venres, 8 de xullo de 2011

De 'pobo' e derivados

A palabra pobo adoita presentar problemas en galego pola influencia do español, xa que en galego ten un uso moito máis limitado ca en español.

O español pueblo pode significar basicamente dúas cousas:
  • núcleo de urbano relativamente pequeno, maior ca unha aldea e menor ca unha cidade.
  • conxunto de habitantes dun país, bisbarra ou zona xeográfica determinada.


Ora ben, o galego pobo só serve para a segunda das acepcións. É correcto, pois, falar do pobo galego, ben como afirmar que o pobo estaba contento coa nova reforma constitucional.

Porén, un núcleo urbano non é nunca un pobo, senón unha vila. Por tanto, a entrada nun dicionario ficaría así:

PUEBLO: (1) pobo; (2) vila.
  • Os gregos son un pobo moi interesante.
  • Vivimos nunha vila ao pé do río.


Loxicamente, existen derivados de pobo, algúns dos cales poden causar dúbidas canto ao seu emprego.

O primeiro deles é o verbo poboar:
  • Estas rexións foron poboadas con pastores procedentes das montañas.


Como derivado, existe poboación, que na norma galega actual ten os dous significados do español población, isto é, (1) conxunto de habitantes e (2) conglomerado urbano. En tal caso, parecería oportuno facer a distinción que se fai en portugués, onde para (1) se emprega população e para o (2) povoação, de xeito que se podería introducir unha hipotética forma populación en galego acorde coa correspondente forma portuguesa.


Infinitivo conxugado con dous infinitivos

É normal que en galego se encontren dous infinitivos nunha cláusula dependente. Se un deles houbese levar as desinencias do infinitivo conxugado, este ha de ser sempre o primeiro deles:
  •  É preciso podermos falar / *poder falarmos con liberdade.

Tipos de períodos ou frases: simples, compostos e complexos

Unha frase ou período está composta por unha ou máis oracións.

Unha oración é unha estrutura lingüística que ten como mínimo un predicado.

Os predicados poden ter forma conxugada (finita) ou non conxugada (infinita):  
  • [O Xoán estuda enxeñaría] → finita
  • [ Estudando enxeñaría] → non finita


Un período simple cunha soa oración ten sempre un verbo finito, mais un período con máis dunha oración terá obrigatoriamente unha oración finita, mentres que a(s) outra(s) poden ser finitas ou non finitas:
  • [ A xente espera que [a situación mellore]]
  • [ A xente espera [ter máis diñeiro no futuro]]

Para os efectos de contabilizar como oración simple ou complexa, un predicado pode ter unha estrutura complexa de auxiliares que non contan como verbos independentes. Todos os verbos auxiliares unidos ao verbo lexemático forman un cúmulo verbal:
  • Os cidadáns[estaban a ser ignorados] polos seus representantes > cláusula simple
  • Os cidadáns [estaban a querer [ter voz nas súas decisións]] > cláusula complexa.

Caso haxa dous predicados, pode tratarse dun período complexo ou composto.

O período composta é aquel en que as dúas oracións están ligadas mas manteñen a súa independencia:
  • [A lúa está chea esta noite], [mas infelizmente ha moitas nubes].
  • [Os rapaces concordaron en rematar a festa en paz][e os veciños acougaron]]

O período complexa, polo contrario, ten unha oración principal e outra dependente. A oración dependente pode ligarse á principal de dúas maneiras: como inserida ou como anexa.

Un exemplo de oración inserida son as chamadas oracións completivas, que teñen as máis das veces un verbo finito en conxuntivo ou ben un tempo non finito (xeralmente o infinitivo): 
  • O xornalista quería [que a noticia saíse na primeira páxina]
  • O xornalista quería [publicar a noticia na primeira páxina]

Un exemplo de oración inserida son as dependentes que poden ter a posibilidade de movemento diante ou detrás da principal (non sempre é así, porén):

  • [[Se tes fame][vai directamente ao frigo]] ↔ [[Vai directamente ao frigo] [se tes fame]]






Acentuación do copretérito

O copretérito presenta unha acentuación da sílaba tónica un chisco diferente doutras linguas románicas (coincide porén co italiano).

Tal acentuación refírese ao copretérito de indicativo e afecta só á 1PP e á 2PP:

1Conx.: cantabamos/*cantábamos, cantabades/*cantábades
2Conx.: comiamos/*comíamos, comiades/*comíades
3Conx.: partiamos/*partíamos, partiades/*partíades

Igualmente o antepretérito segue a mesma pauta:

1Conx.: cantaramos/*cantáramos, cantarades/*cantárades
2Conx.: comeramos/*coméramos, comerades/*comérades
3Conx.: partiramos/*partíramos, partirades/*partírades

Ademais, os verbos rematados en -aer, -oer, -aír, -uír presentan diérese nesas mesmas persoas para as distinguir das formas semellantes do presente de conxuntivo, dado que a pronuncia é ademais diferente.

Porén, o copretérito de conxuntivo non segue esta pauta de acentuación:

1Conx.: cantásemos/*cantasemos, cantásedes/*cantasedes
2Conx.: comésemos/*comesemos, comésedes/*comesedes
3Conx.: partísemos/*partisemos, partísedes/*partisedes