entre a preposición e o artigo ou o pronome.

Conectores sintácticos: estrutura, presenza e ausencia

Non pretendemos agora dar toda a lista de conectores do galego, mas simplemente atender para a súa estrutura básica.

O conector máis frecuente é que. Con todo, é bo acostumarse ao uso do termo complementador, habitual na gramática xerativa.

Por veces rexe indicativo (nomeadamente cos verbos de dicción e pensamento en afirmativo):
  • Dixo que anda moi ocupado ultimamente
  • Penso que niso non tes razón ningunha
  • Afirmou que naquel día el estaba no seu gabinete a traballar.

Noutras ocasións rexe conxuntivo ou subxuntivo:
  • Espero que teñas mellor sorte na próxima vez
  • Queren que traballemos aínda máis horas
  • Pediunos que lle trouxésemos un recordo da nosa viaxe.

O que pode combinarse con preposicións, formando daquela conectores máis complexos:
  • Heicho dicir máis claro para que o entendas
  • Desde que marcharon, isto está moi baleiro


Ora ben, é ben frecuente que o complementador non apareza, en cuxo caso o normal é que se atope unha forma non persoal, nomeadamente o infinitivo, embora a preposición se manteña:
  • Heicho dicir máis claro para o entenderes.
  • Non sei que se gaña con discutirdes.

Existe un tipo de oracións de infinitivo, nomeadamente con valor temporal, introducidas con ao (polo demais, moi frecuentes tamén en portugués e español).                            
  • Ao escollermos unha empresa como esta, escolledes fiúza.
  • Asinaron a súa sentenza de morte ao declararen contra o mafioso.

As outras formas non conxugadas son tamén frecuentes no seu uso sen complementador. Así, as oracións de xerundio úsanse con moita frecuencia con valores temporais ou modais:                       
  • Vindo para acó, atopei o Paco ao pé da túa casa
  • Falando así, non che van entender nada, meu.

É moi común o emprego do xerundio coa preposición en
  • En levantando o solo, apareceron restos arqueolóxicos

Teñen mesmo valor condicional:                
  • Aprendendo esta parte dos contidos, hache bastar para faceres o exame.

As oracións de participio ten un uso máis restrito e é máis propio dun rexistro elevado (por exemplo o equivalente aos ablativos absolutos latinos, moi a miúdo introducidos con unha vez):             
  • (Unha vez) acabada a tarefa, podemos marchar para casa  

Salvo nos casos ditados en riba, o normal é que as cláusulas dependentes vaian introducidas por un complementador.
 

A ausencia de contracción entre preposición e artigo indefinido (1)

Xa foron analizados os casos en que o galego existe contracción entre a preposición e o artigo. Trátase de dous casos abondo diferentes.

O primeiro caso para analizarmos é o encontro da preposición co pronome no canto do artigo numeral. É artigo cando vai seguido dun nome:
  • Heiche falar dun novo proxecto interesante
  • Cunha pílula abóndame.

Ora ben, cando se trata dun pronome, isto é, que o nome non aparece, daquela a contracción non é posíbel. Os exemplos anteriores ficarían reescritos así:
  • Heiche falar de un novo, moi interesante.
  • Con unha abóndame.