Non pretendemos agora dar toda a lista de conectores do galego, mas simplemente atender para a súa estrutura básica.
O conector máis frecuente é que. Con todo, é bo acostumarse ao uso do termo complementador, habitual na gramática xerativa.
Por veces rexe indicativo (nomeadamente cos verbos de dicción e pensamento en afirmativo):
- Dixo que anda moi ocupado ultimamente
- Penso que niso non tes razón ningunha
- Afirmou que naquel día el estaba no seu gabinete a traballar.
Noutras ocasións rexe conxuntivo ou subxuntivo:
- Espero que teñas mellor sorte na próxima vez
- Queren que traballemos aínda máis horas
- Pediunos que lle trouxésemos un recordo da nosa viaxe.
O que pode combinarse con preposicións, formando daquela conectores máis complexos:
- Heicho dicir máis claro para que o entendas
- Desde que marcharon, isto está moi baleiro
Ora ben, é ben frecuente que o complementador non apareza, en cuxo caso o normal é que se atope unha forma non persoal, nomeadamente o infinitivo, embora a preposición se manteña:
- Heicho dicir máis claro para o entenderes.
- Non sei que se gaña con discutirdes.
Existe un tipo de oracións de infinitivo, nomeadamente con valor temporal, introducidas con ao (polo demais, moi frecuentes tamén en portugués e español).
- Ao escollermos unha empresa como esta, escolledes fiúza.
- Asinaron a súa sentenza de morte ao declararen contra o mafioso.
As outras formas non conxugadas son tamén frecuentes no seu uso sen complementador. Así, as oracións de xerundio úsanse con moita frecuencia con valores temporais ou modais:
- Vindo para acó, atopei o Paco ao pé da túa casa
- Falando así, non che van entender nada, meu.
É moi común o emprego do xerundio coa preposición en:
- En levantando o solo, apareceron restos arqueolóxicos
Teñen mesmo valor condicional:
- Aprendendo esta parte dos contidos, hache bastar para faceres o exame.
As oracións de participio ten un uso máis restrito e é máis propio dun rexistro elevado (por exemplo o equivalente aos ablativos absolutos latinos, moi a miúdo introducidos con unha vez):
- (Unha vez) acabada a tarefa, podemos marchar para casa
Salvo nos casos ditados en riba, o normal é que as cláusulas dependentes vaian introducidas por un complementador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario