venres, 12 de novembro de 2010

Oracións condicionais: tipos

As cláusulas condicionais expresan, como di o seu nome, condicións. Constrúense, por norma xeral, coa axuda dun complementador (ou nexo).
  • Se tes fame, colle algo do frigo
  • Doucho a condicións de te comportares mellor coa túa irmá
Porén, tamén é posíbel construír unha cláusula condicional cun xerundio:
  • Estudando moito, aprobaras o exame.
As oracións condicionais poden colocarse diante ou detrás da oración principal nos máis dos casos:
  • Se tes frío, colle un cobertor <--> Colle un cobertor, se tes frío
En todo o caso, o normal é que as oracións condicionais, tanto en galego como no resto de linguas, fagan referencia a tres posibilidades, de aí que se adoite a falar de tres tipos de condicionais: posíbeis, hipotéticas e imposíbeis, onde cada unha delas presenta un uso de tempos verbais diferentes. Damos un exemplo de cada unha delas:

(a) posíbel (tamén chamada real):
  • Se tes/tiveres vontade de ver un bo filme, acompáñote ao cine (é probábel que alguén teña vontade de ver un bo filme)

(b) hipotética
  • Se tiveses vontade de ver un bo filme, acompañaríate ao cine (é improbábel que alguén teña vontade de ver un bo filme)

(c) imposíbel
  • Se tiveses tido vontade de ver un bo filme, teríate acompañado ao cine (xa non pode acontecer, porque xa non pasan ningún filme).


Ningún comentario: