En galego, como en todas as linguas románicas, os clíticos teñen valores diversos do punto de vista sintáctico.
1. Marca de caso. É o valor primario que aparece sempre que o clítico fai referencia ao obxecto (directo ou indirecto). Con este uso, os clíticos teñen caso (acusativo ou dativo na 3P e mais na 2PS):
- Xa te vin pola rúa (acusativo)
- Xa che berrei na rúa (dativo)
- Xa a vin (acusativo)
- Xa lle respondín (dativo)
2. Marca de diátese ou voz. Neste caso, cando se trata da voz media impersoal, o clítico se vén utilizado:
- Vívese moito ben aquí.
- No verán alúganse moitos apartamentos na vila.
Se se tratar da voz media ergativa, é capaz que non haxa calquera operador, mais se o houber, hai dúas hipóteses.
Que sexa só se porque non se dá fóra da terceira persoa e neste caso é capaz que non se exprese.
- O televisor avariou(se).
- A xornada alongou(se) máis do previsto.
Que sexa calquera dos clíticos, porque se conxuga xunto co verbo:
- Rebeláronse contra o poder estabelecido.
- Opereime de apendicite.
3. Marca pragmática, chamada dótico. Neste caso, o clítico non ten calquera valor sintáctico, mais pragmático.
Hai un primeiro uso coincidente co castelán ou o portugués chamado solidario:
- Choveunos polo camiño (pt. choveu-nos pelo caminho)
- Non me ladres, queres?
- Os nenos cántanvos como os anxos
O galego ten, ademais, un uso de seu, chamado mirativo, que só se usa en segunda persoa.
- Évos tarde, por que non marchades xa?
- Estouche farto desta situación
Este uso mirativo equivale moitas veces ao emprego de mesmo en portugués:
- É mesmo tarde, porque não vão embora?
- Estou mesmo farto desta situação
Importante: o galego carece do uso do dótico intensivo do castelán:
- *Linme todo o libro > lin todo o libro
- *Prepareime a cea > preparei a cea
- Coméstesvos os ovos estrelados? > comestes os ovos estrelados?
Ningún comentario:
Publicar un comentario