A palabra pobo adoita presentar problemas en galego pola influencia do español, xa que en galego ten un uso moito máis limitado ca en español.
O español pueblo pode significar basicamente dúas cousas:
- núcleo de urbano relativamente pequeno, maior ca unha aldea e menor ca unha cidade.
- conxunto de habitantes dun país, bisbarra ou zona xeográfica determinada.
Ora ben, o galego pobo só serve para a segunda das acepcións. É correcto, pois, falar do pobo galego, ben como afirmar que o pobo estaba contento coa nova reforma constitucional.
Porén, un núcleo urbano non é nunca un pobo, senón unha vila. Por tanto, a entrada nun dicionario ficaría así:
PUEBLO: (1) pobo; (2) vila.
- Os gregos son un pobo moi interesante.
- Vivimos nunha vila ao pé do río.
Loxicamente, existen derivados de pobo, algúns dos cales poden causar dúbidas canto ao seu emprego.
O primeiro deles é o verbo poboar:
- Estas rexións foron poboadas con pastores procedentes das montañas.
Como derivado, existe poboación, que na norma galega actual ten os dous significados do español población, isto é, (1) conxunto de habitantes e (2) conglomerado urbano. En tal caso, parecería oportuno facer a distinción que se fai en portugués, onde para (1) se emprega população e para o (2) povoação, de xeito que se podería introducir unha hipotética forma populación en galego acorde coa correspondente forma portuguesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario