martes, 16 de febreiro de 2010

Sobre 'hai', 'vai' e 'fai'

O uso destas dúas formas verbais causa problemas aos falantes de castelán por teren un uso diferente entre Galego e Castelán.

FAI

3PS do verbo facer, úsase só como forma verbal plena.
  • Fai cousas incomprensíbeis.

VAI

3PS do verbo ir, ten un uso específico en Galego que non ten en Castelán. Expresa o tempo atmosférico, para o cal en Castelán se usa hace:
  • Vai unha calor asfixiante (e non: *fai unha calor...)
  • Vai unha friaxe insoportábel este inverno (e non: *fai unha friaxe...)

HAI

3PS do verbo haber no uso impersoal. En Galego emprégase ademais para expresións de tempo transcorrido, alí onde o castelán usaría hace.
  • Hai dúas horas que estou á súa espera (e non: *fai dúas horas...)
  • Morreu xa hai un ano. Hoxe é o cabodano (e non: *... xa fai un ano.)

2 comentarios:

Suso Moinhos dixo...

"Fai" usado para exprimir o tempo atmosférico nom parece ser castelhanismo. É umha forma empregue tanto no galego (que comparte com "vai") como no português de Portugal, e assi aparece recolhido nos dicionários (Xerais, RAG).
"Fai" usa-se tamém para indicar o cumprimento dum período de tempo exactamente, enquanto "hai" indica um tempo transcorrido, quer exactamente, quer de maneira indefinida: 'Hai muito tempo que nom a vejo', mais 'Fai/hai duas horas que estou à sua espera' e 'Morreu já fai/hai um ano. Hoje é o cabo-de-ano'.
Conviria juntar tamém a expressom com "Estar", de uso mais restringido que em Portugal: 'Hoje está um dia fabuloso'.

Xafrico dixo...

Non concordo co uso "fai" expresado no comentario. Abonda meter en Google para tempo atmosférico e é moito menos que "hai"; manteño que é un castelanismo en galego, aínda que concordo que "está" tamén pode ser usado nese contexto.

Para expresións temporais, igualmente as entradas en Google demostran claramente que a forma maioritaria (non por iso máis correcta, mais neste caso ao meu ver demostran a súa enxebridade) son con "hai" e non con "fai". En portugués "faz anos" é como en español "cumple años".