luns, 16 de novembro de 2015

Acerca de 'mudar' e 'cambiar'

Por influencia do español, úsase cambiar como verbo de significado xeral, cando na realidade se trata dun verbo cun significado restrito. No inicio, cambiar refírese só a operacións financeiras (cambio de moeda, por exemplo), tamén a mudar de cor. 
  • Boa tarde, podo aquí cambiar euros por dólares?
Polo contrario,  para o uso xeral, o verbo normal en galego é mudar
  • Xa mudou de idea outra vez
  • Mudáronme o posto para outra cidade
  • Andan a mudar os responsábeis polas obras públicas
  • Á miña rúa mudáronlle o nome


domingo, 15 de novembro de 2015

Acerca de 'onda'

Onda é unha preposición de lugar. Na entrada correspondente do VOLG dise:

 Expresa proximidade espacial.

Fun onda el e atopeino chorando. SINÓNIMOS xuntaxunto a 

Equivale tamén a ao carón de, cabo (de). Sendo unha preposición, vai seguida do caso oblicuo cando se usa seguida dun pronome:
  • Podes hospedarte onda min, se queres

Úsase, ademais, cun valor semellante ao do francés chez ou o italiano da para expresar o concepto de na casa de:
  • O Fernando anda onda o Loís 
  • Espero por ti onda o Carlos 






Acerca de 'onde'

Onde é un pronome multifuncional que fai sempre referencia a lugar.

Funciona quer como interrogador (pronome interrogativo), quer como relator (pronome relativo).

Cando funciona como interrogador indica localización e dirección, valendo igualmente para interrogativas directas e indirectas. 

Como interrogador úsase e respóndese con verbos como estar ou ficar. No segundo caso, respóndese con calquera verbo de movemento, como ir.

I. O onde de localización non vén precedido de preposicións:

  • Onde vives? 
  • Onde estás? 
  • Onde os viches?
  • Onde deixaron as caixas?

Neste uso, e só coa terceira persoa, pode ser usado u-lo

  • U-la caixa = Onde está caixa?
  • U-los nenos = Onde están os nenos?

II. O onde de movemento admite diversas preposicións, distinguíndose entre:

II.1. Lugar de chegada, en cuxo caso se pode usar onde só, ou ben para onde.
  • Onde vas? = Para onde vas?
  • Para onde tiraron?

É máis común o uso da preposición para que a. Se se utilizar, non se une a onde: a onde.

II.2. Lugar de orixe, coa preposición de.
  1. De onde chegaron estes?
  2. De onde disparan?
II.3. Outra preposición frecuente é por
  • Por onde te metiches?
  • Por onde chegan?

Como relator úsase como equivalente a en que, no cal

Pode ter, por tanto, un antecedente:
  • A casa en que/ onde nacín é moi antiga
  • A rúa en que/ onde celebran a feira está fechada ao tránsito

Ou carecer del, en cuxo caso non é susbtituíbel por en que/ no cal:

  • Onde a xente é máis feliz é no norte
  • Onde viven meus pais neva moitas veces

Con todo, non é infrecuente utilizar un antecedente que ten un valor máis sintáctico do que semántico, que acostuma ser alí:
  • Alí onde viven meus pais neva moitas veces


Acerca de 'u-lo'

U-lo é un interrogador cun uso moi restritivo.

Significa exactamente onde está o/a. Ten, por tanto, flexión:

SG    M  u-lo
         F   u-la
PL    M  u-los
         F   u-las

Non inclúe verbo e vai seguido por un sintagma determinante:
  1. u-lo libro?
  2. u-la camisa?
  3. u-los libros?
  4. u-las camisas?