A colocación dos posesivos cando son usados atributivamente dentro dun SN é moi variábel en galego.
Como é ben sabido, o galego require dun determinante (por norma artigo definido, mais tamén pode ser o indefinido e até un demostrativo) que o preceda. Nisto, funciona como outras linguas como o italiano:
- Co artigo definido: o meu amigo
- Co artigo indefinido: un meu amigo
- Co demostrativo: ese meu amigo
O determinante é xeralmente omitido cando se trata dos nomes de parentesco directo:
- Meu pai
- Túa nai / mai
Á diferenza do portugués, pode manter o posesivo prenominal nos tres casos, mais tamén, neses tres mesmos casos, pode colocar o posesivo tras o nome:
- O amigo meu
- Un amigo meu
- Ese amigo meu
A diferenza entre os primeiros e os segundos é estilística nos exemplos con artigo indefinido e posesivo, mentres que no primeiro caso estamos ante unha forma non marcada (o meu amigo) e outra marcada (o amigo meu), cun valor algo enfático, aínda que non é excesivamente clara esta distinción, se ben, a primeira forma é moito máis frecuente que a segunda (de aí que digamos que se poida considerar lixeiramente marcada). De facto, o propio español utilizaría a segunda cunha marca moito máis relevante:
- [-marcado]: su amigo
- [+marcado]: el amigo suyo
No entanto, forma prenominal é preferíbel cando hai máis elementos que acompañan o nome:
- O meu auto italiano
- O auto meu italiano (sería aceptábel, mais cun valor contrastivo: o auto meu que é italiano, porque teño outro(s) que non o é/son).