venres, 27 de maio de 2011

Conectores incorrectos

A influencia brutal do Español está a causar que determinados conectores, nomeadamente de tipo textual, escoen no Galego e para moitos falantes sexan habituais, aínda que non son correctos. Eis os principais:


* A PROPÓSITO
É incorrecto cando se usa no canto de a mantenta, adrede, de propósito, propositadamente
  • Rompeu o televisor a propósito/ de propósito / a mantenta
Porén, non é incorrecta a construción a propósito de (=a respecto de):
  • Non comentou nada na xuntanza a propósito dos planos da concurrencia.
Tamén é correcto usado como conector que muda para un tema diferente do que xa hai referencias:
  • A propósito / falando diso / por falar diso, cando celebras o teu día de anos?

*ASÍ COMO
Debe ser substituído por ben como:
  • Tivo que pagar unha multa, así como/ ben como lles pedir desculpas ás vítimas

*ASIMESMO
Debe ser substituído por ademais, alén diso:
  • Asimesmo/ademais/ alén diso, os estudantes han realizar outra proba posterior.

* EN CANTO
debe ser substituído por así que, axiña que, da que
  • En canto/axiña que chegou, xa o recoñeceron
Cómpre sinalar que en galego existe canto á equivalente ao español en cuanto a:
  • Non teño nada que comentar canto á / a respecto da súa proposta.
  • Canto ao / a respecto do que fixeron, paréceme atroz.
Con todo, o uso de encanto co mesmo valor de mentres é correcto en galego, aínda que as normas oficiais non o recollan.

*POR CERTO
É totalmente incorrecto. Véxase enriba a propósito.

*POR SUPOSTO 
debe ser substituído por certamente, sen dúbida, loxicamente; claro.
  • O tipo era, por suposto/certamente, o culpábel
  • Por suposto/certamente, eu fun o primeiro que chegou.

*RESPECTO A
A forma correcta é a respecto de (pt. a respeito de). Véxase supra *EN CANTO A.

*RESULTA QUE
aínda que pareza absolutamente normal, este conector verbal é un castelanismo absoluto que debe ser evitado. Debe ser substituído por acontece/aconteceu que, pasa/pasou que, sucede que, é que:
  • Resulta/sucedeu/pasou/ é que houbo un maletendido 

Para a escolma das formas correctas, recorremos ao Portugués, tal como é recomendado nas Normas Oficiais do Galego cando se trata de procurar modelos cultos.

martes, 12 de abril de 2011

Resposta eco

En galego-portugués é moi frecuente responder a unha pregunta afirmativamente co mesmo verbo con que se preguntou:
  • A: Queres pan? B: Quero.
  • A: Comprastes os filmes? B: Compramos.

Naturalmente, en todos os casos anteriores pódese responder tamén con si, co mesmo valor.

Cando hai un verbo modal, este é o que se emprega para a resposta:
  • A: Podes comer pan? B: Podo.
  • A: Vas levar os nenos de fin de semana? B: Vou.
  • A: Tes que estudar mañá? B: Teño.


mércores, 6 de abril de 2011

De 'llo' e 'llelo'

O galego fai unha distinción que non fan nin o portugués nin o español. Trátase de diferenciar entre o singular e o plural co clítico de obxecto directo.

Así, en singular:
  • Non dei os resultados ao paciente > Non llos dei (pt.: não lhos dei).

E en plural:
  • Non dei os resultados aos pacientes > Non llelos dei (pt.: não lhos dei).

Trátase dunha cuestión sintáctica exclusiva do galego que non sempre se respecta na lingua escrita, mais que convén manter en todos os casos. Dialectalmente, a forma de singular úsase tamén para o plural, como acontece en portugués.

De 'ao(s)' e 'ó(s)'

Até a reforma de 2003, a forma preferida da contracción do artigo masculino coa preposición era ó(s), sendo ao(s) forma aceptábel, mais non recomendábel. Hoxe en día é o contrario, a forma recomendábel é ao(s). A cuestión é que moitas persoas foron educadas en galego coa forma ó(s). Aínda así, é preciso que muden esta tendencia, por moi complicada que lles poida resultar, e se acostumen a utilizar ao(s).
  • Imos ao parque.
  • Cóntallelo aos teus amigos.


É preciso, ademais, evitar o uso ao(s) nos casos de obxecto directo de persoa xa indicados noutra nota.
  • Vin os teus amigos no cinema
  • Represento os parceiros da compañía Petrus SL.



De '-zo/-a' e

Tras a reforma normativa de 2003, introducíronse algunhas mudanzas que afectan a determinadas palabras que antes se escribían con —cio/a e que desde entón se escriben con —zo/a. Non imos dar unha lista exhaustiva, mais eis as principais:
  • licenza
  • servizo
  • espazo
  • estanza
  • presenza (mais o verbo é presenciar)
  • graza(s)
  • diferenza (mais o verbo é diferenciar)
  • prezo

Aínda que non pertence a este grupo, a forma correcta é estudar, cos seus derivados estudante, estudo, mais existe estudio (=cuarto de traballo) diferente de estudo (=acción de estudar), ben como estudoso (=que estuda moito) distinto de estudioso (=especialista).

Acentuación de pronomes interrogativos

Os pronomes interrogativos en galego, á diferenza do que acontece en castelán, non se acentúan practicamente nunca.

Nas cláusulas interrogativas directas non se acentúan nunca e ademais non é preciso pór un signo de acentuación inicial:
  • Quen che trouxo ese paquete?
  • Para onde imos agora?
  • De que estades a falar?

Nas cláusulas interrogativas indirectas só o leva en casos de dúbida (que son mínimos), polo cal é mellor non os acentuar nunca:
  • Dime para quen traballas.
  • Preguntounous onde deixaramos os vultos.

Os casos de dúbida son ben raros. Eis un:
  • Explícame que está a escribir (completiva)
  • Explícame qué está a escribir (interrogativa indirecta, mais mesmo neste caso pode omitirse a acentuación)





De 'dirección' e 'enderezo'

Estas dúas palabras tradúcense en castelán igual, "dirección". Non obstante, en galego é preciso distinguilas, porque os seus significados son ben diversos:

DIRECCIÓN
sentido do movemento.
  • O auto perdeu o control e moveuse en todas as direccións.

ENDEREZO
rexistro do domicilio
  • O meu enderezo figura na traseira dese documento

domingo, 14 de novembro de 2010

Futuro do conxuntivo

O futuro do conxuntivo non se usa na lingua falada, tendo máis ou menos desaparecido hai tempo, embora continúe a ser empregado con total normalidade en portugués. Con todo, o seu uso na lingua escrita, sobre todo a certos niveis formais, está amplamente recomendado e na escrita actual goza dunha relativa boa saúde. Á diferenza do pretérito imperfecto do conxuntivo, o futuro do conxuntivo indica futuro. Esta distinción parece evidente, mais unha parte do problema xace precisamente aí.

Alén diso, o futuro do conxuntivo, canto ás súas formas, é doadamente confundíbel co infinitivo conxugado.

Podemos sintetizar o uso do futuro do conxuntivo nestes casos:

1. En oracións condicionais do tipo I:
  • Se tiver tempo, iría dar unha volta
  • Diríache quen é se o souber
Neste caso úsase apenas co nexo se.

2. En oracións de relativo referíndose a hipótese
  • Quen tiver multas pendentes de pagamento será notificado polo Concello
3. En cláusulas temporais e modais que teñen un certo valor condicional. De facto son unha variante das anteriores.
  • Cando: Podes vir cando quixeres (=no momento en que quixeres)
  • Á medida que: Á medida que cubriren o cuestonario, poden abandonar a sala.
  • Así que: Así que me paguen a nómina, xa che pago a débeda.
  • Como: Fai como che dixer.
  • Conforme: Actúa conforme lle indicarmos.
  • Despois que: Despois que terminares de te vestir, imos fóra.
  • Mentres (=encanto): Mentres non deixar de chover, non poderemos saír
  • Sempre que: Sempre que tiveres dúbidas, pregúntame.

Cláusulas condicionais: tipo III (imposíbeis)

O terceiro tipo de condicionais fan referencia a algo que xa non pode acontecer, que é imposíbel que teña lugar. Nese caso, úsanse formas compostas verbais con ter (vid. ter como auxiliar), tratándose, xa que logo, dun auténtico verbo auxiliar. Brevemente pódese afirmar que, formalmente, entre as cláusulas do tipo II e as do tipo III só hai a diferenza do tempo composto, aínda que na cláusula principal se usa o condicional composto exclusivamente:

___________________________________________________________________
                                C. CONDICIONAL                           C. PRINCIPAL

___________________________________________________________________
se                             imperfecto conxuntivo comp.           condicional comp.
                                                                                  
                                                                                       
___________________________________________________________________
a menos que              imp. conx.comp.                                
                                   inf. conxugado                                condicional comp.
___________________________________________________________________
caso                           imp. conx.                                       condicional comp.
___________________________________________________________________


Exemplos:
  • Se tivese sabido que estabades aquí, tería chamado
  • Ben podías ter sospeitado algo se tiveses aberto os ollos.

A voz ou diátese.

En galego, como nas máis das linguas románicas, hai tres voces: activa, media e pasiva. A voz é tamén coñecida como diátese. Para transformar unha voz activa noutra, precísase dun diatetizador. O diatetizador é un verbo (ser) ou un clítico (se) que permite a transformación. En todas as voces distintas da activa, o suxeito activo desaparece.

A voz pasiva ten un uso relativamente limitado en galego. Emprégase nomeadamente para evitar referencias á primeira valencia, de maneira que o obxecto pasa a funcionar como suxeito. Desde un punto de vista sintáctico, o proceso é así:

  • {[EXP A ponte] [SUBJ a choiva] [DIAT foi] [PART+ destruída] [OBJ1 a ponte] [OBJ4 pola choiva]}

A diátese, neste caso, ten o verbo ser como núcleo. O proceso polo cal se forma é que o que orixinariamente era obxecto pasa a suxeito grazas á presenza da diátese.

A voz media pode ser de dous subtipos: impersoal e media. A voz media impersoal constrúese con se como diatetizador, mais non é necesariamente transitiva, pode ser tamén intransitiva. O máis interesante destas construcións é que hai concordancia co obxecto:
  • Construíuse unha fábrica de cementos fóra da vila (concordancia co obxecto en singular)
  • Fixéronse moitos pisos novos (concordancia co obxecto en plural)
  • Trabállase pouco por aquí (sen concordancia, construción intransitiva)
Así:
  • {[PRED fixéron-][IMP -se][OBJ1 moitas casas novas][ADJ no barrio]}

A voz media ergativa implica un proceso en que algo acontece por un impulso externo. Como nas pasivas, o obxecto pasa a suxeito. O máis interesante é que en galego haim moitos casos en que non hai se:
  • A ponte afundiu polas chuvias
  • Xa fundiu de novo a lampadiña?
  • Esa cadeira xa rompeu tres veces
Así:
  • {[EXP Os nenos][SUBJ Ø][PRED' erguéron-][DIAT -se][OBJ1 os nenos][ADJ cedo]}

Porén, en moitos outros casos a presenza do se é obrigatoria (nomeadamente en tratándose de seres humanos):
  • Ergueuse todo anoxado

Usos do 'se' en galego

Antes de nada, convén facer unha aclaración: non é o mesmo un verbo reflexivo que un verbo pronominal. Os verbos reflexivos son aqueles en que suxeito e obxecto son o mesmo (vgr.: eu lávome todas as mañás con auga tépeda). En troques, un verbo pronominal é aquel que precisa un clítico, mais cuxa función é moi variábel ou mesmo non ten nin función. O se pode asumir todos estes papeis.

Por tanto, o se é un clítico que ten un uso moi extenso en galego. Podemos resumir o seu uso nos seguintes puntos:

1. Pronome reflexivo (isto é, cando obxecto e suxeito son o mesmo):
  • O Xoán lávase sempre con auga fría

2. Diátetizador* da voz media impersoal: é o se impersoal que se usa en moitas oracións. Na gramática tradicional esta voz adoita ser chamada voz pasiva reflexa, mais esta é unha denominación errónea.
  • Dixéronse cousas moi graves naquela xuntanza

3. Diatetizador da voz media ergativa, coñecido nalgunhas gramáticas como se involuntario. Aparentemente é unha forma reflexiva, mais na realidade non o é porque non se pode aplicar a fórmula (=si mesmo), como en:
  • O foguete destruíuse nas capas máis altas da atmosfera.

Con todo, en galego é moi frecuente omitilo (vid. voz media ergativa ):
  • A tubeira dobrou por causa da humidade
  • Todas as lanchas afundiron durante o temporal

4. Hai outro se que non ten valor ningún, mais certos verbos sempre precisan un clítico; sen eles, a conxugación é inviábel: arrepentirse, queixarse, xactarse etc.
  • Quéixase de todo.
 * O diatetizador é o elemento funcional que permite a activación da diátese ou voz.

    venres, 12 de novembro de 2010

    Cláusulas condicionais: tipo II (hipotéticas)

    Este segundo tipo de condicionais introducen o factor hipótese, como xa se viu. Do punto de vista gramatical, estas cláusulas son máis complexas porque a oración principal admite, ademais dos tempos de pasado propios da hipótese, tamén os de presente. Obsérvense estes dous exemplos:
    • Se non aprobas o exame, eu axúdoche coa recuperación
    • Se non aprobases o exame, eu axúdoche coa recuperación
    • Se non aprobases o exame, eu axudaríache coa recuperación

    A diferenza entre as tres oracións xace, precisamente, no grao de probabilidade de aconteza o aprobado dunha banda e da "disposición" para axudar. Con todo, o tempo por antonomasia da cláusula condicional hipotética é o pretérito de conxuntivo (véxase sobre isto as aclaracións arredor do seu uso).

    En portugués úsase como nexo nestas oracións condicionais hipotéticas caso co pretérito de conxuntivo, o cal tamén pode ser utilizado en galego:
    • Díxenlle que me consultase, caso non entendese o texto.

    Ademais, como xa ficou visto nas oracións condicionais reais, a cláusula principal pode levar futuro; neste caso, o futuro é substituído polo tempo condicional:
    • Se tes/tiveres dúbidas, heicho explicar eu.
    • Se tiveses dúbidas, explicaríacho eu.
    Pódese resumir  no seguinte cadro:

    ___________________________________________________________________
                                     C. CONDICIONAL                           C. PRINCIPAL       __  _
    se                             imperfecto conxuntivo                        imperativo
                                                                                       presente indicativo
                                                                                            condicional
    ___________________________________________________________________
    a menos que              imp. conx.                                 presente indicativo
                                   inf. conxugado                                 condicional
    ___________________________________________________________________
    caso                           imp. conx.                                     imperativo
                                                                                       presente indicativo
                                                                                            condicional
    ___________________________________________________________________                                             

    Eis algúns exemplos:
    • Se falases moitos idiomas, poderías aproveitalo.
    • A menos que estiveses bébedo, non entendo ese teu comportamento.
    • Caso o elevador non funcionase, utilicen as escaleiras



    Oracións condicionais: tipo I (posíbeis)

    As oracións condicionais de tipo I ou reais son as máis sinxelas. Teñen como conector máis habitual se, mais poden presentar outros como a menos que, en caso de que que xeralmente rexen conxuntivo (por mor do que).
    • Se non te comportas ben, vas ter problemas
    • En caso de que non te comportes ben, vas ter problemas ou con infinitivo (conxugado): En caso de non te comportares ben, vas ter problemas.
    • A menos que teñas unha boa escusa, non me explico o que fixeches.

    Ademais, as construcións con xerundio entran, nos máis dos casos, dentro do tipo I
    • Sendo tan egoísta, ninguén non te aceptará (=Se es tan egoísta, ninguén non te aceptará)

    As posibilidades de combinacións temporais veñen recollidas no seguinte esquema
    ___________________________________________________________________
                                     C. CONDICIONAL                           C. PRINCIPAL       __  _
    se                             presente indicativo                        imperativo
                                                                                    presente indicativo
                                                                                       futuro indicativo
    ___________________________________________________________________
    a menos que              pres. conx.                                 presente indicativo
                                   inf. conxugado                              imperativo negativo
    ___________________________________________________________________
                                      xerundio                                       imperativo
                                                                                    presente indicativo
                                                                                       futuro indicativo
    ___________________________________________________________________

    Eis algúns exemplos:
    • Se falas moitos idiomas, aprovéitao.
    • Se falas moitos idiomas, danche traballo axiña.
    • Se falas moitos idiomas, atoparás traballo axiña.
    • A menos que digas a verdade, non quero verte máis por aquí.
    • Falando moitos idiomas, non terás problema cando viaxas polo estranxeiro.



      Oracións condicionais: tipos

      As cláusulas condicionais expresan, como di o seu nome, condicións. Constrúense, por norma xeral, coa axuda dun complementador (ou nexo).
      • Se tes fame, colle algo do frigo
      • Doucho a condicións de te comportares mellor coa túa irmá
      Porén, tamén é posíbel construír unha cláusula condicional cun xerundio:
      • Estudando moito, aprobaras o exame.
      As oracións condicionais poden colocarse diante ou detrás da oración principal nos máis dos casos:
      • Se tes frío, colle un cobertor <--> Colle un cobertor, se tes frío
      En todo o caso, o normal é que as oracións condicionais, tanto en galego como no resto de linguas, fagan referencia a tres posibilidades, de aí que se adoite a falar de tres tipos de condicionais: posíbeis, hipotéticas e imposíbeis, onde cada unha delas presenta un uso de tempos verbais diferentes. Damos un exemplo de cada unha delas:

      (a) posíbel (tamén chamada real):
      • Se tes/tiveres vontade de ver un bo filme, acompáñote ao cine (é probábel que alguén teña vontade de ver un bo filme)

      (b) hipotética
      • Se tiveses vontade de ver un bo filme, acompañaríate ao cine (é improbábel que alguén teña vontade de ver un bo filme)

      (c) imposíbel
      • Se tiveses tido vontade de ver un bo filme, teríate acompañado ao cine (xa non pode acontecer, porque xa non pasan ningún filme).


      Tempos do conxuntivo

      O conxuntivo ou subxuntivo, ten en galego tres tempos:

      - presente
      - pasado
      - futuro

      O presente de conxuntivo ten as seguintes terminacións (sempre átonas):

      1º conxungación

              –e
              –es
              –e
              –emos
              –edes
              –en


       2º e 3º conx.

              –a
              –as
              –a
              –amos
              –ades
              –an



       O pretérito de conxuntivo ten as seguintes terminacións (tamén sempre átonas) a partir da raíz: fala-, come-, parti-

              –se
              –ses
              –se
              –semos
              –sedes
              –sen



      O futuro de conxuntivo ten as seguintes terminacións (tamén sempre átonas) a partir da raíz nos verbos regulares (como no pretérito conxuntivo) ou da raíz de perfecto (nos verbos irregulares: dixe-, tive-, quixe-, viñe-, vi-, estive-, fixe-, etc.:

              –r
              –res
              –r
              –rmos
              –rdes
              –ren


      Precisamente as terminacións do futuro de conxuntivo son iguais que as do infinitivo conxugado nos verbos regulares, polo que entrambos presentan exactamente o mesmo paradigma:

      falar
      falares
      falar
      falarmos
      falardes
      falaren


      mais non é así cando se trata de verbos irregulares:


      quixer <--> querer
      quixeres <--> quereres
      quixer <--> querer
      quixermos <--> querermos
      quixerdes <--> quererdes
      quixeren <--> quereren

      Tempo futuro

      O tempo verbal futuro, cuxas formas xa foron ofrecidas previamente, ten máis dun uso.

      Dunha banda, expresa un tempo futuro, aínda que existen outras formas de expresar feitos ou accións que están por chegar, como tamén aparece noutra ficha.

      Por tanto, ten un uso de tempo cronolóxico futuro:
      • Teremos tempo de falar diso durante na sobremesa
      Ademais, é moi frecuente o uso do tempo verbal futuro para expresar posibilidade (na realidade, este segundo uso é moito máis común):
      • A: Que estraño, o neno ergueuse ás sete da mañá...
      • B: Terá fame e quererá comer algo.


      Expresión do futuro

      Para expresar tempo futuro, o galego sérvese de varias posibilidades.

      (a) o tempo futuro:
      • Cando case, terei moitos fillos.

      (b) o futuro analítico coa perífrase ir + INF
      • Vou ter que reparar o auto un día destes.
        
      (c) coa perífrase haber + INF. En moitos casos, esta perífrase úsase moito para a expresión de obrigas, mais o seu valor de futuro é tamén presente.
      • Heiche dar un bo consello.

      (d) o tempo verbal presente úsase moi frecuentemente para expresar tempo cronolóxico futuro
      • Mañá falo con eles e xa che digo algo.
      As diferenzas entre b) e d) son mínimas. Apenas d) fai referencia a un futuro moi próximo, aínda que nos máis dos casos (b) e (d) son intercambiábeis.

      A diferenza entre a) e b) pode vir dada por varios contextos:

      - dunha banda, unha diferenza estilística, onde (a) é máis formal ca (b)
      - outros usos de (a) fóra do futuro (véxase)
      - (a) ten un valor de predición, ameaza, etc. que (b) non ten, moi a miúdo co adverbio xa:
      • Xa virás a me pedir perdón.
      • Xa o entenderás cando teñas idade.

      Futuro: tempo futuro e expresión de futuro

      Cando se fala de futuro convén distinguir entre o chamado tempo futuro e a expresión do futuro.

      No primeiro caso, o tempo futuro, ten estas formas nas tres conxugacións:

      FALAR

            falarei
            falarás
            falará
            falaremos
            falaredes
            falarán

      COMER

            comerei
            comerás
            comerá
            comeremos
            comeredes
            comerán

      PARTIR

            partirei       
            partirás 
            partirá  
            partiremos 
            partiredes  
            partirán  


      mércores, 10 de novembro de 2010

      Antepretérito vs. pretérito conxuntivo: 'cantara' ~ 'cantase'

      En galego estas dúas formas non son alternativas como acontece en castelán.

      CANTARA corresponde ao prepretérito de indicativo, un tempo que en galego é simple, equivalente en castelán a había cantado e en portugués a tinha cantado (cantara en portugués é arcaico). Véxase ademais a entrada relativa ao antepretérito.

      CANTASE corresponde ao pretérito de subxuntivo ou conxuntivo e ten a mesma forma en portugués (alén da mudanza ortográfica: cantasse), mais en castelán admite dúas formas: cantara ou cantase. Esta alternancia castelá aplícase incorrectamente ao galego, de modo que se di:
      • *Sería mellor que compraras uns doces para os convidados.

      En troques, o correcto é:
      • Sería mellor que comprases uns doces para os convidados.
      Convén por tanto ter presente as equivalencias:


      ES
      PT
      GL
      había cantado
      tinha cantado
      cantara
      cantara/cantase
      cantasse
      cantase



      Antepretérito

      O antepretérito (pretérito-mais-que-perfeito en portugués, pluscuamperfecto en español) é a terceira forma dos tempos de pasado.

      O galego ten unha particularidade importante: conserva as formas sintéticas no paradigma (en portugués a dita forma é mesmo arcaica):
                                      
      Por tanto, o seu paradigma é como segue:


      Obsérvese a acentuación das formas de 1PP e 2PP: cantaramos, cantarades; beberamos, beberades; partiramos, partirades.

      Canto ao seu uso, fai referencia ao pasado do pasado. Desta forma, en referíndose a dúas accións do pasado, o antepretérito fai referencia á primeira delas:
      • Cando chegaron os convidados, o Xoán e a María xa arrumbaran toda a casa



      martes, 9 de novembro de 2010

      'ca', 'que'

      O segundo termo da comparación pódese introducir en galego con ca e que, mais o seu uso non é idéntico.

      Todos os segundos termos poden ser introducidos con ca (e o mesmo coma). Porén, só é absolutamente obrigatorio cando o segundo termo da comparación é un pronome persoal, en cuxo caso toma a forma obxecto (de facto só acontece con min e ti).

      O uso de que (e por tanto tamén  como) abrangue tamén todos os casos, excepto precisamente cando se trata de pronomes persoais.
      • Ten máis amigos ca /que ningún outro rapaz na aldea
      • É máis alta ca / que o resto das súas compañeiras
      • Ten máis amigos ca / *que ti

      Porén, en usos fóra da comparación, non se usan nin ca nin coma.

      Cando o segundo elemento da comparación, úsase do que:
      • Sabe máis do que parece
      O conector ca admite contraccións co artigo definido: có, cá, cós, cás (mais non é obrigatorio)
      • Corría máis có / ca o demo

      En portugués, o uso de do que é normal en todos os contextos comparativos; ademais, non aparece nunca a forma obxecto do pronome :
      • Ele tem mais amigos do que nimigos

      'cumpre', 'cómpre'

      O verbo cumprir ten dous significados en galego:

      1. levar a cabo algo que se tiña proposto ou planificado, realizar. Neste caso é un verbo que se conxuga en todas as persoas.
      • O meu pai sempre cumpre as súas promesas

      2. ser preciso, haber que. Neste caso é un verbo impersoal que só se conxuga na terceira persoa do singular.
      • Cómpre ser fiel aos principios

      O importante é que na forma 2, o verbo mostra unha forma no presente de indicativo cómpre, mentres que no uso 1 é cumpre, como se ve nos dous exemplos anteriores.

      Doutra banda, distínguese ortograficamente entre cómpre xa sinalado e compre, que é presente de conxuntivo do verbo comprar, tal como aparece respectivamente nestes dous exemplos:
      • Cómpre estar atento ás súas decisións
      • Espero que compre o que lle convén

      En galego enxebre, hai ademais unha diferenza fonética importante. Dunha banda, cómpre ten vogal aberta, mentres que compre a ten fechada.

      'Longo' e 'largo'

      Estas dúas palabras son a miúdo usadas incorrectamente en galego.

      Como adoita acontecer, a confusión co español é o que conduce ao erro.

      LARGO

      Significa ancho en español. En galego, porén, tamén existe ancho, por tanto, ancho e largo son sinónimos, mais recomendamos o uso de largo; é por esa razón que convén usar banda larga para o que en español é chamado banda ancha. Tamén son sinónimos en galego enanchar e alargar.

      LONGO

      Significa largo en español. Para o español alargado cómpre usar o galego alongado, nunca alargado.

      O galego-portugués mantén as formas etimolóxicas con estas dúas palabras, como o italiano e o francés, embora non coincida co español, catalán e sardo.

      xoves, 16 de setembro de 2010

      'Dar feito'

      Esta é unha perífrase exclusiva do galego, co verbo dar e un participio que fica inalterábel.

      Significa conseguir / lograr facer algo.

      Eis algúns exemplos:
      • Quixen ter unhas palabras con el mais non o dei visto.
      • Ando a procurar as tesoiras mais non as dou atopado.
      • Loitou e loitou co inglés até que o deu dominado.

      Clíticos e pronomes

      Na gramática tradicional, clíticos e pronomes son considerados o mesmo tipo de palabras. Na realidade, non é así. Nos idiomas románicos, convén distinguir entre clíticos e pronomes, dado que teñen trazos diferentes.

      Fonoloxicamente, os clíticos son átonos, mentres os pronomes son tónicos.

      Morfoloxicamente, os clíticos son monosílabos, mentres os pronomes poden ser polisílabos.

      Sintacticamente, os clíticos fan referencia a funcións sintácticas, porén os pronomes son operadores sintácticos (véxase respecto disto Pleonasmo dos clíticos, onde se mostra como os clíticos aparecen pleonasticamente). Ademais, un clítico non pode ser o primeiro elemento dunha oración, mentres que o pronome si pode abrila.

      Segundo as regras do pleonasmo, clíticos e pronomes poden aparecer xuntos:
      • A min non me dixeron nada.
      • A el vímolo onte pola rúa.

      En galego, como en todas as linguas iberorrománicas, os clíticos son só de obxecto, mais noutras linguas románicas (francés, grupo galorrománico) hai tamén clíticos de suxeito, chamados funtores.

      Os pronomes en galego teñen as seguintes formas:
                                   
      Notas:
      * Son formas con flexión, vgr.: meu, miña, meus, miñas.
      ** Tu é usado ao menos na metade do territorio e é a forma común co portugués, considerada dialectal, mais correcta no galego padrón.
      *** Úsanse tamén as formas con nós e con vós.

      Cómpre citar a respecto do cadro anterior que as formas marcadas como [+ref], reflexivas, tenden a ser substituídas polas [-ref].
                                               
      O cadro non inclúe as formas de cortesía que son tratadas noutra postaxe.

      Pola súa banda, os clíticos presentan as seguintes formas:

      Notas:
      * Con alomorfos: o, lo, no || a, la, na.

      Os clíticos son, na realidade, un tipo de morfemas verbais flotantes, isto é, a súa posición na oración vén dada por unha serie de regras (vid. colocación dos clíticos con infinitivo e coas formas finitas simples).

      Como se aprecia, os clíticos marcan caso como ningún outro elemento en galego (eis o caso de te–che, que se pode ver noutra postaxe).

      Alomorfos da 3P: 'o, a, os, as'

      En galego, os clíticos da terceira persoa acusativo presentan diver-sas formas segundo o contexto en que se atopen.

      Falamos daquela dun mesmo morfema que toma diferentes formas, o cal é coñecido co nome de alomorfo.

      Obsérvense as formas que toma o nos seguintes exemplos:
      • O pan véndeo na praza.
      • O pan vendeuno na praza.
      • O pan véndelo na praza

      As regras para o uso destes tres alomorfos son máis sinxelas do que parece:

      1. Próclise:

      – Úsase sempre a primeira forma: o, a, os, as. 
      • O pan xa o venderon todo

      2. Énclise:

      – Detrás de vogal e nasal: forma simple
      • Véndea
      • Cómpraas
      • Véxoos
      • Cómprano

      – Detrás de ditongo: forma con nasal
      • Vendeuna
      • Comprounas

      – Detrás de /-r/ ou /-s/, forma con lateral, mais os fonemas anteriores fican absorbidos, isto é:
      • Cantas o > cántalo
      • Entender o > enténdelo
      Isto hase entender a través de formas arcaicas, algunha delas aínda conservadas no galego eonaviego, que representan estadios anteriores da lingua:
      • Entendes-lo (eon.) > enténdelo
      • Entender-lo > entendelo

      mércores, 15 de setembro de 2010

      O pleonasmo dos clíticos

      Un dos trazos característicos non só do galego, mais de case todas as linguas románicas é a aparente redundancia dos clíticos na frase.
        
      En cada lingua funciona dun xeito diferente, mais en virtualmente todas elas é normal o seu uso, como indicamos, aparentemente redundante.
        
      Os clíticos fan referencia a un obxecto (directo ou indirecto), polo que en principio, substitúen o obxecto omitido:
      A: Mercaches uns lentes novos?
      B: Merqueinos.
        
      Ora ben, aparece a aparente redundancia nestoutro exemplo (topicalización):
      • O Lois detivérono onte.
        
      Na realidade, son casos non de redundancia, senón de pleonasmo, que trata tamén dunha repetición mais non desnecesaria.
        
      Podemos distinguir entre os usos opcionais e obrigatorios en galego.

      1. É opcional nas frases que manteñen o obxecto no seu posto normal. En tales circunstancias, o clítico acostuma non aparecer, embora sexa posíbel que cando se trate do dativo si se faga presente. Responde á estrutura seguinte:





       * O pro indica elemento omitido.

      Con todo, esta é unha influencia do castelán no galego, polo que se recomenda evitar este uso.

      2.  É obrigatorio cando se dea unha topicalización. Daquela o clítico ten que aparecer:



      O uso do galego varía respecto doutras linguas románicas, mais en xeral existe a tendencia ao pleonasmo en todas elas.


      Uso de 'estar a piques de' ou 'estar para'

      Dentro das perífrases galegas, estar para + VINF ou estar a piques de + VINF son as normais para expresaren algo que ten ou terá lugar na veciñanza do momento da fala ou do momento de referencia.

      Equivalen ao español estar a punto de; en portugués úsase máis ben estar para, o mesmo que en italiano: stare per.
      • O depósito de auga, por mor da chuvia, estaba para / a piques de rebentar.
      • Despois de ouvir tanta estupidez xunta, o Pedro estaba a piques de / para perder o control.
      • Xa estamos para/ a piques de atravesar a fronteira.


      Uso de 'ir en'

      O galego expresa a dirección coas preposicións a ou para, do modo máis habitual.

      Existe, porén, un uso de en co verbo ir que ten un grande interese, pois é exclusivo do galego.

      Dise ir en cando se está nun lugar perfectamente localizado, moi habitualmente un local fechado, non unha poboación, coa idea de que quen vai tornará despois.
      • O Francisco vai na biblioteca. Reservara uns libros alí.
      • A Matilde foi na escola para falar cos mestres do fillo.
      • Espera un chisquiño, o Pedro foi na corte e agora vén.
      • O tipo vai na rua e cáelle un tixolo. Coitado

      Formas de cortesía


      As formas de cortesía do galego padrón son vostede para o singular e vostedes para o plural, en portugués você e vocês respectivamente.

      Réxense pola terceira persoa canto ao verbo e por tanto requiren dos clíticos da terceira persoa: o, a, os, as, lle, lles.
      • Eu a vostedes non os coñezo
      • Ordenamos que lles trouxesen as toallas limpas a vostedes

      E por esa mesma lóxica, os posesivos son tamén os da terceira persoa: seu, súa, seus, súas. Caso se quixer distinguir entre a terceira persoa propiamente e a persoa de cortesía, pódense usar as formas analíticas con de:
      • Ese saio é seu (ambiguo)
      • Ese saio é del
      • Ese saio é de vostede

      É parte do uso galego –embora non se recolla na lingua padrón– o emprego das formas reflexivas co posesivo, que, doutra banda, é normal en portugués:
      • Eu quería falar consigo(= con vostede)
      • Hai moito tempo que non sei nada de si (=de vostede)

      É interesante observar, canto ao seu uso, que as formas de cortesía galega son relativamente simples. O galego non ten tres graos como ten o portugués, senón dous, como o español. Obsérvese o seguinte cadro que recolle as formas de cortesía e a segunda persoa nas dúas variantes do portugués e o galego:
      * Ten un uso moi limitado no Brasil. Xeralmente foi substituído por você
      ** Non é portugués padrón, úsase nas áreas nor-orientais do país e aínda con valor arcaizante na literatura.
      *** É forma considerada dialectal mais correcta en galego, que se usa en máis da metade do territorio.