martes, 22 de abril de 2014

Colocación dos posesivos

A colocación dos posesivos cando son usados atributivamente dentro dun SN é moi variábel en galego.

Como é ben sabido, o galego require dun determinante (por norma artigo definido, mais tamén pode ser o indefinido e até un demostrativo) que o preceda. Nisto, funciona como outras linguas como o italiano:
  • Co artigo definido: o meu amigo
  • Co artigo indefinido: un meu amigo
  • Co demostrativo: ese meu amigo


O determinante é xeralmente omitido cando se trata dos nomes de parentesco directo:
  • Meu pai
  • Túa nai / mai

Á diferenza do portugués, pode manter o posesivo prenominal nos tres casos, mais tamén, neses tres mesmos casos, pode colocar o posesivo tras o nome:
  • O amigo meu
  • Un amigo meu
  • Ese amigo meu


A diferenza entre os primeiros e os segundos é estilística nos exemplos con artigo indefinido e posesivo, mentres que no primeiro caso estamos ante unha forma non marcada (o meu amigo) e outra marcada (o amigo meu), cun valor algo enfático, aínda que non é excesivamente clara esta distinción, se ben, a primeira forma é moito máis frecuente que a segunda (de aí que digamos que se poida considerar lixeiramente marcada). De facto, o propio español utilizaría a segunda cunha marca moito máis relevante:
  • [-marcado]: su amigo
  • [+marcado]: el amigo suyo

No entanto,  forma prenominal é preferíbel cando hai máis elementos que acompañan o nome:
  • O meu auto italiano
  • O auto meu italiano (sería aceptábel, mais cun valor contrastivo: o auto meu que é italiano, porque teño outro(s) que non o é/son).

A forma posesiva del(a), usada para evitar confusións, é porén sempre posnominal.




'Del(a)'

A contracción de de cos pronomes el, ela, eles, ela ten algúns valores especiais que analizaremos a seguir.

En primeiro lugar, trátase da mera contracción:
  • Non sei nada del(a) desde hai meses.
  • Deles non che quero nada.

En segundo lugar, ten valor de posesivo sempre posnominal. Imos, xa que logo, ocuparnos do segundo valor, o de posesivo, visto que ten un valor especial.

Dunha banda, non debe ser confundido con de seu.

Doutra banda, equivale a seu, súa cando este posesivo fai referencia á terceira persoa, non á persoa de cortesía (vostede). Por tanto, na maioría dos casos, son intercambiábeis:
  • A súa casa = a casa súa = a casa del(a).

Como posesivo, del(a) é sempre posnominal, mais pode funcionar tanto atributiva canto predicativamente:
  • Esa casa é súa /del(a)
  • Esa é a casa del(a)



'De seu'

Unha das formas máis interesantes do galego é o uso de formas analíticas de posesivo posnominal introducidas coa preposición de e mais o posesivo en masculino singular invariábel. Trátase dunha forma enfática cuxo valor equivale a "propio".

O paradigma é así:

       1PS:    de meu
       2PS:    de teu
       3PS:    de seu
       1PP:    de noso
       2PP:    de voso
       3PP:    de seu

Estas estruturas úsanse tanto atributivas canto predicativas.
  • É unha manía de seu (= "é unha manía moi propia del /dela)
  • A idea foi de seu (que é moito máis enfática que: a idea foi súa, onde até se pode exprimir a admiración ou a estrañeza do falante pola idea en cuestión)

Non se debe confundir de seu con del/dela. O primeiro, como diciamos, ten un valor marcado do que carece o segundo:
  • Esa casa é de seu (a propiedade da casa é exclusiva do posuidor e iso remárcase)
  • Esa casa é del(a) (sen valor enfático, substituíbel por: Esa casa é súa)




luns, 17 de febreiro de 2014

Estruturas negativas

Para negar, o galego utiliza o adverbio non. Ora ben, hai dous tipos de non, con usos diferentes.

Para negar unha oración completa, úsase un non tónico:
  •      A: Queres xogar unha partidiña de cartas connosco?
  •      B: Non, graciñas

En troques, cando se trata de negar o verbo, úsase un negador, non átono, que pode chegar a soar [nuη]. Tal adverbio negativo sempre acompaña o verbo conxugado:
  •        Non constrúo cabanas
  •        Non podo construír cabanas
  •        Non teño feito unha cabana

Caso houbese dous verbos non conxugados, o negador acompaña o primeiro:
  •      É mellor non ter ido

Certamente tamén se poden combinar ambos os non:
  •      A: Queres vir esta tarde ao cinema?
  •      B: ‘Non, non ‘podo ‘hoxe.


O galego utiliza elementos adverbios e determinantes negativos en estruturas negativas tal que:
  •       Non vin ningún coello por aí fóra (e non *non vin algún coello...)
  •       Non fales con ninguén (e non *non fales con alguén)
  •     Eu non o sei tampouco (obsérvese que o portugués contemporáneo neste caso usa também não: eu também não o sei)

Ora ben, o galego si coñece a dupla negación. Esta é opcional, á diferenza do español e do portugués que a evitan. Con todo, cómpre sinalar que a dupla negación é só posíbel en construcións enfáticas. Obsérvese como mudan o español e o portugués:
  •      ES: No lo sabe nadie  à *Nadie no / nadie lo sabe  (e non: *nadie no lo sabe)
  •      PT: Não o sabe ninguém à *Ninguém  não / ninguém o sabe
  •      GL: Non o sabe ninguén à Ninguén non / ninguén o sabe.

Iso permite atopar oracións galegas correctas como: 
  • Ninguén non me contou nada
  • Eu tampouco non o sei


Porén, xa non é correcto:
  •       *Nada non me dixo

Porén, nos casos galegos anteriores, o uso do negador non é facultativo. Pódese eliminar.

Á diferenza do español, o galego non pode usar o indefinido algún en oracións negativas:

  •        GL: Non ten *amigo algún / amigo ningún nesta cidade
  •        ES: No tiene amigo alguno / amigo ninguno en esta ciudad
  •        PT: Não tem qualquer amigo / amigo nenhum nesta cidade




luns, 7 de outubro de 2013

De 'isto', 'iso' e 'aquilo'

As chamadas formas neutras do demostrativo son na realidade formas que só se usan predicativamente

Mentres o resto das formas admiten tanto un uso atributivo:
  • Este rapaz é o meu curmán.
  • Dille á aquela nena que pare quieta.

canto predicativo:
  • O meu curmán é este.
  • Dillo á aquela.

As chamadas formas neutras só o admiten predicativo. Por norma, non teñen referentes na oración, ao contrario do resto das formas. Mesmo así, poden combinarse con outras formas neutras:
  • Todo iso é mentira (obsérvese que o equivalente portugués deste exemplo tamén ten unha forma neutra: tudo, de modo que: Tudo isso é mentira)
  • Isto teu é de loucos




mércores, 25 de setembro de 2013

De 'quererche/lle ben'

A expresión galega querer ben a alguén úsase frecuentemente para expresar afecto ou estima por alguén. Úsase cos clíticos de dativo che e lle. Eis algúns exemplos:

  • Quéroche ben, xa o sabes
  • Ao teu irmán, quérolle ben

Esta forma galega é idéntica á italiana: volere bene a qualcuno. De facto, a tradución dos exemplos anteriores en italiano é idéntica:

  • Ti voglio bene, già lo sai
  • A tuo fratello voglio bene





luns, 23 de setembro de 2013

A metafonía verbal

Cada tempo, en función da súa conxugación (primeira, segunda ou terceira) ten unha serie diferente de morfemas. Porén, ao longo da conxugación, a vogal muda segundo un proceso chamado metafonía.

Con todo, moitos galegos verbos das segunda e terceira conxugacións teñen un comportamento irregular, no tocante ás súas vogais rizotónicas. Isto é debido a razóns históricas que non poden ser explicadas aquí. Este fenómeno é unha metafonía (con un ou mesmo dous graos), que afecta o tempo presente, tanto indicativo canto subxuntivo. Este fenómeno non afecta a primeira e segunda persoas do plural, xa que o acento se muda para o final no presente de indicativo, mais si no de conxuntivo.

Os contornos do proceso son:

             Vf: vogal fechada

             Va: vogal aberta

             Va2: vogal aberta en dous graos

Atópase na segunda e terceira conxugacións. 

Eis como funciona na segunda conxugación nos tempos afectados, isto é, presente de indicativo e de conxuntivo (ou subxuntivo):

Indicativo                                                           Conxuntivo

1PS:  Vf                                                              1PS:  Vf

2PS:  Va                                                              2PS:  Vf

3PS:  Va                                                              3PS:  Vf

1PP:  ––                                                              1PS:  Vf

2PP:  ––                                                              2PS:  Vf

3PP:  Va                                                              3PS:  Vf

Exemplos dos distintos paradigmas 

(a): /è/ > /é/

     Presente indicativo:

     cédo, cèdes, cède, cedemos, cededes, cèden

     Presente subxuntivo:

     céda, cédas, céda, cedamos, cedades, cédan

(b): /ò/ > /ó/

         Presente indicativo:

          cóllo, còlles, còlle, collemos, colledes, còllen

         Presente subxuntivo

         cólla, cóllas, cólla, collamos, collades, cóllan


Na terceira conxugación poden darse unha metafonía de até dous graos, que afecta aos mesmos tempos. Há dous subparadigmas:

(1)

Indicativo                                                           Conxuntivo

1PS:  Vf                                                              1PS:  Vf

2PS:  Va2                                                            2PS:  Vf  

3PS:  Va2                                                            3PS:  Vf

1PP:  Va                                                              1PS:  Vf

2PP:  Va                                                              2PS:  Vf

3PP:  Va2                                                            3PS:  Vf 

Exemplo (a) /i/ > /è/

              Present indicativo

              sigo, segues, segue, seguimos, seguides, seguen

              Presente subxuntivo

               siga, sigas, siga, sigamos, sigades, sigan

              Outros verbos que seguen o mesmo padrón son: servir, mentir, ferir, pedir, vestir, etc.

Exemplo (b) /u/ > /o/

              Presente indicativo

              durmo, dormes, dorme, durmimos, dormen

              Presente subxuntivo

              durma, durmas, durma, durmamos, durmades, durman

                   Outros verbos: acudir, sacudir, subir, sufrir, cumprir (='ser preciso')

(2)

Indicativo                                                           Conxuntivo

1PS:  Vf                                                               1PS:  Vf

2PS:  Vf                                                               2PS:  Vf  

3PS:  Vf                                                               3PS:  Vf

1PP:  Va                                                              1PS:  Vf

2PP:  Va                                                              2PS:  Vf

3PP:  Vf                                                               3PS:  Vf 

Exemplo (a) /i/-/e/

              presente indicativo:

              dispo, dispes, dispe, despimos, despides, dispen

              presente subxuntivo:

              dispa, dispas, dispa, dispamos, dispades, dispan

                  Outros verbos: os máis dos verbos rematados en –ir seguen esta conxugación. Debe ser considerada regular.


sábado, 21 de setembro de 2013

Tempos compostos

Nas máis das gramáticas actuais afírmase que o galego carece de tempos compostos. Isto non é certo, si o que os ten. Ora ben, o que acontece é que non ten a mesma distribución dos tempos compostos que o castelán e, en certos casos, existe un uso perifrástico que dá lugar a confusións.

Existe unha perífrase verbal aspectual que se constrúe con ter + participio. Tal perífrase indica hábitos pasados (insistamos no de pasados), como se pode apreciar nos seguintes exemplos:
  •          Teño falado diso con el moitas veces
  •          Non o tiña probado desde hai moitos tempo

Porén, no exemplos seguinte non se expresan hábitos pasados, aínda que o tempo composto aparece en conxuntivo:
  •          Espero que non o teñas esquecido

O uso de ter como auxiliar dos tempos compostos é evidente cos tempos futuro, condicional e todos os de conxuntivo, así como coas formas non finitas do verbo:
  •          Se eu tivese sabido que chegariades tan tarde, non tería feito a cea tan cedo.
  •          Se eu tiver tido fame, tería pedido algo de comer
  •          Esperaba que non tiveses lido ese libro xa

Os tempos de pasado (pretérito, antepretérito e copretérito) non teñen formas compostas. De feito, o galego conserva o antepretérito simple:
  •          Cando el chegou, eu xa limpara o auto

Daquela, o uso de ter como forma composta ou perifrástica pódese mostrar así:

Perífrases
teño falado
Tempos simples
falei
tiña falado
falaras
Tempos compostos
terei falado
tería falado
teña falado
tivese falado
tiver falado
ter falado
tendo falado

No contraste co español, temos:

hablé
falei
he hablado
había hablado
falara

Os tempos compostos expresan pasado. Sen o auxiliar ter, non habería maneira de expresar o dito pasado. Eis a diferenza entre os dous exemplos a seguir:
  •              Espero que veña [— pasado]
  •             Espero que teña vido [+ pasado]
  •             Esperaba que viñese


mércores, 18 de setembro de 2013

Formas distintas entre substantivo e adxectivo

En galego existen algúns casos de palabras con formas distintas segundo sexan substantivos ou adxectivos, que adoitan causar complicacións.

Os tres casos máis comúns son estes:

As segundas formas son consideradas cultismos, mentres as primeiras son patrimoniais, o cal explica a diferenza. O galego, como o portugués, usan esta diversidade de formas para marcar a diferenza morfolóxica, mentres que no resto das linguas románicas non se fai.

De 'vogal' e 'vocal'

Estas dúas palabras están intimamente ligadas, mais responden a categorías diferentes:

VOGAL

É un substantivo, con dous significados principais, que se recollen nos dous exemplos a seguir:
  • O inglés ten moitas vogais entre longas e curtas, átonas e tónicas.
  • O Ricardo é vogal no consello.



VOCAL

É un adxectivo.
  • Gusto moito da música vocal
  • Sempre ten problemas coas cordas vocais


Porén, vocal pode ser tamén un substantivo cando significa vocalista.

De 'segredo' e 'secreto'

Estas dúas palabras están intimamente ligadas, mais responden a categorías diferentes:

SEGREDO

É un substantivo:
  • O segredo do tesouro morreu co avó
  • Non teñas segredos comigo, por favor

SECRETO

É un adxectivo.
  • Atoparon un túnel secreto baixo a vivenda
  • Existe unha organización secreta que conspira contra o goberno



De 'xeral' e 'xeneral'

Estas dúas palabras acostuman causar confusión, mais teren usos diferentes:

XENERAL

É un substantivo. Só se usa con referencia ao grao militar:
  • O xeneral mandou o batallón atacar.


XERAL

É un adxectivo. Úsase como sinónimo de global, regular, común, etc.
  • A estrada xeral está feita un desastre
  • En xeral, teñen pouca experiencia
  • É unha causa xeral de doenzas hepáticas

O substantivo derivado de xeral é xeneralidade, non *xeralidade, que non existe. O adverbio derivado, en troques, si é xeralmente.

Amalgamas de determinante e cuantificador

En galego existen un par de casos de formas amalgamadas de determinante e cuantificador. Son estas:
  • este, ese, aquel + outro > estoutro, esoutro, aqueloutro
  • cada + un + seu > cadanseu


Trátase de formas compostas de demostrativo con cuantificador. En galego van unidas e forman unha unidade.

Sobre o primeiro caso, o paradigma completo é como segue:

SG
PL
M
F
N
M
F
estoutro
estoutra
estoutro
estoutros
estoutras
esoutro
esoutra
esoutro
esoutros
esoutras
aqueloutro
aqueloutra
aqueloutro
aqueloutros
aqueloutras


O neutro ten un uso exclusivamente predicativo:
  • Estoutro que me contas éche ben interesante


Sobre o segundo caso, o paradigma é:

SG
PL
M
F
M
F
cadanseu
cadansúa
cadanseus
cadansúas

Só se usa co posesivo de terceira persoa, mais podería tamén empregarse a forma non amalgamada:
  • Levaron para as ferias cadansúa caravana



martes, 17 de setembro de 2013

Verbos pronominais

Un verbo pronominal é aquel que se conxuga xunto cun clítico. Non se trata dun verbo reflexivo (do tipo lavarse).

En ocasións, a conxugación con ou sen clítico envolve unha diferenza sintáctica, como en:
  • referir: O promotor referiu os feitos pormenorizadamente na sesión.
  • referirse: O promotor referiuse aos feitos acontecidos antes do crime. 
No primeiro caso, referir significa narrar, mentres no segundo significa facer referencia.

En galego existen moitos menos verbos ditos pronominais que noutras linguas románicas.Son verbos realmente pronominais aqueles que sempre se conxugan cun clítico, como queixarse, lamentarse, gabarse, etc.

O español e o italiano fan un uso pronominal de certos verbos cun valor estilístico que é impensábel en galego:

  • ES: Me he comido dos bollos
  • IT: Mi sono mangiato due pasticci
  • GL: Comín dous bolos

  • ES: Bébete la leche
  • IT: Prenditi il latte
  • GL: Bebe o leite

Outros moitos verbos, non son nunca pronominais en galego: caer, quedar, casar, calar, adherir*, etc.

Mesmo os verbos reflexivos cando suxeito e obxecto directo son iguais, como en:

  • Laveime esta mañá
  • Maquilleime antes de vir
 deixan de selo cando xorde un obxecto indirecto:

  • Lavei as mans esta mañá, e non *laveime as mans.
  • Maquillei os ollos antes de vir, e non *maquilleime os ollos.

Véxase, ademais, o relativo ás construcións ergativas en galego.

_______________________________________
* A gramática normativa non inclúe adherir como verbo non pronominal, mais nós incluímolo aquí por se conxugar sen clítico en portugués.

luns, 5 de decembro de 2011

Signos de admiración e interrogación

A normativa galega, após a última modificación de 2003, indica que os signos de interrogación e admiración son só obrigatorios na fin do período escrito:
  • Que boa idea tiveches!
  • E cando me virei, comía nas patacas como un pequeno monstro!
  • Imos esta tarde ao cinema?
  • As patacas, compráchelas?
  • Tes fame, non si?

Con todo, deixa aberta a porta a seren utilizados tamén no inicio do período libremente, mais nomeadamente cando sexa preciso para marcar, dentro dunha oración, onde comeza a parte interrogativa.

xoves, 10 de novembro de 2011

De 'lavádesvos' e 'lavádevos'

Os verbos promonominais co clítico posposto poden presentar algúns problemas no tocante á súa conxugación nas 1PP e 2PP por teren formas diferentes en indicativo e imperativo en certos casos.

Na 1PP o -s da desinencia desaparece sempre cando se engade o clítico nos:

1PP de LAVARSE / ERGUERSE /  DESPEDIRSE
  • lavámonos / erguémonos / despedímonos (pres. indicativo)
  • lavémonos / ergámonos / despidámonos (imperat.)

En troques, coa 2PP si hai diferenzas. En presente de indicativo, a desinencia verbal mantén o seu -s antes de vos:

2PP de LAVARSE / ERGUERSE /  DESPEDIRSE
  • lavádesvos / erguédesvos / despedídesvos

Mais non ten -s no imperativo, porque de feito non ten -s tamén sen clítico (vgr.: lavade > lavádevos)

2PP de LAVARSE / ERGUERSE /  DESPEDIRSE
  • lavádevos / erguédevos / despedídevos

O cadro resumo (só na primeira conxugación) é así:

              forma non pronominal                   forma pronominal
1PP ind.               lavamos                                lavámonos
1PP imp.              lavemos                                lavémonos
2PP ind.               lavades                                 lavádesvos
2PP imp.              lavade                                   lavádevos

sábado, 5 de novembro de 2011

De '-cibir'

En galego existe unha familia de verbos rematados en -cibir, onde toda a familia teñen esta terminación (en español tamén case todos, agás algunha excepción), mais que presentan -ceber en portugués. A lista nas tres linguas é así (PT, GL, ES)


PT
GL
ES
receber
recibir
recibir
conceber
concibir
concebir
perceber
percibir
percibir
aperceber
apercibir
apercibir

Convén atender que en galego se di concibir, en canto en espaňol, é concebir.

Con todo, non sería errado usar as formas portuguesas en galego: receber, conceber, perceber, aperceber.