ADXUNTO.
Dentro da grella temática, é un elemento que non é proxección do predicado, mais que aínda mantén unha certa relación con el, até o punto de que pode aparecer antes dun obxecto. Así, un adxunto é:
- Mercamos unha casa nas montañas.
Se se omite a adxunto, a frase continúa a ser sintacticamente correcta. E como ficou mencionado, é común que o adxunto veña antes do obxecto:
- Fala moi ben inglés.
O adxunto nunca é tan periférico como o circunstancial, que pode ir no inicio ou no final absoluto da cláusula:
- De verán, xogamos cartas no patio,
que pode ser:
- Xogamos cartas no patio de verán,
mais non:
- *No patio xogamos cartas de verán.
CIRCUNSTANCIAL.
É un elemento aínda máis periférico do que adxunto, mais é comunmente confundido co obxecto oblicuo. A diferenza entre o circunstancial e o obxecto oblicuo xace na súa pertenza ou non á grella temática. Tomemos en consideración o sintagma preposicional na túa casa.
Se dicimos:
- Perdín o moedeiro na túa casa,
se eliminamos SP, a frase é sempre correcta do punto de vista sintáctico, trátase, daquela, dun circunstancial; mais se dixermos:
- María vive na túa casa,
non podemos eliminar o SP, porque a frase sería agramatical; trátase, por tanto, dun obxecto oblicuo. A gramática tradicional tende a non facer esta distinción que é fundamental.
CLÁUSULA.
Todo enunciado lingüístico que consta dun predicado. Unha soa cláusula pode ser frase, mais unha frase pode ter máis dunha cláusula, como en:
- [Quero [que a xente sexa feliz]].
Nestes casos, atópanse unha cláusula principal e unha cláusula dependente. As cláusulas dependentes son as que veremos a seguir.
CLÁUSULA ANEXA.
Trátase daquelas cláusulas que non van inseridas como unha función do predicado principal e que en moitos casos poden ir diante ou atrás da cláusula principal:
- Se tes fame, come algo,
mais tamén:
- Come algo se tes fame.
Ou:
- Cando queiras, falamos
que pode ser:
- Falamos cando queiras.
Trátase, polo xeral, de cláusulas do tipo condicional, temporal, consecutivo, etc. Hai algúns casos en que a súa colocación adiante ou atrás resulta diferente. Así, unha cláusula consecutiva vai en posición inicial:
- Como andades con présas, podedes marchar,
mais ambas as cláusulas non se poden colocar de maneira diferente. Porén, hai unha diferenza crucial se no exemplo anterior colocamos a cláusula anexa despois da principal, porque resulta causal:
- Podedes marchar, porque andades con présas.
CLÁUSULA COMPLETIVA.
É un tipo moi concreto de cláusula subordinada que vai inserida como función do predicado principal. Na maioría dos casos vai introducida con que, se ou un infinitivo:
- Espero que vos melloredes
- Dixo que andaban de folganza
- Non sei se virán hoxe
- Queren mercar un auto novo.
Como se pode ver, as cláusulas inseridas son de facto o obxecto directo do predicado principal.
CLÁUSULA INORDINADA.
É tamén coñecida como de relativo. Constrúense grazas aos relatores, tamén coñecidos como pronomes relativos.
- A xente que pasea por aquí desfruta da brisa mariña
- Quen tiver amigos que os coide.
- Avísame cando remates.
- Deixei as miñas cousas onde traballo.
As chamadas cláusulas participiais tamén son consideradas cláusulas inordinadas:
- Unha vez terminada a tarefa, xa todos marcharon.
- Unha vez fabricada a roupa, poden exportala.
CLÁUSULA SUBORDINADA.
As cláusulas dependentes son comunmente coñecidas como subordinadas, mais a distinción tradicional entre nominais, adxectivais e adverbiais é moi impropia. As subordinadas poden ser anexas ou completivas (tamén coñecidas como inseridas).
CLÍTICO.
Os clíticos proceden historicamente dos pronomes persoais, mais son categorías diferentes, son máis ben morfemas verbais que marcan o caso. É absolutamente incorrecto chamalos pronomes átonos, porque os clíticos, á diferenza dos pronomes, cumpren moitas outras funcións, como as funcións pragmáticas. Os clíticos teñen principalmente tres usos: clítico de marca de caso, clítico de diátese e clítico dótico.
CLÍTICO DE DIÁTESE.
Serve para construír a voz media impersoal:
- Creáronse milleiros de postos de traballos
- Explicóuselle todo ben clariño.
E tamén serve para construír a voz media ergativa en determinados casos (e á diferenza do español, é menos utilizada), mais neste caso poden ser todos os clíticos:
- O barco afundiu de repente (español: el barco se hundió de repente).
- Os meus amigos casaron nunha illa tropical (español: mis amigos se casaron en una isla tropical)
- Dedicámonos á produción de tortas de chocolate.
- O roteiro da peza adaptouse ao cinema.
CLITICO DÓTICO. Véxase dótico.
CLÍTICO DE MARCA DE CASO.
É aquel que fai referencia a un obxecto:
- Non mo dixeron,
onde me indica a min e o é a cousa dita. En galego poden cohabitar clíticos e obxectos:
- Non o coñezo o rapaz.
E até nalgúns casos é obrigatorio:
- A min non me agrada a xente coma ti.
Este clítico indica casos acusativo e dativo. Acusativo en:
- Xa a enviaron ao hospital.
Dativo en:
- Xa lle deron a baixa.
COMPLEMENTO.
Un complemento é un elemento que extende un núcleo. Se ese núcleo é verbal, o complemento é un obxecto:
- Quero uns doces.
mais tamén un suxeito:
- Préstame a túa camisa.
Fóra do SV, tamén o complemento aparece co núcleo do SN:
- A ponte da ribeira; os faros do auto.
ATENCIÓN: Daquela, non se pode chamar complemento aos obxectos.
COMPLEMENTADOR.
Trátase dun nexo e é o elemento que abre unha cláusula. Nas cláusulas principais e únicas non se representa. Nas cláusulas dependentes adoita aparecer sempre que haxe un verbo conxugado, como en:
- Non sei se virá
- Se non queres problemas, mellor cala a boca
- Espero que xa rematen estes problemas.
Porén, cando hai un verbo non finito (en infinitivo, xerundio ou participio), non hai complementador, como en:
- Sabe [falar varias linguas].
- [Rematada a partida], marcharon todos para cadansúa casa.
- [Falando tan rápido] non te entende ninguén.
CONSTRUCIÓN DITRANSTIVA.
Estas construcións requiren de dous obxectos, por norma OD e OI:
- Dei [uns bos consellos][ao meu sobriño].
Mais tamén pode ser OD e OO (oblicuo):
- Enche [a botella] [de auga], por favor.
CONSTRUCIÓN INACUSATIVA.
Son construcións de suxeito interno (á diferenza da maioría dos suxeitos que son externos, de facto son a primeira valencia dos predicados). Aparece en verbos como chegar, vir, ir, rematar, acabar, comezar, aparecer, entrar, saír, subir, baixar, etc., moitos dos cales, como se ve, son os chamados verbos de movemento, mais non son todos eles deste xénero.
CONSTRUCIÓN INTRANSTIVA.
Tamén chamada inergativa. Véxase enriba construción transitiva.
CONSTRUCIÓN TRANSITIVA.
É aquela que require dun OD. É mellor falar de estruturas que de verbos transitivos, pois ben a miúdo un verbo teoricamente transitivo pode aparecer como intransitivo é ao envés:
- Eu non corro, mais eu corro maratonas.
- Pedro escribe romances, mais Pedro non quere escribir.
- Hoxe comemos unha boa pizza, mais Hoxe non comemos aínda.
DIÁTESE.
Hai tres tipos de diátese ou voz:
- Activa: Desvian o tránsito pola estrada comarcal.
- Media
- Impersoal: Desvíase o tránsito pola estrada comarcal
- Ergativa: O tránsito desvíase pola estrada comarcal.
- Pasiva: O tránsito foi desviado pola estrada comarcal.
DICTUM.
O díctum e o modus son dous planos que se atopan en todas as frases. O díctum ten que ver coa estrutura da frase, mentres que o modus é a coñecida como actitude do falante. Segundo o díctum, as frases poden ser transitivas, intransitivas, inacusativas, ditransitivas, etc.
DISXUNTO.
É un funtema con valor principalmente pragmático que fai parte do modus. Moi a miúdo expresa unha opinión, xuízo ou valoración do falante, e non debe, daquela, ser confundido co adxunto. Este funtema adoita ter como operador un SP e un SADV.
- Francamente, non o entendo
- Aquilo foi, sinceramente, unha barbaridade.
- Na miña opinión, non deberías darlle ouvidos.
- En definitiva, quedamos coa gana de saber quen foi o responsábel
DÓTICO.
Trátase dos clíticos con valor pragmático, que non fan referencia nin á diátese nin á marca do caso. Existen tres principais: intensivo, solidario, mirativo
Destes tres, o galego só posúe os dous segundos, mentres o español posúe os dous primeiros. O intensivo encóntrase en exemplos coma estes, que non se usan en galego:
- Me compré unos zapatos nuevos > Comprei uns zapatos novos
- Nos comimos toda la carne > Comemos toda a carne
- Se leyó el libro de un tirón > Leu o libro dun golpe
O solidario aparece en exemplos coma estes:
- Sédeme bos, eh?
- O seu fillo cántalle como os anxos
- Choveunos todo o camiño.
O mirativo, que é exclusivo do galego dentro das linguas iberorrománicas, só se usa coa segunda persoa:
- Estouche farto desta situación.
- Non che mo dixo.
- Báixacheme o ton, queres? (neste exemplo o mirativo vai co solidario)
En portugués, moitas veces o mirativo pode ser expresado por medio do disxunto mesmo:
- Éche un bon rapaz > É mesmo um bom rapaz
- Sábenvos falar cinco linguas moito ben > Sabem mesmo falar cinco línguas muito bem.
ESTRUTURAS CLIVADAS.
É un modo de focalizar determinadas partes da oración por medio dunha cláusula inordinada. Así sendo, na cláusula:
- O Marcos comprou peixe na praza.
pode ser focalizada de diversas maneiras. Tomemos o 'onde', o lugar. Dá para clivalo:
- Foi na praza que o Marcos comprou peixe
- Onde o Marcos comprou peixe foi na praza
- Na praza foi onde o Marcos comprou peixe.
Podería facerse a mesma cousa co resto dos funtemas e até co predicado.
FOCO.
O foco expresa algo que foi enfatizado, polo cal ten unha entoación especial. Pode ser confundido co tópico cando este vai no inicio, mais teñen unha entoación diferente.
Un foco inicial encóntrase en:
- Un anel de ouro me roubaron
- Que bo anel mercaches.
E un foco non inicial encóntrase en:
- A conta págo eu (e máis ninguén)
FRASE.
Enunciado sintáctico que consta como mínimo de un predicado. Tamén é coñecido como período. Unha frase pode estar composta por unha soa cláusula ou por máis de unha. Cando só se trata dunha cláusula, falamos de frases simples:
- Quero un anaco de pan.
Cando hai máis dunha cláusula, falamos de cláusulas compostas:
- [[Cando chegou] dixo [que quería un anaco de pan]]
FUNTEMA.
Cada unha das funcións que emanan do predicado. Hai funtemas obrigatorios que veñen estabelecidos pola natureza semántica do verbo, como o suxeito e os obxectos, que veñen marcados pola grella semántica, isto é, a expansión do predicado. Xunta eles, hai funtemas opcionais, como o adxunto, o tópico, o interrogador, o auxiliar, etc. Ademais, hai funtemas sintácticos e outros pragmáticos que teñen que ver coa actitude do falante (o chamado modus)
GRELLA TEMÁTICA.
Para un enunciado sintáctico existir, antes ten que se formar semánticamente arredor dun predicado. Cada predicado ten unha ou varias posibilidades. Hai predicados sen necesidade de proxeccións, como os verbos atmosféricos:
- Onte choveu.
Hai verbos cunha proxección, como en
- O Xurxo xa non corre.
mais mesmo este mesmo predicado pode aceptar dúas proxeccións, unha externa, a primeira, e outra interna, a segunda:
- O Xurxo xa non corre maratóns.
Finalmente, hai predicados que poden aceptar até tres proxeccións, unha externa e dúas internas:
- O Xurxo deixou [as bolsas] [enriba da mesa].
Sempre que se tratar de proxeccións do predicado, coñecidos como argumentos, serán suxeito e obxectos. Fóra diso, o resto de funtemas non pertenden á grella temática. Xa que logo, todo predicado ten os seus argumentos, mais, como xa dixemos, algúns predicados admiten máis dunha estrutura.
MODUS.
Trátase das frases afirmativas, negativas, desiderativas, exhortativas, etc.
OBXECTO.
Funtema da frase que estende o predicado. Nalgunhas teorías é chamado complemento, mais esta é unha denominación incorrecta do punto de vista sintáctico. Existen varios tipos de obxecto, como se verá a seguir.
OBXECTO AXENTIVO (OA).
Só aparece nas construcións pasivas. Xorde pola conversión do suxeito neste obxecto, que pode ou non ser obrigatorio.
- Os nenos quebraron a vitrina da tenda > A vitrina da tenda foi quebrada polos nenos.
OBXECTO DIRECTO (OD).
É aquel cuxa natureza emana directamente do predicado sen intermediarios. A súa importancia é absoluta, porque, sen el, o predicado fica incompleto, como en:
- *O Xoán trae.
Para o predicado ser completo, ten de indicar o que trae o Xoán:
- O Xoán trae o pan| uns doces, etc.
O OD, cando trata de persoas e en sintagmas nominais con nome propio, acostuma ir precedido da preposición a:
- Vin a María.
- Saudei a Xoán.
Co sintagma determinante non leva preposición e o seu uso é un castelanismo:
- Vin os nenos e non *Vin aos nenos
- Saudei uns compañeiros e non *Saudei a uns compañeiros.
O OD é expresado por medio dos clíticos de acusativo:
- Non lin eses libros > Nos os lin.
Ademais, dáse en galego, como no resto de linguas románicas, o pleonasmo nos casos de topicalización:
- Aos nenos acompañeinos á escola esta mañá.
O OD ten un caso sintáctico de acusativo.
O obxecto indirecto moi frecuentemente non é mesmo un obxecto obrigatorio e aparece até con construcións intransitivas:
- Merquei uns doces aos rapaces.
- Ese can ladra a todos os peóns pola rúa.
Non confundir o OI co ADX de beneficiario, tanto é así que ambos poden coexistir:
- Entreguei a Luísa uns documentos [para súa nai]
O OI ten un caso sintáctico de dativo.
Como o OD, é un funtema obrigatorio que ten a característica de ser introducido sempre por unha preposición. Tamén é coñecido como obxecto preposicional, mais esta é unha denominación pouco afortunada.
- Moramos nun barrio da periferia (non é un circunstancial, porque é un argumento, un funtema obrigatorio).
- Dedícome á venda de computadores.
- Contentouse cos resultados obtidos.
- Falamos da partida de onte.
Parte dunha frase que é o seu núcleo e cuxo operador é sempre un verbo lexical, isto é, un verbo que ten significado. Vgr.
- A rúa está hoxe deserta
- Non podo dicirche quen son esas persoas,
É incorrecto definir o predicado como o que non é o suxeito.
SINTAGMA
Un sintagma é un conxunto de palabras que funcionan como unha unidade a operaren un funtema. Todo sintagma ten un núcleo, a palabra principal e a única obrigatoria (non hai sintagma sen núcleo). En galego acostuma falarse de varios tipos de sintagmas, algúns dos cales non son senón proxeccións doutros. Visto que as catro clases principais de monemas son verbo, nome, adxectivo e adverbio, as súas proxeccións máximas dan lugar a catro tipos de sintagma: SV, SN, SA e SADV.
O SN proxéctase en SD (determinante) e en SP (preposicional):
- Carro
- Un carro
- Nun carro
O SV pode levar todos os outros sintagmas inseridos dentro del.
É importante tamén ter en conta o o SC (complementador) que é o que se utiliza para introducir cláusulas.
TÓPICO.
É unha función pragmática que, por norma, se coloca no inicio da frase, antes da grella temática e serve, principalmente, para mudar a orde habitual SVO. Sendo así, unha estrutura OVS conséguese co tópico:
- Os espaguetes compreinos eu [
comprei] [os espaguetes].
Mais tamén é capaz que apareza unha estrutura SOV grazas ao tópico (ou duplo tópico):
- Eu os espaguetes [
eu] compreinos [os espaguetes].
Nos dous exemplos anteriores vense mostras de pleonasmo, coa presenza do clítico dun xeito mandatorio. Ademais, os elementos topicalizados sofren un deslocamento da súa posición inicial.
Pode darse que non todo o tópico se despraza e unha parte fica no seu lugar orixinal. Isto acontece cos cuantitativos:
- Amigos téñovos moitos
amigos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario