mércores, 15 de setembro de 2010

A ausencia de contracción entre preposición e artigo ou pronome (2)

Este segundo caso de ausencia de contraccións é moito máis complexo.

Obsérvense os seguintes casos:
  • Xa eran horas de os nenos iren para a cama.
  • Suspiraban por a hora do recreo chegar.
  • Chegou o momento de elas diciren a verdade.

Sería absolutamente incorrecto nestes casos realizar a contracción:
  • *Xa eran horas dos nenos iren para a cama
  • *Suspiraban pola hora do recreo chegar.
  • *Chegou o momento delas diciren a verdade.

Trátase da presenza dunha barreira que pode ser visíbel (ou audíbel) ou non: o complementador.

Toda cláusula dependente é introducida por un Sintagma Complementador (SC). Ao tratarmos dos conectores ou complementadores, vimos que as cláusulas de infinitivo non mostran SC, mais iso non significa que non estea SC.

Vexamos os exemplos de enriba agora con complementador visíbel:
  • Xa eran horas de [sc que] os nenos fosen para a cama.
  • Suspiraban por [sc que] a hora do recreo chegase.
  • Chegou o momento de [sc que] elas dixesen a verdade.

A presenza do SC, ademais de impor o pretérito de conxuntivo, permite ver que entre a preposición e o artigo ou pronome hai unha barreira, por tanto non poden contraer.

Cando se emprega  o infinitivo, a dita barreira segue a estar presente, embora sexa invisíbel. Podemos representala así:
  • Xa eran horas de [sc Ø] os nenos iren para a cama.
  • Suspiraban por [sc Ø] a hora do recreo chegar.
  • Chegou o momento de [sc Ø] elas diciren a verdade.

En definitiva, o complementador sempre está presente. Cando é visíbel, o verbo conxúgase, cando é invisíbel, úsase o infinitivo, mais o dito complementador evita a contracción porque de feito non hai contacto entre a preposición e o artigo ou o pronome.

Ningún comentario: