O verbo cumprir ten dous significados en galego:
1. levar a cabo algo que se tiña proposto ou planificado, realizar. Neste caso é un verbo que se conxuga en todas as persoas.
- O meu pai sempre cumpre as súas promesas
2. ser preciso, haber que. Neste caso é un verbo impersoal que só se conxuga na terceira persoa do singular.
- Cómpre ser fiel aos principios
O importante é que na forma 2, o verbo mostra unha forma no presente de indicativo cómpre, mentres que no uso 1 é cumpre, como se ve nos dous exemplos anteriores.
Doutra banda, distínguese ortograficamente entre cómpre xa sinalado e compre, que é presente de conxuntivo do verbo comprar, tal como aparece respectivamente nestes dous exemplos:
- Cómpre estar atento ás súas decisións
- Espero que compre o que lle convén
En galego enxebre, hai ademais unha diferenza fonética importante. Dunha banda, cómpre ten vogal aberta, mentres que compre a ten fechada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario