domingo, 14 de novembro de 2010

Futuro do conxuntivo

O futuro do conxuntivo non se usa na lingua falada, tendo máis ou menos desaparecido hai tempo, embora continúe a ser empregado con total normalidade en portugués. Con todo, o seu uso na lingua escrita, sobre todo a certos niveis formais, está amplamente recomendado e na escrita actual goza dunha relativa boa saúde. Á diferenza do pretérito imperfecto do conxuntivo, o futuro do conxuntivo indica futuro. Esta distinción parece evidente, mais unha parte do problema xace precisamente aí.

Alén diso, o futuro do conxuntivo, canto ás súas formas, é doadamente confundíbel co infinitivo conxugado.

Podemos sintetizar o uso do futuro do conxuntivo nestes casos:

1. En oracións condicionais do tipo I:
  • Se tiver tempo, iría dar unha volta
  • Diríache quen é se o souber
Neste caso úsase apenas co nexo se.

2. En oracións de relativo referíndose a hipótese
  • Quen tiver multas pendentes de pagamento será notificado polo Concello

3. En cláusulas temporais e modais que teñen un certo valor condicional. De facto son unha variante das anteriores.
  • Cando: Podes vir cando quixeres (=no momento en que quixeres)
  • Á medida que: Á medida que cubriren o cuestonario, poden abandonar a sala.
  • Así que: Así que me paguen a nómina, xa che pago a débeda.
  • Como: Fai como che dixer.
  • Conforme: Actúa conforme lle indicarmos.
  • Despois que: Despois que terminares de te vestir, imos fóra.
  • Mentres (=encanto): Mentres non deixar de chover, non poderemos saír
  • Sempre que: Sempre que tiveres dúbidas, pregúntame.


O futuro de conjuntivo nom se usa na língua falada, tendo mais ou menos desaparecido há tempo, embora continue a ser empregado con total normalidade en português. Contudo, o seu uso na língua escrita, sobretudo a certos níveis formais, está amplamente recomendado e na escrita actual goza dumha relativa boa saúde. À diferença do pretérito imperfeito do conjuntivo, o futuro do conxuntivo indica futuro. Esta distinçom parece evidente, mas umha parte do problema jaz precisamente aí.


Além disso, o futuro do conjuntivo, quanto às suas formas, é doadamente confundível com o infinitivo conjugado.

Podemos sintetizar o uso do futuro do conjuntivo nestes casos:

1. En orações condicionais do tipo I:
  • Se tiver tempo, iría dar umha volta
  • Ia-che dizer quem é se o souber
Neste caso usa-se apenas com o nexo se.

2. En orações de relativo referindo-se a hipótese
  • Quem tiver multas pendentes de pagamento será notificado polo Concelho

3. En cláusulas temporais e modais que tenhem un certo valor condicional. De facto som umha variante das anteriores.
  • Quando: Podes vir quando quiseres 
  • À medida que: À medida que cobriren o questionário, podem abandonar a sala.
  • Assim que: Assim que me paguem a nómina, já che pago a dívida.
  • Como: Fai como che dixer.
  • Conforme: Atua conforme lhe indicarmos.
  • Depois que: Depois que terminares de te vestir, imos fóra.
  • Mentres (=enquanto): Mentres nom deixar de chover, nom poderemos sair
  • Sempre que: Sempre que tiveres dúvidas, pergunta-me.

Cláusulas condicionais: tipo III (imposíbeis)

O terceiro tipo de condicionais fan referencia a algo que xa non pode acontecer, que é imposíbel que teña lugar. Nese caso, úsanse formas compostas verbais con ter (vid. ter como auxiliar), tratándose, xa que logo, dun auténtico verbo auxiliar. Brevemente pódese afirmar que, formalmente, entre as cláusulas do tipo II e as do tipo III só hai a diferenza do tempo composto, aínda que na cláusula principal se usa o condicional composto exclusivamente:

___________________________________________________________________
                                C. CONDICIONAL                           C. PRINCIPAL

___________________________________________________________________
se                             imperfecto conxuntivo comp.           condicional comp.
                                                                                  
                                                                                       
___________________________________________________________________
a menos que              imp. conx.comp.                                
                                   inf. conxugado                                condicional comp.
___________________________________________________________________
caso                           imp. conx.                                       condicional comp.
___________________________________________________________________


Exemplos:
  • Se tivese sabido que estabades aquí, tería chamado
  • Ben podías ter sospeitado algo se tiveses aberto os ollos.

A voz ou diátese.

En galego, como nas máis das linguas románicas, hai tres voces: activa, media e pasiva. A voz é tamén coñecida como diátese. Para transformar unha voz activa noutra, precísase dun diatetizador. O diatetizador é un verbo (ser) ou un clítico (se) que permite a transformación. En todas as voces distintas da activa, o suxeito activo desaparece.

A voz pasiva ten un uso relativamente limitado en galego. Emprégase nomeadamente para evitar referencias á primeira valencia, de maneira que o obxecto pasa a funcionar como suxeito. Desde un punto de vista sintáctico, o proceso é así:


A diátese, neste caso, ten o verbo ser como núcleo. O proceso polo cal se forma é que o que orixinariamente era obxecto pasa a suxeito grazas á presenza da diátese.

A voz media pode ser de dous subtipos: impersoal e media. A voz media impersoal constrúese con se como diatetizador, mais non é necesariamente transitiva, pode ser tamén intransitiva. O máis interesante destas construcións é que hai concordancia co obxecto:
  • Construíuse unha fábrica de cementos fóra da vila (concordancia co obxecto en singular)
  • Fixéronse moitos pisos novos (concordancia co obxecto en plural)
  • Trabállase pouco por aquí (sen concordancia, construción intransitiva)

A voz media ergativa implica un proceso en que algo acontece por un impulso externo. Como nas pasivas, o obxecto pasa a suxeito. O máis interesante é que en galego haim moitos casos en que non hai se:
  • A ponte afundiu polas chuvias
  • Xa fundiu de novo a lampadiña?
  • Esa cadeira xa rompeu tres veces

Porén, en moitos outros casos a presenza do se é obrigatoria (nomeadamente en tratándose de seres humanos):
  • Ergueuse todo anoxado

Usos do 'se' en galego

Antes de nada, convén facer unha aclaración: non é o mesmo un verbo reflexivo que un verbo pronominal. Os verbos reflexivos son aqueles en que suxeito e obxecto son o mesmo (vgr.: eu lávome todas as mañás con auga tépeda). En troques, un verbo pronominal é aquel que precisa un clítico, mais cuxa función é moi variábel ou mesmo non ten nin función. O se pode asumir todos estes papeis.

Por tanto, o se é un clítico que ten un uso moi extenso en galego. Podemos resumir o seu uso nos seguintes puntos:

1. Pronome reflexivo (isto é, cando obxecto e suxeito son o mesmo):
  • O Xoán lávase sempre con auga fría

2. Diátetizador* da voz media impersoal: é o se impersoal que se usa en moitas oracións. Na gramática tradicional esta voz adoita ser chamada voz pasiva reflexa, mais esta é unha denominación errónea.
  • Dixéronse cousas moi graves naquela xuntanza

3. Diatetizador da voz media ergativa, coñecido nalgunhas gramáticas como se involuntario. Aparentemente é unha forma reflexiva, mais na realidade non o é porque non se pode aplicar a fórmula (=si mesmo), como en:
  • O foguete destruíuse nas capas máis altas da atmosfera.

Con todo, en galego é moi frecuente omitilo (vid. voz media ergativa ):
  • A tubeira dobrou por causa da humidade
  • Todas as lanchas afundiron durante o temporal

4. Hai outro se que non ten valor ningún, mais certos verbos sempre precisan un clítico; sen eles, a conxugación é inviábel: arrepentirse, queixarse, xactarse etc.
  • Quéixase de todo.
 * O diatetizador é o elemento funcional que permite a activación da diátese ou voz.

    venres, 12 de novembro de 2010

    Cláusulas condicionais: tipo II (hipotéticas)

    Este segundo tipo de condicionais introducen o factor hipótese, como xa se viu. Do punto de vista gramatical, estas cláusulas son máis complexas porque a oración principal admite, ademais dos tempos de pasado propios da hipótese, tamén os de presente. Obsérvense estes dous exemplos:
    • Se non aprobas o exame, eu axúdoche coa recuperación
    • Se non aprobases o exame, eu axúdoche coa recuperación
    • Se non aprobases o exame, eu axudaríache coa recuperación

    A diferenza entre as tres oracións xace, precisamente, no grao de probabilidade de aconteza o aprobado dunha banda e da "disposición" para axudar. Con todo, o tempo por antonomasia da cláusula condicional hipotética é o pretérito de conxuntivo (véxase sobre isto as aclaracións arredor do seu uso).

    En portugués úsase como nexo nestas oracións condicionais hipotéticas caso co pretérito de conxuntivo, o cal tamén pode ser utilizado en galego:
    • Díxenlle que me consultase, caso non entendese o texto.

    Ademais, como xa ficou visto nas oracións condicionais reais, a cláusula principal pode levar futuro; neste caso, o futuro é substituído polo tempo condicional:
    • Se tes/tiveres dúbidas, heicho explicar eu.
    • Se tiveses dúbidas, explicaríacho eu.
    Pódese resumir  no seguinte cadro:

    ___________________________________________________________________
                                     C. CONDICIONAL                           C. PRINCIPAL       __  _
    se                             imperfecto conxuntivo                        imperativo
                                                                                       presente indicativo
                                                                                            condicional
    ___________________________________________________________________
    a menos que              imp. conx.                                 presente indicativo
                                   inf. conxugado                                 condicional
    ___________________________________________________________________
    caso                           imp. conx.                                     imperativo
                                                                                       presente indicativo
                                                                                            condicional
    ___________________________________________________________________                                             

    Eis algúns exemplos:
    • Se falases moitos idiomas, poderías aproveitalo.
    • A menos que estiveses bébedo, non entendo ese teu comportamento.
    • Caso o elevador non funcionase, utilicen as escaleiras



    Oracións condicionais: tipo I (posíbeis)

    As oracións condicionais de tipo I ou reais son as máis sinxelas. Teñen como conector máis habitual se, mais poden presentar outros como a menos que, en caso de que que xeralmente rexen conxuntivo (por mor do que).
    • Se non te comportas ben, vas ter problemas
    • En caso de que non te comportes ben, vas ter problemas ou con infinitivo (conxugado): En caso de non te comportares ben, vas ter problemas.
    • A menos que teñas unha boa escusa, non me explico o que fixeches.

    Ademais, as construcións con xerundio entran, nos máis dos casos, dentro do tipo I
    • Sendo tan egoísta, ninguén non te aceptará (=Se es tan egoísta, ninguén non te aceptará)

    As posibilidades de combinacións temporais veñen recollidas no seguinte esquema
    ___________________________________________________________________
                                     C. CONDICIONAL                           C. PRINCIPAL       __  _
    se                             presente indicativo                        imperativo
                                                                                    presente indicativo
                                                                                       futuro indicativo
    ___________________________________________________________________
    a menos que              pres. conx.                                 presente indicativo
                                   inf. conxugado                              imperativo negativo
    ___________________________________________________________________
                                      xerundio                                       imperativo
                                                                                    presente indicativo
                                                                                       futuro indicativo
    ___________________________________________________________________

    Eis algúns exemplos:
    • Se falas moitos idiomas, aprovéitao.
    • Se falas moitos idiomas, danche traballo axiña.
    • Se falas moitos idiomas, atoparás traballo axiña.
    • A menos que digas a verdade, non quero verte máis por aquí.
    • Falando moitos idiomas, non terás problema cando viaxas polo estranxeiro.



      Oracións condicionais: tipos

      As cláusulas condicionais expresan, como di o seu nome, condicións. Constrúense, por norma xeral, coa axuda dun complementador (ou nexo).
      • Se tes fame, colle algo do frigo
      • Doucho a condicións de te comportares mellor coa túa irmá
      Porén, tamén é posíbel construír unha cláusula condicional cun xerundio:
      • Estudando moito, aprobaras o exame.
      As oracións condicionais poden colocarse diante ou detrás da oración principal nos máis dos casos:
      • Se tes frío, colle un cobertor <--> Colle un cobertor, se tes frío
      En todo o caso, o normal é que as oracións condicionais, tanto en galego como no resto de linguas, fagan referencia a tres posibilidades, de aí que se adoite a falar de tres tipos de condicionais: posíbeis, hipotéticas e imposíbeis, onde cada unha delas presenta un uso de tempos verbais diferentes. Damos un exemplo de cada unha delas:

      (a) posíbel (tamén chamada real):
      • Se tes/tiveres vontade de ver un bo filme, acompáñote ao cine (é probábel que alguén teña vontade de ver un bo filme)

      (b) hipotética
      • Se tiveses vontade de ver un bo filme, acompañaríate ao cine (é improbábel que alguén teña vontade de ver un bo filme)

      (c) imposíbel
      • Se tiveses tido vontade de ver un bo filme, teríate acompañado ao cine (xa non pode acontecer, porque xa non pasan ningún filme).


      Tempos do conxuntivo

      O conxuntivo ou subxuntivo, ten en galego tres tempos:

      - presente
      - pasado
      - futuro

      O presente de conxuntivo ten as seguintes terminacións (sempre átonas):

      1º conxungación

              –e
              –es
              –e
              –emos
              –edes
              –en


       2º e 3º conx.

              –a
              –as
              –a
              –amos
              –ades
              –an



       O pretérito de conxuntivo ten as seguintes terminacións (tamén sempre átonas) a partir da raíz: fala-, come-, parti-

              –se
              –ses
              –se
              –semos
              –sedes
              –sen



      O futuro de conxuntivo ten as seguintes terminacións (tamén sempre átonas) a partir da raíz nos verbos regulares (como no pretérito conxuntivo) ou da raíz de perfecto (nos verbos irregulares: dixe-, tive-, quixe-, viñe-, vi-, estive-, fixe-, etc.:

              –r
              –res
              –r
              –rmos
              –rdes
              –ren


      Precisamente as terminacións do futuro de conxuntivo son iguais que as do infinitivo conxugado nos verbos regulares, polo que entrambos presentan exactamente o mesmo paradigma:

      falar
      falares
      falar
      falarmos
      falardes
      falaren


      mais non é así cando se trata de verbos irregulares:


      quixer <--> querer
      quixeres <--> quereres
      quixer <--> querer
      quixermos <--> querermos
      quixerdes <--> quererdes
      quixeren <--> quereren

      Tempo futuro

      O tempo verbal futuro, cuxas formas xa foron ofrecidas previamente, ten máis dun uso.

      Dunha banda, expresa un tempo futuro, aínda que existen outras formas de expresar feitos ou accións que están por chegar, como tamén aparece noutra ficha.

      Por tanto, ten un uso de tempo cronolóxico futuro:
      • Teremos tempo de falar diso durante na sobremesa
      Ademais, é moi frecuente o uso do tempo verbal futuro para expresar posibilidade (na realidade, este segundo uso é moito máis común):
      • A: Que estraño, o neno ergueuse ás sete da mañá...
      • B: Terá fame e quererá comer algo.


      Expresión do futuro

      Para expresar tempo futuro, o galego sérvese de varias posibilidades.

      (a) o tempo futuro:
      • Cando case, terei moitos fillos.

      (b) o futuro analítico coa perífrase ir + INF
      • Vou ter que reparar o auto un día destes.
        
      (c) coa perífrase haber + INF. En moitos casos, esta perífrase úsase moito para a expresión de obrigas, mais o seu valor de futuro é tamén presente.
      • Heiche dar un bo consello.

      (d) o tempo verbal presente úsase moi frecuentemente para expresar tempo cronolóxico futuro
      • Mañá falo con eles e xa che digo algo.
      As diferenzas entre b) e d) son mínimas. Apenas d) fai referencia a un futuro moi próximo, aínda que nos máis dos casos (b) e (d) son intercambiábeis.

      A diferenza entre a) e b) pode vir dada por varios contextos:

      - dunha banda, unha diferenza estilística, onde (a) é máis formal ca (b)
      - outros usos de (a) fóra do futuro (véxase)
      - (a) ten un valor de predición, ameaza, etc. que (b) non ten, moi a miúdo co adverbio xa:
      • Xa virás a me pedir perdón.
      • Xa o entenderás cando teñas idade.

      Futuro: tempo futuro e expresión de futuro

      Cando se fala de futuro convén distinguir entre o chamado tempo futuro e a expresión do futuro.

      No primeiro caso, o tempo futuro, ten estas formas nas tres conxugacións:

      FALAR

            falarei
            falarás
            falará
            falaremos
            falaredes
            falarán

      COMER

            comerei
            comerás
            comerá
            comeremos
            comeredes
            comerán

      PARTIR

            partirei       
            partirás 
            partirá  
            partiremos 
            partiredes  
            partirán  


      mércores, 10 de novembro de 2010

      Antepretérito vs. pretérito conxuntivo: 'cantara' ~ 'cantase'

      En galego estas dúas formas non son alternativas como acontece en castelán.

      CANTARA corresponde ao prepretérito de indicativo, un tempo que en galego é simple, equivalente en castelán a había cantado e en portugués a tinha cantado (cantara en portugués é arcaico). Véxase ademais a entrada relativa ao antepretérito.

      CANTASE corresponde ao pretérito de subxuntivo ou conxuntivo e ten a mesma forma en portugués (alén da mudanza ortográfica: cantasse), mais en castelán admite dúas formas: cantara ou cantase. Esta alternancia castelá aplícase incorrectamente ao galego, de modo que se di:
      • *Sería mellor que compraras uns doces para os convidados.

      En troques, o correcto é:
      • Sería mellor que comprases uns doces para os convidados.
      Convén por tanto ter presente as equivalencias:


      ES
      PT
      GL
      había cantado
      tinha cantado
      cantara
      cantara/cantase
      cantasse
      cantase



      Antepretérito

      O antepretérito (pretérito-mais-que-perfeito en portugués, pluscuamperfecto en español) é a terceira forma dos tempos de pasado.

      O galego ten unha particularidade importante: conserva as formas sintéticas no paradigma (en portugués a dita forma é mesmo arcaica):
                                      
      Por tanto, o seu paradigma é como segue:


      Obsérvese a acentuación das formas de 1PP e 2PP: cantaramos, cantarades; beberamos, beberades; partiramos, partirades.

      Canto ao seu uso, fai referencia ao pasado do pasado. Desta forma, en referíndose a dúas accións do pasado, o antepretérito fai referencia á primeira delas:
      • Cando chegaron os convidados, o Xoán e a María xa arrumbaran toda a casa