sábado, 7 de agosto de 2010

Sobre 'aprender', 'ensinar ' e 'mostrar'

Estes tres verbos non teñen unha correspondencia exacta cos seus tres equivalentes españois. Convén entender perfectamente cales son os seus usos exactos para podelos usar dun xeito enxebre en galego, sen contaminación do español.

De entrada, poderíamos reflectir a equivalencia destes verbos entre galego e español da seguinte maneira. As explicacións virán despois:

O gráfico permítenos comprobar que non hai unha equivalencia exacta entre os tres verbos nas dúas linguas. O importante é aprender a usalos conforme o sistema galego para non usalos en galego segundo o sistema español.

APRENDER

Este verbo coincide co español nunha acepción:  
  • aprender: adquirir coñecementos. Ex.: O neno aprendeu a lección.
Trátase dun verbo con dous argumentos: alguen aprende algo. Ora ben, este verbo pode ter tres argumentos, en cuxo caso temos: alguén aprende algo a alguén. E como exemplo:
  • Ao meu pai apréndenlle inglés no traballo.
Eis un caso en que o verbo aprender ten un uso que non ten en español, porque en español habería que usar neste caso o verbo enseñar (porén, tamén é correcto usar ensinar) en galego neste caso:
  • Ao meu pai ensínanlle inglés no traballo.
A tradución das dúas oracións anteriores en español é a mesma:
  • A mi padre le enseñan inglés en en el trabajo.
Non  é tan estraño este uso galego, pois tamén se coñece en francés. Véxase o exemplo anterior traducido nesta lingua:
  • À mon père, on lui apprend anglais au travail.

ENSINAR

Agora xa sabemos cal é o uso exacto deste verbo en galego. Porén, como en castelán é nun dos seus usos sinónimo de mostrar, tamén en galego se fai tal uso, o cal é incorrecto. Obsérvense as dúas oracións seguintes en español:
  • Me mostraron un piso en la periferia
  • Me enseñaron un piso en la periferia
En galego só pode haber unha tradución:
  • Mostráronme un piso na periferia

MOSTRAR

Xa está todo dito sobre este verbo. En español ten un uso abondo limitado, soa se cadra demasiado culto, mais en galego é a única opción cando:
  • mostrar: facer ver algo a alguén.

luns, 2 de agosto de 2010

Sintagmas verbais

O sintagma verbal (SV) é o núcleo da oración, non só en galego, senón en todas as linguas. Ora ben, a estrutura do SV pode mudar segundo as distintas linguas.

En principio, é claro que o SV ten como núcleo un verbo, de aí o seu nome. Tal verbo ten que ser un verbo lexemático (isto é, un verbo que teña significado, non un verbo auxiliar).

O SV pode ter, para alén do seu núcleo, proxeccións de SN. Trátase das valencias ou argumentos do verbo. Isto envolve que o verbo ten que lles dar cabida porque son parte da súa natureza semántica. O suxeito, a primeira valencia (ou valencia externa) vén nas linguas románicas en primeiro lugar, mentres que os obxectos (ou valencias internas) veñen despois:
  •  O neno deixa os libros na mesa
Nota: Neste caso deixamos conceptos máis elevados e complicados como sintagma flexivo (SF) que son alleos a esta entrada.

Ora ben, moi decote, o SV proxéctase aínda máis por medio doutros verbos, os chamados verbos auxiliares e modais.

Os ditos verbos engaden información gramatical ou semántica ao verbo nuclear, mais a súa estrutura en galego pode presentar algunha peculiaridade.

En principio, os auxiliares propios (ter) son colocados por riba do SV. Imos falar neste caso de sintagma temporal (ST):
  • O neno ten lido o libro moitas veces



 O mesmo pode ser dito para as construcións pasivas, introducidas co chamado sintagma diatetizador (SDiat)

Nota 2: o proceso aquí explicado é moi complexo, pois se trata da descrición dunha mudanza profunda dunha estrutura activa en pasiva polo movemento do obxecto directo orixinal á función de suxeito; porén, a teoría completa segue a ficar fóra do noso alcance nesta entrada.
  • O libro foi lido por medio planeta.

Finalmente, vexamos como un verbo modal tamén é introducido a través dunha categoría chamada sintagma modal (SMod):
  • O neno pode ler o libro.


Os tres tipos de verbos auxiliares -usaremos esta etiqueta globalizadora- poden aparecer xuntos:
  • A casa puido ter ser derrubada finalmente.


Como temos visto, o SMOD do exemplo anterior exixe que o SV teña como núcleo un infinitivo, mentres que o SDIAT exixe que aquel sexa un participio. 

Endebén, as estruturas con SMOD ou ST (con auxiliares impropios) son moi diversas en galego, porque poden rexer tanto infinitivo, xerundio como participio. Mesmo nalgúns casos, o infinitivo é precedido de preposición ou conxunción. 

Eis as posibilidades:
  1. AUX + Vinf: Vou visitarte máis tarde
  2. AUX + a  Vinf: Seguimos a loitar pola causa.
  3. AUX + de Vinf: Has de ter máis coidado
  4. AUX + que Vinf: Temos que falar diso axiña.
  5. AUX + Vxer: Xa vou eu facendo a cea.
  6. AUX + Vpart: Non teño aprendido toda esa lista de vocabulario




Pretérito versus copretérito

O galego, como todas as linguas románicas, distingue entre perfectivo e imperfectivo no pasado, mais non no presente ou no futuro*.

Esta distinción causa abondos problemas aos estudantes de galego que non teñen unha lingua románica como lingua nativa. Cal é, xa que logo, a diferenza entre cantaches e cantabas?

De entrada, non sempre é posíbel facer unha distinción clara entre ambos os tempos verbais, isto é, que a distinción aspectual non é pertinente por mor da natureza semántica dos verbos. É así, que son practicamente intercambiábeis os dous tempos nestes exemplos caso non haxa referentes temporais:
  • Cando cativo, estudei/estudaba solfeo.
  • Por mor da tormenta imprevista, a xente correu/corría a se abeirar
  • O filme foi/era ben tedioso, que decepción.

 Porén, noutros casos, a diferenza é clarísima: o pretérito fai referencia a accións puntuais, mentres que o copretérito fai referencia a accións iterativas. Exemplos puntuais son:
  • O volcano estoupou hai media hora.
  • Deu un concerto espléndido.
  • Falou con moito xeito.
  • Esta noite durmín moi ben.

Exemplos iterativos son:
  • Miña avoa falaba alemán moito ben.
  • Estreaban todos os filmes de mércores.
  • Contaba o meu avó que alí xogaban eles cando nenos. (en troques: contoume o meu avó... indicaría que só o fixo unha vez)

Nas cláusulas temporais introducidas con cando o normal é que o verbo vaia en pretérito, porén na cláusula principal pode ser pretérito ou copretérito:
  • Cando chamou, eu durmía profundamente (non *durmín)
  • Cando casaron, ambos deles eran moi novos (non *foron)
  • Cando tiven o accidente, atendéronme axiña (e non *atendíanme)

Algunas pistas para usar o pretérito ou o copretérito veñen da man dos referentes temporais. Deste xeito, co pretérito úsanse referentes do tipo: unha vez, dúas, veces, moitas veces,
  • Vin dúas veces ese filme (e non *vía dúas veces ese filme).

En troques, o copretérito pode ir acompañado de referentes menos concretos: decote, a miúdo, normalmente, etc. (como se ven, son adverbiais que expresan hábitos ou procesos/accións reiterativas):
  • Normalmente lía antes de durmir.

Obsérvese esta curiosa distinción:
  • Falou ela todo o tempo e máis ninguén (i.e., nunha reunión)
  • Falaba ela sempre e máis ninguén (i.e., en todas as reunións)

____________________
* A distinción de aspecto si é un fenómeno propio das linguas eslavas, embora a distinción de aspecto non existe nas máis das linguas xermánicas. Apenas o inglés desenvolveu un tipo de aspectualidade distinguindo entre tempos simples e continuos.

Conectores sintácticos: casos

O galego ten unha serie de conectores sintácticos que son mal utilizados. A seguir presentamos algúns deles que pola influencia do español, ora non se usan, ora son mal usado. Tomamos o portugués padrón como referencia para explicar o seu uso:

CASO

É un conector condicional procedente da redución de en caso que, que rexe conxuntivo:
  • Caso che doa a barriga, chámame

MAL

Equivale a case (que) non, ou ao español apenas:
  • Mal sabe falar este coitado (=case non sabe falar...)

ASÍ QUE

É un conector temporal equivalente a tan logo como, tan cedo como. Equivale ao español en cuanto, de aí que se faga un calco en canto, que non é forma galega (e claro falso amigo co portugués enquanto):
  • Así que chegues, chámanos.
  • Así que o relatorio estivo preparado, convocaron os conselleiros.

EMBORA
.
As normas actuais do galego non recollen este conector, mais existe en galego. Equivale a ainda que, coa particularidade de que rexe conxuntivo (subxuntivo):
  • Embora non o saibas, non quedes en silencio e infórmate.




O infinitivo conxugado: formas e usos básicos

O infinitivo conxugado é un dos elementos máis senlleiros do galego-portugués. É o único idioma románico (xunto co sardo logudorés, mais aquí está en franca decadencia) que presenta o infinitivo con desinencias de conxugación.

É fundamental que non se perda en galego, pois é un dos seus signos identitarios máis importantes. Eis as súas desinencias nas tres conxugacións (de facto aparece en catro persoas, ficando dúas delas sen desinencia ou como desinencia :

FALAR
              falar
              falares
              falar
              falarmos
              falardes
              falaren

BEBER
              beber
              beberes
              beber
              bebermos
              beberdes
              beberen

PARTIR
              partir
              partires
              partir
              partirmos
              partirdes
              partiren

Canto ao seu uso, non é tan complexo como adoitan mostrar os manuais gramaticais. O seu uso é facultativo, mais convén facerse servir del cando sexa pertinente. Podemos esquematizar as regras do seu emprego do seguinte modo:

1. Uso preposicional: é o máis frecuente.

    a. infinitivos introducidos por unha preposición (cláusulas completivas ou finais)
  • É un bo día para irmos de excursión.
  • Teñen os labios cheos de chocolate por non lavaren a boca

2. Uso como suxeito

    a. Verbos impersoais cun infinitivo como suxeito
  •  Convén teres unha resposta preparada.
  • Cómpre levardes o asunto con discreción.
  • Gústame termos este bo ambiente na casa.

    b.  Construcións impersoais co verbo ser e SA/SN
  • Sería bo preparardes a reunión de antemán, non?
  • É mágoa non quedardes máis tempo connosco.



Novamente sobre a 'habitación'

A palabra habitación non significa o mesmo en galego ca en español. Xa tratamos sobre ela anteriormente, mais agora cómpre engadir certas especificacións.

En español é sinónimo de alcoba, cuarto, dormitorio. Estes tres termos existen tamén en galego co mesmo significado, sendo cuarto o máis común.

Por tanto, a habitación en galego [habitação en portugués] significa o mesmo que abitazione en italiano ou habitation en francés (mesmo habitatge en catalán), palabras que conservan o sentido orixinal do verbo habitar, isto é, 'lugar onde se habita'. Con outras palabras: a habitación é en galego a mesma cousa que a vivenda, e non é en absoluto o dormitorio.

Daquela, o xusto sería preguntar:
  • Cuántos cuartos ten o teu apartamento?
  • Tenche tres.

xoves, 11 de marzo de 2010

De 'se', 'sé' e 'si'

Estas palabras adoitan causar abondos problemas en Galego, nomeadamente a primeira e a terceira, polas interferencias co castelán.

SE:

(a) Clítico (usos diversos)
  • Traballase pouco aquí, eh?
  • Non se lembra diso?
(b) Conxunción (completiva e condicional)
  • Non sei se saberán chegar sós.
  • Se non me dis nada, marcho.
:

(a) sinónimo de catedral.
  • Estaban a facer obras de restauración na sé
(b) imperativo do verbo ser 2PS:
  • boa persoa, queres?

SI:

(a) Pronome persoal oblicuo reflexivo:
  • Só o pensou para si.
(b) Adverbio de afirmación
  • Si, coñezo esa persoa.
Agora convén ver as equivalencias dos elementos anteriores co castelán e co portugués:

De 'quecer' ~ 'quentar' e 'adormecer' ~ 'durmir'

As formas rematadas en –ecer dos verbos anteriores chámanse incoativas. Serven para indicar "causar que algo se faga".

Por iso, adormecer significa "facer que alguén durma" e quecer "facer que alguén quente".

A equivalencia en castelán respectivamente: 'dormirse' e 'calentarse'.É o mesmo caso arrefecer <> arrefiar e aborrecer <> aburrir :
  • Non adormezas, que tes que traballar
  • Non consigo aquecer con esta friaxe. 
  • Estou a aborrecer coma unha ostra con esta película.


domingo, 7 de marzo de 2010

Botar ~ deitar

Estes dous verbos poden ser confundidos en Galego, porque xeralmente son traducíbeis en Castelán como echar.

BOTAR

Pode ter como sinónimos guindar, tirar, aventar, normalmente a pouca distancia.
  • Non sexas porco. Bota os papeis á papeleira

Tamén se usa en expresións feitas:
  • Botar gasolina
  • Botar contas
  • Botar unha película

Non se debe traducir con botar certas expresións que en Castelán levan echar:
  • echar(se) a + INF: comezar a / empezar a
  • echar una mano: na lingua falada úsase botar unha man, que é un calco do Castelán (non o podemos, porén considerar incorrecto), mais é preferíbel dar unha man.
  • echar de menos: tamén neste caso se usa na lingua falada botar de menos, que é igualmente calco do castelán. É recomendábel usar ter saudades de, ter señardade(s) de, faltar.

Doutra banda, o verbo botar tamén se refire ao feito de bater unha pelota contra o chan e provocar que salte para arriba, en cuxo caso o verbo castelán equivalente é o mesmo.

Un último uso do verbo botar en Galego, exclusivo de seu, é como sinónimo de demorar.
  • Botamos dúas horas para chegar á aldea.

DEITAR

Normalmente é pronominal: deitarse. No Galego moderno úsase para expresar a acción de se colocar en posición horizontal, normalmente para descansar, por iso equivale ao Castelán echarse.
  • Deítate un chisco e descansa, que vés moi cansa da viaxe.

En Galego antigo, porén, podía equivaler a botar, como aínda acontece en Portugués.

martes, 16 de febreiro de 2010

Sobre 'hai', 'vai' e 'fai'

O uso destas dúas formas verbais causa problemas aos falantes de castelán por teren un uso diferente entre Galego e Castelán.

FAI

3PS do verbo facer, úsase só como forma verbal plena.
  • Fai cousas incomprensíbeis.

VAI

3PS do verbo ir, ten un uso específico en Galego que non ten en Castelán. Expresa o tempo atmosférico, para o cal en Castelán se usa hace:
  • Vai unha calor asfixiante (e non: *fai unha calor...)
  • Vai unha friaxe insoportábel este inverno (e non: *fai unha friaxe...)

HAI

3PS do verbo haber no uso impersoal. En Galego emprégase ademais para expresións de tempo transcorrido, alí onde o castelán usaría hace.
  • Hai dúas horas que estou á súa espera (e non: *fai dúas horas...)
  • Morreu xa hai un ano. Hoxe é o cabodano (e non: *... xa fai un ano.)

venres, 12 de febreiro de 2010

Uso da diérese

Úsase coa letra 'u' para indicar que se pronuncia esta vogal nas sílabas 'güe', 'güi', fronte a 'gue', 'gui':
  • antigüidade, bilingüe, argüír, argüían, lingüista, lingüística, ungüento etc.
Úsase tamén coa letra 'i' na primeira e segunda persoas de plural dos copretéritos de indicativo dos verbos rematados en –aer, –oer –aír e –oír:
  • caïamos,caïades,
  • doïamos, doïades,
  • moïamos, moïades,
  • oïamos,oïades,
  • saïamos, saïades,
  • traïamos, traïades

A razón de colocar esta diérese é que o i forma sílaba en por si (ca-i-a-mos),aínda que é átono. Desta maneira distinguimos estas formas das do presente de subxuntivo, en que o i forma ditongo: caiamos, caiades (ca-ia-mos, ca-ia-des). Consecuentemente, tamén levan diérese os copretéritos de indicativo dos verbos en -uír, aínda que neles non haxa posibilidade de homonimia co presente de subxuntivo:
  • argüïamos, constituïamos, constituïades.


Outros casos de acentuación

Non se acentúan os interrogativos nin coma directos nin coma indirectos Só se acentúan para evitar posibles anfiboloxías:
  •     dille que queres
  •     dille qué queres
Non se acentúan os demostrativos cando funcionan coma pronomes.
  •     Non sei se prefiro este ou aquel.
Non se acentúan os verbos da mesma maneira cando van amalgamados con pronomes clíticos: cantará mais cantarase, cantarame. É excepción é en éo, éche, énos, etc. que sempre mantén o seu acento.

Non se acentúan en ningún caso os adverbios rematados en -mente.

Non son  palabras esdrúxulas senón graves:
  •     atmosfera, heroe, omoplata, parasito, paxaro, diocese,
Son palabras esdrúxulas e non graves:
  • auréola, alvéolo, rubéola, anódino, termóstato, réptil (e todos os rematados en –til, como téxtil), térmite
así como a terminación: –íaco/a: austríaco, cardíaco etc.

Acentuación diacrítica

En galego distínguense pares de palabras polo acento. Nalgúns casos trátase de palabras que se distinguen por teren vogal aberta ou pechada (ven ~ vén), onde normalmente se acentúa o par coa vogal aberta. 

Noutros casos distínguese unha palabra tónica doutra átona.

A listaxe de uso do acento diacrítico en galego é a seguinte:

  1. á (a + a artigo; subst.)    a (artigo; pron.; prep.)
  2. ás (a + as artigo; subst.) as (artigo; pron.)
  3. bóla (‘esfera’) bola (peza de pan)
  4. cá (ca + a)ca (conx.)
  5.  cás (ca + as)    cas (prep.)
  6. chá (‘plana’)   cha (che + a)
  7. chás (‘planas’) chas (che + as)
  8. có (ca + o)      co (con + o)
  9. cómpre (‘é mester’) compre (‘merque’)
  10. cómpren (‘son mester’) compren (‘merquen’)
  11. cós (ca + os; subst.)   cos (con + os)
  12. dá (pres. e imp. de dar)   da (de + a)
  13. dás (pres. de dar)   das (de + as)
  14. dó (‘compaixón’)    do (de + o)
  15. é (pres. de ser)   e (conx.)
  16. fóra (adv.)   fora (antepret. de ser e ir)
  17. má (‘ruín’)   ma (me + a)
  18. máis (adv. e pron.)   mais (conx.)
  19. más (‘ruíns’) mas (me + as)
  20. nó (subst.)    no (en + o)
  21. nós (pron. tónico; pl. de nó) nos (pron.átono; en + os)
  22. óso (do corpo)    oso (animal)
  23. pé (parte do corpo)   pe (letra)
  24. póla (‘rama’) pola (‘galiña’; por + a)
  25. pór ("poñer") por (prep.)
  26. présa ("apuro") presa ("prendida"; "presada")
  27. sé ("sede eclesiástica"; imp. de ser) se (conx.; pron.)
  28. só (adv. e adx.)  so (prep.)
  29. té ("infusión")    te (pron.; letra)
  30. vén (pres. de vir) ven (pres. de ver; imp. de vir)
  31. vés (pres. de vir) ves (pres. de ver)
  32. vós (pron. tónico) vos (pron. átono)

Acentuación de 'i' e 'u' en hiato

Alén das regras vistas anteriormente, as vogais 'i' e 'u' tónicas van acentuadas antes ou despois dunha vogal átona, para indicaren que ambas as vogais non forman ditongo:
  • aínda, baúl, caída, soíña, egoísmo, miúdo, raíña, raíz, ruído, saía, súa, traía, túa, xuízo.
Mais se hai unha polo medio, non se acentúan:
  • prohibe

Acentuación das esdrúxulas ou proparoxítonas

Acentúanse todas as esdrúxulas:
  •     mágoa, bárbaro, tépedo, xílgaro, térmite.


Acentuación das graves ou paróxitonas

Acentúanse cando rematan en consoante diferente de <-n>,<-s> , ou en grupos consonánticos distintos de <-ns>:
  •     álbum, móbil, mísil, réptil, Félix, tríceps, carácter.
Tamén se acentúan as que teñen ditongo decrecente na última sílaba:
  •     amábeis, posíbeis
Non se acentúan no resto dos casos:
  •     cantan, cantas, lapis, canons, colons, dolmens.

Acentuación das agudas ou oxítonas

Acentúanse as polisílabas rematadas en vogal (máis 'n', 's', 'ns'):
  •     mamá, cafés, algún, peóns.
Mais non levan acento ortográfico:

(a)    Os monosílabos:
  •     leis, el, ti
(b)    As rematadas en ditongo decrecente (máis 'n', 's'):
  •      papeis, colleu, amei, tomou, pediu, azuis.
(c)    As rematadas noutra consoante que non sexa 'n', 's', 'ns'
  •     cantar, nariz, arroz.

Uso do apóstrofo

    En galego moderno non se usan os apóstrofos máis que nuns poucos casos, onde a preposición e mais o artigo son separados:

a)    Cando se trata de topónimos que comezan cun artigo definido:
  •  Os meus irmáns son todos d’A Coruña
  •  Vivimos n’A Veiga

b)    Cando se citan títulos de obras que comezan co artigo definido:
  •  Parece un personaxe d’O Quixote

mércores, 3 de febreiro de 2010

Tipos de sintagmas como proxección dos adxectivos

En galego, como en todas as linguas románicas, existe unha soa proxección do adxectivo, o sintagma adxectivo (SA), cuxa estrutura é moito menos complexa que o sintagma nominal.

Evidentemente, o adxectivo ten que ser, por forza, o núcleo do SA. Este pode aparecer só:
  • Era unha [SA [A boa]] persoa.
O adxectivo pode ir precedido dun Cuantificador (Q), mais sen funcionar coma un Sintagma Cuantificador (SQ), é só un especificador, de natureza adverbial, con esta estrutura:

[SA [Q] [A]] /\ [SA [A] [Q]]
  • Era unha [SA [Q moi] [A boa]] persoa.
  • Teño uns licores [SA [Q realmente][A magníficos]] na casa
  • A xente de por aquí éche [SA [Q ben] [A simpática]]
  • Esas laranxas son [SA [A ruíns [Q de máis]]
As proxeccións pola dereita son posíbeis normalmente cun SP:

[SA [Q] [A] [SP]]
  • É un libro [SA[A doado [SP de ler]]
O SA pode aparecer como complemento do nome ou como complemento do verbo. Para o primeiro caso, véxase aquí.

O SA que funciona coma complemento verbal adoita ser un atributo, con concordancia co suxeito.
  • Os teus fillos camiñan [SA [Q moi] [A lentos]]


De 'habitación', 'cuarto' e formas relacionadas

En galego hai unha lixeira confusión co vocábulo que fai referencia á parte da casa usada como dormitorio por mor do cruzamento co castelán. Alén diso, o propio termo para facer referencia ao lugar de morada introduce máis confusión por non coincidiren os significados cos galegos.

CUARTO

É a palabra tradicional para se referir a unha peza da casa, normalmente usada para durmir. Ora ben, pode referirse a outras partes, para o cal pode perfectamente levar unha proxección cun Sintagma Preposicional: o cuarto dos invitados, o cuarto dos trastes etc.

HABITACIÓN

Úsase incorrectamente como sinónimo de cuarto. Na realidade é sinónimo de vivenda. E así é usado en portugués (habitação), francés (habitation).

ALCOBA

É sinónimo de cuarto, tamén en español e en portugués (coa lóxica mudanza ortográfica: alcova).

MORADA

É sinónimo de habitación e de vivenda en moitos casos, aínda que pode ser máis ben domicilio. Máis información sobre este uso pode ser atopada aquí.

Algúns usos da preposición 'de'

A preposición de ten algúns usos propios en galegos que convén sinalar, nomeadamente en expresións temporais:

Úsase cos momentos do día:
  • Veño mañá de tarde.
  • Hoxe de mañá estivemos na feira.
OBS: Neste mesmo uso serve á: á mañá, á tarde, á noite, á noitiña e ao serán (masculino).
 Obsérvese ademais:
  • Mañá de mañá (en portugués: amanhã de manhã).
Tamén se usa de diante dos días da semana:
  • De luns temos un exame
  • Nunca traballamos de sábado
En portugués úsase para expresar medios de transporte, que en galego quedaría así:
  • Fixemos toda a viaxe de tren
  • Para chegar ao centro, o mellor é irdes de autobús.

luns, 1 de febreiro de 2010

'Sinatura', 'firma' e 'materia'

Hai unha serie de palabras que presentan confusión pola influencia do castelán:

SINATURA

É equivalente ao castelán "firma", posto ao pé dun documento con valor oficial. Non se debe confundir co castelán "asignatura" (vid. abaixo). O verbo é daquela asinar, que non debe ser confundido con asignar.

FIRMA

É unha empresa.

MATERIA

É o equivalente á "asignatura" escolar en castelán. Os estudantes teñen materias, disciplinas e mesmo cadeiras (vocábulo portugués).

sábado, 30 de xaneiro de 2010

Prosodia: casos de acentuación distinta en galego e castelán

Hai abondos casos en que a sílaba tónica en galego cae nunha sílaba diferente do castelán. Estes son os casos principais:
  •  Acne.
  •  Aerólito.
  •  Aeromancia.
  •  Aeróstato.
  •  Afrodisíaco.
  •  Ágar-ágar.
  •  Albumina.
  •  Áloe.
  •  Alumina.
  •  Alvéolo.
  •  Amálgama.
  •  Ambrosía.
  •  Amoníaco.
  •  Anáglifo.
  •  Anemone.
  •  Anódino.
  •  Antófito.
  •  Apoplexía.
  •  Aréola.
  •  Argon.
  •  Arquidiocese.
  •  Ascaridíase.
  •  Atmosfera.
  •  Auréola.
  •  Austríaco.
  •  Autólise.
  •  Avaro.
  •  Bálano.
  •  Bérber.
  •  Biosfera.
  •  Biotipo.
  •  Bosníaco.
  •  Bractéola.
  •  Bronquíolo.
  •  Capnomancia.
  •  Cardíaco.
  •  Cartilaxe.
  •  Cataplexía.
  •  Celíaco.
  •  Celtibero.
  •  Cénit.
  •  Centríolo.
  •  Cepelín.
  •  Ceraunomancia.
  •  Chofer.
  •  Ciclope.
  •  Citólise.
  •  Cleptomaníaco.
  •  Cóctel.
  •  Cóengo.
  •  Conclave.
  •  Coprólito.
  •  Cripton.
  •  Crisólito.
  •  Cromosfera.
  •  Cuadriga.
  •  Daguerrotipo.
  •  Décatlon.
  •  Demoníaco.
  •  Diáclase.
  •  Dínamo.
  •  Diocese.
  •  Dionisíaco.
  •  Ecotipo.
  •  Eléctrodo.
  •  Electrólise.
  •  Electrólito.
  •  Elefantíase.
  •  Elexíaco.
  •  Elite.
  •  Énclise.
  •  Endócrino.
  •  Endosfera.
  •  Endosmose.
  •  Epizootia.
  •  Eritrocito.
  •  Esexese.
  •  Esexeta.
  •  Espécime.
  •  Esporófito.
  •  Estereotipo.
  •  Estratosfera.
  •  Exoftalmía.
  •  Exosmose.
  •  Fagocito.
  •  Fenotipo.
  •  Flúor.
  •  Folíolo.
  •  Fotólise.
  •  Fotolito, de fotolitografía.
  •  Fotosfera.
  •  Ftiríase.
  •  Fútbol.
  •  Gametófito.
  •  Gladíolo.
  •  Glicólise.
  •  Granulocito
  •  Halófito.
  •  Helióstato.
  •  Hemacia.
  •  Hemiplexía.
  •  Hemólise.
  •  Heroe.
  •  Hidrólise.
  •  Hidrosfera.
  •  Hieróglifo.
  •  Hipermetrope.
  •  Hipocondríaco.
  •  Histólise.
  •  Ibero.
  •  Ilíaco.
  •  Ionosfera.
  •  Isóbara.
  •  Isóscele.
  •  Lauréola.
  •  Leontíase.
  •  Leucocito.
  •  Lígur.
  •  Linfocito.
  •  Linotipo.
  •  Lipólise.
  •  Litíase.
  •  Litóclase.
  •  Litosfera.
  •  Logotipo.
  •  Macrocito.
  •  Magnestosfera
  •  Magnetosfera.
  •  Maléolo.
  •  Maníaco.
  •  Medula.
  •  Megálito.
  •  Melanocito.
  •  Mesóclise.
  •  Mesosfera.
  •  Meteoro.
  •  Míase.
  •  Micrólito.
  •  Midríase.
  •  Mielocito.
  •  Mísil.
  •  Molibdeno.
  •  Monocito.
  •  Monólito.
  •  Monoplexía.
  •  Monotipo.
  •  Nefrolitíase.
  •  Nefrólito.
  •  Neófito.
  •  Neon.
  •  Nigromancia.
  •  Nucléolo.
  •  Oboe.
  •  Oftalmía.
  •  Olimpíada.
  •  Omoplata.
  •  Oniromancia.
  •  Onomancia.
  •  Oocito.
  •  Oólito.
  •  Oosfera.
  •  Ornitomancia.
  •  Osmose.
  •  Osteófito.
  •  Osteófitos.
  •  Osteomalacía.
  •  Ostíolo.
  •  Otólito.
  •  Ozonosfera.
  •  Paraplexía.
  •  Parasito.
  •  Paxaro.
  •  Pecíolo.
  •  Pelicano.
  •  Pénsil.
  •  Pentagrama.
  •  Péntatlon.
  •  Períclase.
  •  Período.
  •  Perístilo.
  •  Petróglifo.
  •  Pexego.
  •  Pirólise.
  •  Piromancia.
  •  Pirosfera.
  •  Pitiríase.
  •  Plasmólise.
  •  Plaxióclase.
  •  Políglota.
  •  Prénsil.
  •  Próclise.
  •  Proteólise.
  •  Prototipo.
  •  Psoríase.
  •  Quefir.
  •  Quiromancia.
  •  Rabdomancia.
  •  Radiólise.
  •  Radon.
  •  Raíl.
  •  Ránking.
  •  Reóstato.
  •  Réptil.
  •  Reticulocito.
  •  Reuma.
  •  Réxime.
  •  Rícino.
  •  Rizosfera.
  •  Rodófito.
  •  Roséola.
  •  Rubéola.
  •  Rubéola.
  •  Saprófito.
  •  Satiríase.
  •  Siderólito.
  •  Sideróstato.
  •  Simoníaco.
  •  Solvólise.
  •  Támil.
  •  Taxon.
  •  Térmite.
  •  Termólise.
  •  Termosfera.
  •  Termóstato.
  •  Tetraplexía.
  •  Téxtil.
  •  Traquea.
  •  Tríatlon.
  •  Tricófito.
  •  Tríglifo.
  •  Trílito.
  •  Triquíase.
  •  Trocomoníase.
  •  Trombocito.
  •  Troposfera.
  •  Varíola.
  •  Vertixe.
  •  Vitríolo.
  •  Xenon.
  •  Xenotipo.
  •  Xeomancia.
  •  Xermolo.
  •  Xeroftalmía.
  •  Xeróglifo.
  •  Xílgaro.
  •  Xilin.
  •  Xiróstato.
  •  Zodíaco.
  •  Zoófito.
  •  Zoólito.
  •  Zóster.

Énclise e próclise con verbos finitos simples

A posición natural dos clíticos é a énclise, isto é, despois do verbo.

Aos efectos da acentuación, o clítico forma unha unidade co verbo:
  • dixen, mais díxenlle
  • falas, mais fálalo
  • partín, mais partino
  • falou, faloume, mais falóuseme
  • entendo, mais enténdoo
 Algunhas formas acentuadas por teren un diacrítico manteñen o dito diacrítico:
  • éévos
  • pór pórlle
A próclise, isto é, a colocación do clítico diante do verbo, prodúcese en varias circunstancias. Este movemento vén provocado pola presenza de certos elementos na frase:

1. Cunha partícula negativa (non, nunca, xamais):
  •  Non me dixeron a verdade.
  • Eles nunca nos confían os seus segredos. 
2. En cláusulas dependentes introducidas por calquer complementador (que, como, se, cando, onde, mentres...)
  • Espero que nos deixen entrar.
  • Mentres vos acuriosades un pouco, nós imos tomar algo por aí fóra.
  • Non esquezades chamarnos cando vos lembredes.
3. Con certos adverbios como tamén, xa, si
  • Si nos deron o seu número de telemóbil
  • Xa te recordo, ho. 
4. Con determinados elementos focalizados (adverbios, pronomes)

  • Ben o coñezo
  • Todo mo deu el
  • Axiña cho digo (mais tamén: axiña dígocho)