luns, 31 de agosto de 2015

Acerca de 'dimitirse'

O uso normal deste verbo en todas as linguas románicas é como pronominal, o cal torna normal que tamén en galego se use así, á diferenza do español que o usa sen clítico. De facto, o seu uso sen o clítico é outro caso de castelanismo:
  • O rexedor ten de se dimitir despois do escándalo
  • O goberno enteiro dimitiuse onte á noite
  • Espero que se dimitan antes de acabar o día



domingo, 30 de agosto de 2015

Nexos casteláns a evitar

Úsanse en galego, mesmo na norma oficial, unha serie de nexos que ligan frases ou períodos que están directamente tomados do castelán e que son de todo incorrectos en galego. Estes son os máis comúns, xunto coas formas enxebres que se poden usar en galego:
  1. *Desde logo: certamente, de certo, sen dúbida
  2. *En canto: así que, da que
  3. *En canto a: canto a, a respecto de
  4. *Por suposto: serve o dito para desde logo máis acima, tamén claro.

Eis algúns exemplos construídos con eles:
  1. Este rapaz sabe, de certo/ certamente/ sen dúbida, de que está a falar.
  2. Así que/ da que chegues, chámame.
  3. Canto ás verbas para este ano, houbo un corte no orzamento ben importante.
  4. Claro/ certamente, non haberá máis discusións sobre ese asunto

Cómpre ter presente que encanto é tamén un adverbio (portugués enquanto) idéntico a mentres:
  • Ficaron calados mentres/ encanto estiveron aquí. 



mércores, 26 de agosto de 2015

Acerca de 'continuar' e 'seguir'

Estes dous verbos tenden a ser empregados case igual en galego pola influencia do español, mas teñen valores diferentes.

Seguir úsase para se referir aos pasos, ao rastro, en definitiva, ir por tras de algo ou alguén.
  • Seguimos as súas pegadas por toda a cidade
  • Sigo a súa carreira cinematográfica con ben de interese.

Continuar indica a non a interrupción de algo, a continuación. Moitas veces é substituíbel por proseguir.
  • Continuou a correr despois de recibir un golpe na cabeza durante a carreira.
  • Continuaremos coas aulas despois da pausa.

A perífrase *seguir a non é correcta en galego, está influída polo español; a única forma correcta é continuar a:
  • Se continuades a falar así, vanvos botar da sala.
  • Co teu permiso, continúo a ler.