luns, 7 de outubro de 2013

De 'isto', 'iso' e 'aquilo'

As chamadas formas neutras do demostrativo son na realidade formas que só se usan predicativamente

Mentres o resto das formas admiten tanto un uso atributivo:
  • Este rapaz é o meu curmán.
  • Dille á aquela nena que pare quieta.

canto predicativo:
  • O meu curmán é este.
  • Dillo á aquela.

As chamadas formas neutras só o admiten predicativo. Por norma, non teñen referentes na oración, ao contrario do resto das formas. Mesmo así, poden combinarse con outras formas neutras:
  • Todo iso é mentira (obsérvese que o equivalente portugués deste exemplo tamén ten unha forma neutra: tudo, de modo que: Tudo isso é mentira)
  • Isto teu é de loucos




mércores, 25 de setembro de 2013

De 'quererche/lle ben'

A expresión galega querer ben a alguén úsase frecuentemente para expresar afecto ou estima por alguén. Úsase cos clíticos de dativo che e lle. Eis algúns exemplos:

  • Quéroche ben, xa o sabes
  • Ao teu irmán, quérolle ben

Esta forma galega é idéntica á italiana: volere bene a qualcuno. De facto, a tradución dos exemplos anteriores en italiano é idéntica:

  • Ti voglio bene, già lo sai
  • A tuo fratello voglio bene





luns, 23 de setembro de 2013

A metafonía verbal

Cada tempo, en función da súa conxugación (primeira, segunda ou terceira) ten unha serie diferente de morfemas. Porén, ao longo da conxugación, a vogal muda segundo un proceso chamado metafonía.

Con todo, moitos galegos verbos das segunda e terceira conxugacións teñen un comportamento irregular, no tocante ás súas vogais rizotónicas. Isto é debido a razóns históricas que non poden ser explicadas aquí. Este fenómeno é unha metafonía (con un ou mesmo dous graos), que afecta o tempo presente, tanto indicativo canto subxuntivo. Este fenómeno non afecta a primeira e segunda persoas do plural, xa que o acento se muda para o final no presente de indicativo, mais si no de conxuntivo.

Os contornos do proceso son:

             Vf: vogal fechada

             Va: vogal aberta

             Va2: vogal aberta en dous graos

Atópase na segunda e terceira conxugacións. 

Eis como funciona na segunda conxugación nos tempos afectados, isto é, presente de indicativo e de conxuntivo (ou subxuntivo):

Indicativo                                                           Conxuntivo

1PS:  Vf                                                              1PS:  Vf

2PS:  Va                                                              2PS:  Vf

3PS:  Va                                                              3PS:  Vf

1PP:  ––                                                              1PS:  Vf

2PP:  ––                                                              2PS:  Vf

3PP:  Va                                                              3PS:  Vf

Exemplos dos distintos paradigmas 

(a): /è/ > /é/

     Presente indicativo:

     cédo, cèdes, cède, cedemos, cededes, cèden

     Presente subxuntivo:

     céda, cédas, céda, cedamos, cedades, cédan

(b): /ò/ > /ó/

         Presente indicativo:

          cóllo, còlles, còlle, collemos, colledes, còllen

         Presente subxuntivo

         cólla, cóllas, cólla, collamos, collades, cóllan


Na terceira conxugación poden darse unha metafonía de até dous graos, que afecta aos mesmos tempos. Há dous subparadigmas:

(1)

Indicativo                                                           Conxuntivo

1PS:  Vf                                                              1PS:  Vf

2PS:  Va2                                                            2PS:  Vf  

3PS:  Va2                                                            3PS:  Vf

1PP:  Va                                                              1PS:  Vf

2PP:  Va                                                              2PS:  Vf

3PP:  Va2                                                            3PS:  Vf 

Exemplo (a) /i/ > /è/

              Present indicativo

              sigo, segues, segue, seguimos, seguides, seguen

              Presente subxuntivo

               siga, sigas, siga, sigamos, sigades, sigan

              Outros verbos que seguen o mesmo padrón son: servir, mentir, ferir, pedir, vestir, etc.

Exemplo (b) /u/ > /o/

              Presente indicativo

              durmo, dormes, dorme, durmimos, dormen

              Presente subxuntivo

              durma, durmas, durma, durmamos, durmades, durman

                   Outros verbos: acudir, sacudir, subir, sufrir, cumprir (='ser preciso')

(2)

Indicativo                                                           Conxuntivo

1PS:  Vf                                                               1PS:  Vf

2PS:  Vf                                                               2PS:  Vf  

3PS:  Vf                                                               3PS:  Vf

1PP:  Va                                                              1PS:  Vf

2PP:  Va                                                              2PS:  Vf

3PP:  Vf                                                               3PS:  Vf 

Exemplo (a) /i/-/e/

              presente indicativo:

              dispo, dispes, dispe, despimos, despides, dispen

              presente subxuntivo:

              dispa, dispas, dispa, dispamos, dispades, dispan

                  Outros verbos: os máis dos verbos rematados en –ir seguen esta conxugación. Debe ser considerada regular.


sábado, 21 de setembro de 2013

Tempos compostos

Nas máis das gramáticas actuais afírmase que o galego carece de tempos compostos. Isto non é certo, si o que os ten. Ora ben, o que acontece é que non ten a mesma distribución dos tempos compostos que o castelán e, en certos casos, existe un uso perifrástico que dá lugar a confusións.

Existe unha perífrase verbal aspectual que se constrúe con ter + participio. Tal perífrase indica hábitos pasados (insistamos no de pasados), como se pode apreciar nos seguintes exemplos:
  •          Teño falado diso con el moitas veces
  •          Non o tiña probado desde hai moitos tempo

Porén, no exemplos seguinte non se expresan hábitos pasados, aínda que o tempo composto aparece en conxuntivo:
  •          Espero que non o teñas esquecido

O uso de ter como auxiliar dos tempos compostos é evidente cos tempos futuro, condicional e todos os de conxuntivo, así como coas formas non finitas do verbo:
  •          Se eu tivese sabido que chegariades tan tarde, non tería feito a cea tan cedo.
  •          Se eu tiver tido fame, tería pedido algo de comer
  •          Esperaba que non tiveses lido ese libro xa

Os tempos de pasado (pretérito, antepretérito e copretérito) non teñen formas compostas. De feito, o galego conserva o antepretérito simple:
  •          Cando el chegou, eu xa limpara o auto

Daquela, o uso de ter como forma composta ou perifrástica pódese mostrar así:

Perífrases
teño falado
Tempos simples
falei
tiña falado
falaras
Tempos compostos
terei falado
tería falado
teña falado
tivese falado
tiver falado
ter falado
tendo falado

No contraste co español, temos:

hablé
falei
he hablado
había hablado
falara

Os tempos compostos expresan pasado. Sen o auxiliar ter, non habería maneira de expresar o dito pasado. Eis a diferenza entre os dous exemplos a seguir:
  •              Espero que veña [— pasado]
  •             Espero que teña vido [+ pasado]
  •             Esperaba que viñese


mércores, 18 de setembro de 2013

Formas distintas entre substantivo e adxectivo

En galego existen algúns casos de palabras con formas distintas segundo sexan substantivos ou adxectivos, que adoitan causar complicacións.

Os tres casos máis comúns son estes:

As segundas formas son consideradas cultismos, mentres as primeiras son patrimoniais, o cal explica a diferenza. O galego, como o portugués, usan esta diversidade de formas para marcar a diferenza morfolóxica, mentres que no resto das linguas románicas non se fai.

De 'vogal' e 'vocal'

Estas dúas palabras están intimamente ligadas, mais responden a categorías diferentes:

VOGAL

É un substantivo, con dous significados principais, que se recollen nos dous exemplos a seguir:
  • O inglés ten moitas vogais entre longas e curtas, átonas e tónicas.
  • O Ricardo é vogal no consello.



VOCAL

É un adxectivo.
  • Gusto moito da música vocal
  • Sempre ten problemas coas cordas vocais


Porén, vocal pode ser tamén un substantivo cando significa vocalista.

De 'segredo' e 'secreto'

Estas dúas palabras están intimamente ligadas, mais responden a categorías diferentes:

SEGREDO

É un substantivo:
  • O segredo do tesouro morreu co avó
  • Non teñas segredos comigo, por favor

SECRETO

É un adxectivo.
  • Atoparon un túnel secreto baixo a vivenda
  • Existe unha organización secreta que conspira contra o goberno



De 'xeral' e 'xeneral'

Estas dúas palabras acostuman causar confusión, mais teren usos diferentes:

XENERAL

É un substantivo. Só se usa con referencia ao grao militar:
  • O xeneral mandou o batallón atacar.


XERAL

É un adxectivo. Úsase como sinónimo de global, regular, común, etc.
  • A estrada xeral está feita un desastre
  • En xeral, teñen pouca experiencia
  • É unha causa xeral de doenzas hepáticas

O substantivo derivado de xeral é xeneralidade, non *xeralidade, que non existe. O adverbio derivado, en troques, si é xeralmente.

Amalgamas de determinante e cuantificador

En galego existen un par de casos de formas amalgamadas de determinante e cuantificador. Son estas:
  • este, ese, aquel + outro > estoutro, esoutro, aqueloutro
  • cada + un + seu > cadanseu


Trátase de formas compostas de demostrativo con cuantificador. En galego van unidas e forman unha unidade.

Sobre o primeiro caso, o paradigma completo é como segue:

SG
PL
M
F
N
M
F
estoutro
estoutra
estoutro
estoutros
estoutras
esoutro
esoutra
esoutro
esoutros
esoutras
aqueloutro
aqueloutra
aqueloutro
aqueloutros
aqueloutras


O neutro ten un uso exclusivamente predicativo:
  • Estoutro que me contas éche ben interesante


Sobre o segundo caso, o paradigma é:

SG
PL
M
F
M
F
cadanseu
cadansúa
cadanseus
cadansúas

Só se usa co posesivo de terceira persoa, mais podería tamén empregarse a forma non amalgamada:
  • Levaron para as ferias cadansúa caravana



martes, 17 de setembro de 2013

Verbos pronominais

Un verbo pronominal é aquel que se conxuga xunto cun clítico. Non se trata dun verbo reflexivo (do tipo lavarse).

En ocasións, a conxugación con ou sen clítico envolve unha diferenza sintáctica, como en:
  • referir: O promotor referiu os feitos pormenorizadamente na sesión.
  • referirse: O promotor referiuse aos feitos acontecidos antes do crime. 
No primeiro caso, referir significa narrar, mentres no segundo significa facer referencia.

En galego existen moitos menos verbos ditos pronominais que noutras linguas románicas.Son verbos realmente pronominais aqueles que sempre se conxugan cun clítico, como queixarse, lamentarse, gabarse, etc.

O español e o italiano fan un uso pronominal de certos verbos cun valor estilístico que é impensábel en galego:

  • ES: Me he comido dos bollos
  • IT: Mi sono mangiato due pasticci
  • GL: Comín dous bolos

  • ES: Bébete la leche
  • IT: Prenditi il latte
  • GL: Bebe o leite

Outros moitos verbos, non son nunca pronominais en galego: caer, quedar, casar, calar, adherir*, etc.

Mesmo os verbos reflexivos cando suxeito e obxecto directo son iguais, como en:

  • Laveime esta mañá
  • Maquilleime antes de vir
 deixan de selo cando xorde un obxecto indirecto:

  • Lavei as mans esta mañá, e non *laveime as mans.
  • Maquillei os ollos antes de vir, e non *maquilleime os ollos.

Véxase, ademais, o relativo ás construcións ergativas en galego.

_______________________________________
* A gramática normativa non inclúe adherir como verbo non pronominal, mais nós incluímolo aquí por se conxugar sen clítico en portugués.