HABER (1)
O verbo haber ten un uso moi limitado en galego, ao contrario do que acontece noutras linguas románicas.
En primeiro lugar, non é verbo auxiliar de formación de tempos compostos como en castelán. Non se di por tanto *hei visto, *has cantado.
En segundo lugar, haber emprégase para construír dous tipos de estruturas:
1. Para expresar consellos (en tempo condicional):
- Haberías lavar o auto máis a miúdo, porque xa nin se sabe de que cor é.
2. Para expresar obrigas leves (normalmente en presente de indicativo)
- Heiche dar o enderezo do meu curmán
- Has ler o último artigo dese xornalista, non ten desperdicio.
HABER (2)
O haber impersoal só se usa, como nas máis das linguas románicas, na terceira persoa do singular e é invariábel, sendo a súa forma no presente de indicativo: hai.
O haber impersoal úsase en galego para indicar:
1. A existencia, presenza ou estadía:
- Hai catro ovos no frigo aínda.
- Había vinte persoas na fila diante de min.
- Houbo un tempo en que estas cousas non pasaban.
2. En expresións temporais (no canto de *fai) que é unha forma tomada do castelán:
- Hai anos que non sei nada del.
- Non as vexo desde hai cinco meses.
TER
Como verbo ordinario, é o verbo normal de posesión. Alén diso, ten uns usos auxiliares que imos enumerar a seguir:
1. Como parte dunha locución que adoita expresar hábitos pasados ou accións moi repetidos no pasado.
- Meu pai ten pescado neste peirao toda a súa vida até que xa non puido vir a pé.
- Téñoche dito mil veces que non berres.
2. Como modal temporal, úsase normalmente na forma non finita (infinitivo)
- Despois de ter casado cinco veces, aínda quere repetir (porén tamén é correcto: despois de casar cinco veces...)
3. Nas chamadas cláusulas condicionais imposíbeis (tipo III):
- Se eu tivese esmagado o auto, non estaría agora aquí.
- Se os turcos non tivesen ocupado Istambul, hoxe falaríase grego alí.
O galego, porén, prefire o uso das formas simples. En moitos casos onde outras linguas usarían formas compostas, o galego preferirá as simples. Aínda así, si existe un uso de ter como verbo auxiliar dos tempos compostos..
Ningún comentario:
Publicar un comentario